Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 4 de outubro de 2002 (Publicado en A Nosa Terra o 03/10/2002)

A Xunta “externaliza” o Plano Xeral de Normalización Lingüística
Convocou un concurso público para a súa elaboración, cun orzamento de case 80.000 euros
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


(...) ¿Non sería ben que a Xunta planificase unha política lingüística acorde coa maduración da sociedade? Empezar por crear unha Dirección Xeral de Política Lingüística para que fixese algo neste campo. (Desculpen, infórmanme de que xa hai). Vaia, pois logo deberan cubrir a praza e nomear un director xeral. (Desculpen, infórmanme de que xa está nomeado). Desconcertante.
Suso de Toro, “A nave vai”, La Voz de Galicia (13 de febreiro de 1999).



O mércores 18 de setembro o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba unha resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitária pola que se anunciaba o concurso público para un "contrato de servicios para a elaboración dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega", cun importante orzamento de case 80.000 euros (máis de 13 millóns de pesetas).

Sen entrarmos a avaliar as consideracións técnico-administrativas contidas nos correspondentes pregos de condicións que acompañan a convocatoria (algunhas das cales resultan, cando menos, curiosas ou rechamantes), si pensamos que a propia convocatoria dun concurso público para o fin sinalado merece algunhas consideracións:

Cun orzamento anual que se achega aos 3.000 millóns de ptas (desde o ano 1993), a Dirección Xeral de Política Lingüística é o organismo que leva case vinte anos rexendo a política lingüística da Xunta de Galicia. Con todo, este é un orzamento ficticio, na medida en que, por exemplo, máis de 500 millóns van parar á televisión e rádio autonómicas para promover o uso do galego, obxecto que é precisamente a razón fundacional de ambas. Outros destinos son aínda máis espurios, como a subvención achegada á Real Academia... Española!, etcétera, etcétera. Polo mesmo, resulta estraño –e mesmo sospeitoso– que a Dirección Xeral de Política Lingüística non sexa o organismo encargado do obxecto de contratación do devandito concurso público: a "realización dos traballos de elaboración e redacción dun Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

En todos estes anos, e malia a creación da denominada Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística (hai xa 12 anos), integrada polo presidente da Xunta e varios titulares de diversas consellerías, a demanda social de elaboración dun Plano para a extensión de usos e funcións da lingua galega non fora atendida. Tampouco hai novas de que esta Comisión Coordinadora, vertebradora en teoría do proceso normalizador desde as máis diferentes parcelas do goberno autonómico, chegase realmente a funcionar e a articular medidas normalizadoras.

O Programa electoral de goberno presentado polo PP nas pasadas eleccións autonómicas, de 2001, contemplaba a elaboración dun "Plan xeral de promoción do idioma galego", dentro da peculiar filosofía lingüística da dereita en Galiza: "o PP defendeu e defenderá sempre para Galicia o uso social das súas linguas oficiais (...) a opción centrada no futuro de Galicia é a promoción cooperativa (sic) das dúas línguas [castelán e galego]". Enfin, a teoria (!) do "bilingüismo limpo e harmónico", só que xa sen ousar chamarlle así (evitación seguramente debida á chanza xeneralizada que provocaba alén das nosas fronteiras).

No último dos retiros do presidente da Xunta cos seus conselleiros, en Sobrado dos Monxes, un dos supostos proxectos-estrela que presentaba o Goberno autonómico era o anuncio da elaboración dun plano de normalización do galego, plano chamado a ser –seica– a xoia da corona do derradeiro (?) mandato de Fraga Iribarne. O que pasa é que vendo actuacións gobernamentais –como a supresión da proba de coñecemento da lingua galega nos procesos selectivos para o ingreso nos corpos Superior da Administración, de Xestión e Administrativo da Xunta– ou a sua inacción noutros temas –por exemplo, á hora de facer cumprir o decreto que regula o uso do galego para o ensino non universitario– dificilmente se pode agardar que de aí saia algo minimamente bo para o futuro do idioma.

O propio Director Xeral de Política Lingüística levaba xa varios meses anunciando privada e publicamente que estaban a traballar na elaboración do dito Plano, e en determinados círculos víñase apuntando que as súas liñas mestras estaban a ser redactadas por unha "tríade de especialistas", persoas de confianza do PP, nucleadas en torno ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Isto, en contra de toda lóxica, xa que o normal seria que estas liñas políticas mestras contasen coas forzas políticas do país, sinaladamente coas que teñen presencia parlamentaria. En todo caso, é de supor que as ideas-forza do Plano vaian ser as antes referidas, contempladas no programa de goberno do PP, e que se resumen na promoción do bilingüismo e, xa que logo, na secundarización da lingua galega.

Tampouco non se coñecen contactos por parte dos responsables gobernamentais da política lingüística en Galiza co amplo abano de organizacións e entidades sociais do país (sindicais, culturais, deportivas, estudantís, veciñais...), co fin de achegar as diferentes visións e artellar dese xeito un plano que de certo se propoña comezar a ordenar o proceso da normalización do noso idioma. Sen ir máis lonxe, a Dirección Xeral de Política Lingüística aínda non respondeu ao emprazamento realizado pola Mesa pola Normalización para consensuar unha serie de mínimos que permitan alcanzar un Acordo Nacional sobre a Lingua.

Para máis escarnio, o que parece ser a última é esta saída a concurso público do contrato de servicios para a elaboración dun Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega, co que parece que a Xunta de Galicia decide a "externalización" do dito servicio, isto é, neste caso o translado fóra da administración pública galega –a unha persoa física ou xurídica– dunha actividade que é estratéxica de seu, como é a planificación do idioma. Dalgún xeito, estase a privatizar unha porción do noso espazo identitario, na medida en que se pretende que a lingua galega e a súa normalización pasen, en forma de plano xeral, da esfera pública á privada.

Por se con isto non abondase, o programa definitivo do VI Encontros para a Normalización Lingüística, organizado polo Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega (¿o Consello terá a dignidade de dicir algo ao respecto?) contempla que a conferencia inaugural, na mañá do vindeiro día 14 de outubro, leve o título "O plan de normalización lingüística da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia", e seica vai ser o propio Director Xeral o encargado de a impartir. E para completar o esperpento, a devandita Dirección Xeral tamén fai pública unha nota na que, ante as críticas vertidas pola deputada nacionalista Pilar Garcia Negro, confusamente pretende aclarar que o obxecto de contratación é o asesoramento técnico para a elaboración do plano de normalización.

Sexa por deixadez, ou incompetencia, ou manifesta mala fe, a encarga que fai a Dirección Xeral de Política Lingüística para a elaboración e redacción dun Plano Xeral de Normalización da Língua –ou aínda que sexa para o asesoramento técnico do dito Plano– é un tropezo máis na ineficaz xestión desenvolvida por este organismo. A isto non é alleo que en Galiza teñamos o raposo a gardar do galiñeiro e sexa o Partido Popular (envorcado desde a súa dirección de Madrid nunha deriva españolista case enfermiza) quen teña que xestionar, institucionalmente, a normalización do galego.

Fronte a iso, desde a iniciativa social normalizadora –case con exclusividade, en mans do nacionalismo– terían que se multiplicar os esforzos, e profundar no labor a desenvolver con certa urxéncia. O estado da cuestión esixe darmos un paso máis: xa non cabe somente estarmos á defensiva, senón que cómpre desenvolvermos unha poderosa acción en prol da nosa emancipación lingüística, tanto desde as fendas abertas na actual ordenación institucional (gobernos municipais con presencia nacionalista) como desde ese importante tecido asociativo con que hoxe o nacionalismo conta.


Rafa Villar é técnico do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.


[Unha versión parcial deste artigo foi publicada no semanário 'A Nosa Terra',
núm. 1.050, do 3 de outubro de 2002]

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/10/2002