Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 1 de novembro de 2002

Unha ferida doorosa
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com



A emigración segue a ser, aínda que algunhas institucións e partidos prefiran ollar pra outro lado a fin de eludir as responsabilidades, o problema máis grave da sociedade galega. Unha ferida pola que fuxe unha parte da vida deste antigo país, moi especialmente nas áreas interiores e de montaña. No ano 2000 fóronse perto de 18.000 persoas, a metade delas en idades comprendidas entre os 16 e 30 anos, ou sexa, no millor momento pra producir, pra casar, pra ter fillos; en poucas palabras: pra devolver xenerosamente o que o país investiu neles durante dúas décadas. Porén non será así, emigraran, sumando unha cifra negativa máis ás 10.000 persoas que todos os anos morren máis que nacen. É dicir ¡cada ano perdemos o 1% da povoación!. E, aínda, hai quen pensa que todo vai ben.

Mais ¿por qué emigran os nosos paisanos? Sen dúbida non é por turismo ou sede de aventuras, como algún político cinicamente argumentaba a principios de século. Na maioría dos casos é por necesidades económicas. Nomeadamente por falla de emprego, salarios que non dan pra vivir, temporalidade nos contratos, procura dun traballo relacionado coa profesión, etc. Os que marchan son polo xeral persoas forzadas a emigrar, polas sucesivas reconversións e axustes da Unión Europea no sector agrícola gandeiro, asalariados despedidos, ou aqueles que remataron os estudos e procuran emprego na súa profesión.

Hainos tamén que emigran porque queren ver mundo ou afastarse por calquer motivo do lugar onde vive. Mais esta é unha minoría. Despois de todo os procesos migratorios son sempre en gran medida unha traxedia. Primeiro, deixando atrás familia e amigos, lugares coñecidos e unha cultura propia. Logo, procurando inserirse noutra cultura, nun contexto descoñecido, refacendo dende cero a vida. Os movementos migratorios son unha traxedia ¡sempre! tanto pra os países que perden unha parte da xente cando están no seu millor momento productivo, como pra as nacións que os reciben, porque medra a competencia laboral, muda costumes e aumenta a desvertebración social.

Galiza ve como se marchan moitos dos seus fillos e ao mesmo tempo recibe imigración. Uns queren ver só este último feito e quitar como conclusión que somos un país rico, que formamos parte do entorno imperial con todos os seus beneficios. Non é así. Marchan tantos como entran. Agoa ben unha parte destes últimos son galegos e galegas que voltan unha vez que rematou a súa vida laboral activa. O saldo cuantitativo en recursos humáns é negativo. Se temos en conta que os que marchan son persoas de cultura galega e unha parte dos que veñen teñen outra lingua e xeitos de facer as cousas, e normalmente se integran na cultura domeñante, polo que o problema é máis complexo e preocupante, e facer unha análise final sobre o tema migratorio cumpre de maiores matizacións.

Sendo como é unha traxedia individual e colectiva as migracións masivas non se poden fomentar ou apresentar como un feito positivo. Necesitan tanto de medidas urxentes pra evitar no posíbel os seus efectos máis perversos (racismo, situación laboral irregular, discriminación salarial, etc.) como ¡fundamentalmente! solucionar as causas que as provocan: desemprego, pobreza, marxinación, distribución inxusta dos recursos, baixos salarios, etc. As migracións actuais son o síntoma máis evidente do fracaso da globalización e as políticas neoliberais. Non pechemos os ollos, non fagamos virtude do que é unha ferida fonda e doorosa.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/11/2002