ActualidadeVolver


Vigo, 8 de outubro de 2002

Homenaxe ao galeguista Elixio Rodríguez
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com



 Clic para aumentar
Elixio Rodríguez Domínguez.
 
Nun restaurante da vila de Bande realizouse o pasado venres, día 4 de outubro, unha cea homenaxe ao galeguista Elixio Rodríguez. A iniciativa partiu de Xan Leira, guionista, productor e director de cine e TV. Alí estiveron representantes da Fundación Castelao, da Fundación Bóveda, da CIG, do BNG, da Asociación Galega de Historiadores, así como amigos e veciños. Fixéronselle entrega de diversos recordos, houbo verbas emotivas e unha poesía adicada á súa coerencia e entrega durante tantos anos.

Elixio Rodríguez Domínguez naceu en Grou, Lobios, no ano 1910. Dende moi novo escolleu a causa do galeguismo, militando nas Mocidades Galeguistas. Tras o alzamento de 1936 sufriu persecución política. Refuxiouse na Lexión Estranxeira e, debido a unha conxuntura afortunada, ingresou na Arma de Aviación co grao de Alférez. O 7 de marzo de 1937 fuxiu a Xibraltar nun vello Breguet XIX para incorporarse á aviación republicana, onde permaneceu ate o final da guerra.

Refuxiado en Franza, gracias á intervención de Castelao, Luís Soto e ao apoio das comunidades galegas en América, foi un dos moitos galegos evacuados en 1939 cara México. Durante décadas de exilio participou en múltiples actividades culturais galeguistas, como a revista Saudade, o programa de radio A Hora de Galicia ou a revista Vieiros. Entre as súas amizades contáronse Companys, Olof Palme, André Malraux ou o espía británico James Playdon.

Edicións Xerais editou no ano 1994 un libro de memorias sobre a súa vida na colección Crómicas, que tiña como titulo “Matádeo mañá; memorias dun aviador galeguista republicano entre a guerra e o exilio”. Entre outros moitos temas de interese fálanos do seu encontro en México no café Madrid cun grupo de cubanos. Conta Elixio que “proxectaban derrubar ao governo de Fulgencio Batista e facer a súa propia revolución. Ao de mans longas e ben coidadas chamábanlle Fidel. Ao fotografo decianlle Che. Dous persoaxes que, naquel momento, pasaban desapercibidos por completo. En pouco tempo habían de figurar entre os mais celebres da época. Eu prezome de poder dicir que cultivei con ambos unha efémera pero moi afectuosa amizade”.

Sobre a súa militancia en galiza nos anos previos á Guerra Civil, dinos “Fun constante, acérrimo e leal membro do Partido Galeguista. Pertencendo previamente á Mocidade Galeguista de Ourense e á de Bande. A última fundada por min en colaboración co meu amigo e veciño Fonso Santelices, e da que fun secretario xeral, tivo bastante éxito. Pois por iniciativa nosa, foron organizados mitins aos que acudiron multitudes nunca vistas nen imaxinadas na comarca, atraídas pola irresistíbel persoalidade de oradores como Castelao ou o que foi querido “patriarca” don Ramón Otero Pedrayo, polo verbo apaixoado do futuro autor de Longa Noite de Pedra, Celso Emilio Ferreiro, ou polas calidas arengas de Pepe Velo quen, andando o tempo, había ocupar as primeiras planas de todos os xornais como executor da aventura mais fantástica e insólita da súa época: o secuestro do transatlántico Santa María, con mais de mil turistas a bordo”.

Na actualidade Elixio pasa unha parte do ano en México onde vive os seus fillos e outra en Bande, acompañado sempre da súa muller Gloria. É dos que non faltan á manifestación do Día da Patria Galega en Santiago de Compostela cando se atopa en Galiza.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/10/2002