Actualidade / Artigo Chechénia e os povos sen Estado Heinz Dieterich Steffan-
A bomba de tempo que representa a falta de autonomia de centos de povos e culturas que se atopan na camisa de forza de Estados-nacións centralizadas, ten a sua xénese en diferentes épocas históricas: en China aparece hai tres mil anos, mentres que en Europa (Franza) e América (Império incaico) "a penas" leva seiscentos anos. Os motivos que xeran o problema son, porén, relativamente uniformes através dos tempos e rexións xeoculturais e poden resumir-se nun factor central: os intereses expansivos de dominación e explotación de determinadas elites locais. Os estados nacionais modernos son o resultado da violéncia e imposición exitosa deses intereses elitistas sobre os povos circundantes. No caso do Estado español, por exemplo, son as elites de Castela e Aragón que conxuntamente someten os povos de Catalunya, Galiza, Navarra e do País Vasco, para agrandar a sua base de poder económico e militar fronte aos rivais europeos (Franza, Inglaterra, Alemaña) e non-europeos, como os árabes e turcos. Foron actos de colonización violenta que despois se repetiron en África e América e que, nalguns casos, pretenderon a asimilación dos povos sometidos e noutros, o seu simples sometimento mediante o terrorismo de Estado. "Asimilación" significaba, por suposto, a destrución das identidades autóctonas, tal como explica elocuentemente Antonio de Nebrija ante os Reis Católicos, cando o seu alegato de mercadotécnia trata de convencer o poder central de financiar a sua novidosa gramática española como instrumento imperial imprescindíbel para dominar os povos asoballados. Nacidos da opresión e explotación elitista, os Estados-nación mostran ser unha criación abraiantemente resistente aos cámbios da história, reprimindo con violéncia todo intento dos sometidos a recuperar parte da antiga autodeterminación e idiosincrásia perdida. Só a meio milénio da sua criación en Europa, por exemplo, racha a camisa de forza dos Estados imperiais mediante a descolonización formal despois de 1945, pero o problema segue no interior dos antigos e novos Estados nacionais. Unha segunda dinámica revisora inícia-se coa disolución da Unión Soviética e a gradual substitución do Estado nacional polo rexional. A guerra de Chechénia, ao igual que a independéncia das Repúblicas bálticas, é parte da disolución do Estado imperial ruso; o conflito en Irlanda do Norte e no País Vasco responde á gradual transferéncia de funcións do Estado nacional ao rexional, neste caso, á Unión Europea. Dentro deste cruzamento de tendéncias evolutivas seculares e até milenárias na economia, a política e a cultura da humanidade, a recuperación da autodeterminación produce-se nalguns casos con abraiante facilidade, como un acto administrativo, como no caso das Repúblicas bálticas, mentres que noutros se volve unha traxédia épica como en Vietnam, Palestina ou o Cáucaso, tal como lembra Leon Tolstoi nun dos seus relatos (Hadji Murad) sobre a conquista militar de Chechénia polos exércitos tzaristas (1839-1854). Se a recuperación do direito a un Estado próprio se converte nunha via crucis ou non, depende de vários factores. No Cáucaso combinan-se todas as variábeis posíbeis para complicar unha solución independentista. É unha zona xeoestratégica para a nova orde enerxética mundial, na cal as transnacionais de Estados Unidos, Rúsia e da Unión Europea libran unha guerra sen cuartel, e na cal as tres poténcias e China se enfrentan nun conflito hexemónico sobre o control da rexión. Máis de sesenta línguas e centos de grupos étnicos e comunidades, incluindo moitos rusos, con diferentes relixións, forman un mosaico heteroxéneo nos vales desta zona montañosa, que ten unha extensión territorial que non transcende a do Estado español. A nova irrupción dos povos sen Estado na política mundial requer un marco de negociación global que só pode ser proporcionado polas Nacións Unidas (ONU), con solucións que poderian variar desde amplas autonomias até a formación de Estados nacionais independentes, segundo o caso. As demandas dos povos son, en moitas rexións, lexítimas e hoxe en dia non hai xustificación para os manter dentro de relacións de forza que determinadas elites medievais lles impuxeron a ferro e lume. Desde o ponto de vista da clase dominante europea, por exemplo, non hai razón para non conceder-lles aos escoceses ou vascos un Estado próprio, se asi o desexan, porque non afectaria a razón de ser do Estado rexional europeo que é a competéncia con Estados Unidos. Trataria-se, esencialmente, dun reacomodo interno dun bloque imperial que, no seu conxunto, non lle tiraria poder cara ao exterior. Debilitaria, porén, o poder de negociación das elites francesas e españolas fronte ás elites alemanas e inglesas, feito que explica, porque Madrid e Paris non conceden procesos de autodeterminación nos seus territórios. O problema dos povos sen Estado nacional adoece de duas deficiéncias fundamentais: a) non recebeu a atención política necesária da comunidade mundial para desactivar a sua potencial de violéncia e, b) non foi tratado na sua complexidade teórica. A chamada "cuestión nacional" está a ser discutida separadamente do interrogante sobre o seu carácter democrático e socioeconómico; desta maneira, a demanda dun Estado próprio non transcende o ámbito dun simples direito formal que na realidade pode combinar-se con calquer contido reaccionário e neocolonial. Os países de Asia Central son o mellor exemplo desta problemática. Ao saíren do domínio do Estado central ruso-soviético, converteron-se en Estados patrimoniais ao estilo dos Estados feudal-mercantil-neocoloniais de Oriente Médio, como Arábia Saudita, controlados por máfias e oligarquias parasitárias, que non representan nengun progreso para os seus povos nen para a humanidade. A liberación nacional dos povos do control elitista estranxeiro –e as suas oligarquias internas– é un axioma inalienábel do direito internacional. Pero este tópico só pode converter-se nun veículo de vangarda mundial, se deixa de mimetizar o Estado clasista feudal-burgués, substituindo-o polo Estado da futura sociedade poscapitalista: o Estado da democrácia participativa.
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/10/2002 |