Actualidade + Opinión  Santiago, 13 de setembro de 2002
O compromiso nacionalista e de esquerdas marcou a sua vida e obra Finou Roberto Vidal Bolaño, referente fundamental do teatro galego
| |  | | Con máis da metade da sua vida dedicada ao teatro, Roberto Vidal Bolaño é unha das figuras claves da escena galega contemporánea. | | | Con máis da metade da sua vida dedicada ao teatro, Roberto Vidal Bolaño é unha das figuras claves da escena galega contemporánea. Dono dunha escrita teatral poderosa e nada compracente, Vidal Bolaño foi ademais actor en numerosos espéctaculos, películas ou séries de televisión; sen esquecermos a sua faceta como director teatral. Os seus comezos no mundo teatral datan dos anos 70, onde traballou en compañias como "Abrente" ou "Antroido". Na actualidade era responsábel da compañia santiaguesa "Teatro do Aqui". Desde sempre, Vidal Bolaño apostou pola dignificación do feito teatral en Galiza, que pasaba pola construción dun teatro nacional galego. Ao mesmo tempo, o compromiso da língua e nación galegas, asi como cos máis desfavorecidos, poden-se rastrexar no devir da produción do dramaturgo compostelán. A crítica ao poder e o humor empregado como arma de defensa son característicos na sua escrita, na que se nota un peso importante da tradición teatral tanto galega como universal e un afán inovador, non en van Vidal Bolaño, ainda que autodidacta, era un autor dunha ampla formación. O sindicalismo nacionalista non é alleo a esta perda. Roberto Vidal Bolaño ficará na nosa memória e a da nación galega.
Opinión Rafa Villar Insubornábel, asi era Roberto. Ben o sabemos os que o tratamos. Ben o saben tamén aqueles que o tiveron enfronte (os poderosos). Formaba parte dos "abaixo asinantes", mais dos que non quedaba só aí, nunha simples sinatura, senón dos que –ao seu xeito– interviñan na "cousa pública". Nos últimos tempos, por exemplo, desde a Mesa pola Liberdade dos Presos Independentistas.
Detrás dese pesimismo que traslocia, asexaba un home que desfrutaba como ninguén co teatro –escrebendo, dirixindo, actuando–, un home posuidor dun compromiso ético imenso –que para alguns resultaba ingrato–, un home do que non resulta doado despedir-se. Custa traballo imaxinar as ruas da cidade de Compostela sen el, sen a sua figura alta e esbandallada, sen o seu chapeu. Para os que estiveron ao seu carón, non vai ser doado que se erga o pano e Roberto máis nunca saia a saudar.
|