Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 15 de novembro de 2002

O novo império americano
 

Santiago E. Díaz Paz-

Bohemia


Estados Unidos e as suas grandes empresas petroleiras necesitan estabilizar os prezos internacionais do cru e asegurar unha subministración estábel. Sen estabilidade nos prezos é imposíbel que as empresas poidan programar exitosamente os seus custos e utilidades futuras (...) Como resultante, a conquista de Iraq daria unha enorme influéncia a Estados Unidos con relación ao prezo internacional do petróleo e, desde aquela, a influéncia da OPEP veria-se moi diminuída.



A recuperación da economia norteamericana, o domínio das reservas de petróleo do mundo, máis altos prezos para os crus e intereses eleitorais mesturan-se para producir a agresión a Iraq.

Está máis que claro que a administración do presidente Bush decidiu mudar o rexime político existinte en Iraq e, tamén está claro que o fará coa aprobación da ONU ou sen a aprobación dese alto órgao internacional.

Por suposto, tal decisión constituirá un grande escándalo internacional e, ademais, o actual ocupante da Casa Branca xoga-se niso a sua posíbel reeleición presidencial. A economia estadounidense está nunha profunda crise, o final da cal hoxe non é posíbel precisar no tempo. E, por suposto, a actual atmosfera guerreirista só contribue a desestabilizar máis os mercados, porén, a aprofundar a crise económica mundial.

Os obxectivos a atinxir son vários e xa resultan evidentes:

A curto prazo as ameazas belicistas desvian a atención do eleitorado estadounidense con vistas ás próximas eleicións parciais en Estados Unidos a celebrar-se o próximo 5 de novembro. Os grandes titulares dos principais órgaos de información de Estados Unidos privilexian as novas relacionadas coa posíbel guerra e, polo tanto, iso favorece as posibilidades do Partido Republicano con vistas a eses comícios.

Por outra parte, Estados Unidos e as suas grandes empresas petroleiras necesitan estabilizar os prezos internacionais do cru e asegurar unha subministración estábel. Sen estabilidade nos prezos é imposíbel que as empresas poidan programar exitosamente os seus custos e utilidades futuras.

Bush é texano e sempre a sua experiéncia corporativa estivo intimamente vinculada coa actividade petroleira. Como resultante non quer que o prezo internacional do petróleo se situe por baixo de 18 dólares o barril. Non é casual que o cru producido en Estados Unidos se chame West Texas e a eses baixos prezos a sua explotación comercial é pouco rendíbel porque os seus custos de produción son elevados. Lembremos que as empresas petroleiras achegaron o fundamental do financiamento necesário para que Bush desenvolvese a enorme campaña eleitoral que o levou á presidéncia do país.

Por suposto eses baixos prezos internacionais serian nefastos para as duas grandes empresas petroleiras de Estados Unidos: A Exxon/Mobil e a Chevron/Texaco. Bush e o vicepresidente Cheney eran importantes empresarios petroleiros e Condolezza Rice era executiva da Texaco. Non por casualidade, un enorme barco tanqueiro construído pola Texaco leva o seu distinguido nome.

A data da agresión proxecta-se contar primeiros do próximo ano, porque o clima iraqui é máis benigno nesa época. De tal maneira, hai tempo para que os inspectores da ONU viaxen a Iraq e realicen o seu traballo; pero, finalmente, para Bush e a CIA, eses esforzos da ONU resultarán insatisfactórios e, polo tanto, inaceitábeis. Cando menos, ese é o plano teórico que están a desenvolver.

Será moi doado para a administración Bush atopar un desertor ou académico iraqui para encabezar un governo espantallo en Iraq, dando lugar á criación dun protectorado estadounidense nese país.

Iraq posue reservas petroleiras de arredor de 115.00o millóns de barris, equivalentes ao 10 por cento das reservas mundiais e as maiores despois das sauditas. Pero calcula-se que, con novas exploracións, poderian triplicar-se. Polo contrário, as reservas de Estados Unidos, incluída Alaska, totalizan só 22.000 millóns de barris.

Como resultante, a conquista de Iraq daria unha enorme influéncia a Estados Unidos con relación ao prezo internacional do petróleo e, desde aquela, a influéncia da OPEP veria-se moi diminuída.

Pero o escenário non é totalmente rosa. Os maiores problemas virán despois da invasión e ocupación de Iraq. A povoación curda do norte e os chiítas do Sul tratarán de obter as suas respectivas independéncias e iso constituirá un sério repto para o novo governo colonial imposto por Estados Unidos. Sen o apoio permanente e decidido de Estados Unidos o novo governo espantallo non poderia consolidar-se.

Desde logo, a invasión a Iraq constituirá unha grande ledícia para o Primeiro Ministro israeli Ariel Sharon e, moi probabelmente, inclinará o apoio do lobby e a minoria israeli estadounidense cara ao partido Republicano e a reeleición de Bush.

En síntese, ao concluir este novo conflito bélico, Estados Unidos terá estabelecidos dous governos coloniais (o de Afganistán e o de Iraq), convertendo-se na grande poténcia colonial dos nosos tempos, a semellanza do império británico do século XIX.

En consecuéncia, retrocedemos na história até a época dos grandes impérios coloniais e, por suposto, o final será o mesmo que tiveron Roma, Londres e outros desaparecidos impérios. Na medida en que o domínio imperial se estende polo mundo o império debilitará-se e, finalmente, entrará nunha crise permanente e irreversíbel.

Ao peche desta edición coñecia-se que a Cámara de Representantes dos Estados Unidos aprobara, nunha dividida votación, por 296 votos a favor e 133 en contra, o proxecto que autoriza o Presidente a usar a forza bélica contra Iraq en caso que se cumpran os requisitos estabelecidos na própria resolución.

Ese é a ensinanza da história e nesta ocasión non será diferente....


[Artigo tirada da revista cubana 'Bohemia', número 29,
13 de novembro de 2002]

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2002