Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 15 de novembro de 2002

As rebaixas de outono
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



A Comisión Europea somouse esta semana á onda de rebaixas das previsións de medra económica –o Fondo Monetario Internacional recortouna ata o 0,7%–. A Comisión Europea anunciou unha rebaixa da medra do PIB da eurozona en 2002 ata o 0,8% e do conxunto da UE, ata o 1%.

Para o próximo ano, a Comisión estima que a medra económica comezará a recuperarse e podería atinxir un índice do 1,8% en 2003 na eurozona, mentres que na UE se prevé que atinxa o 2%.

O Executivo comunitario rebaixa deste modo en seis décimas os seus prognósticos de medra da economía da eurozona en relación ás previsións anunciadas o pasado marzo, cando situou o aumento do PIB en 2002 no 1,4% e no 1,5% para o conxunto da Unión.

Encanto á inflación, a Comisión non espera que caia por embaixo do 2% en 2003 e estima que se situará en 2002 no 2,3%, mentres que prognostica que se reduza ao 1,8% en 2004.

Encanto ao déficit orzamentario, os dados da Comisión indican que Alemaña adiantará o limite do 3% en relación co seu PIB e atinxirá en 2002 o 3,8%, para se reducir ao 3,1% en 2003.

Para o estado español, a Comisión Europea prevé unha medra do PIB do 1,9% en 2002, do 2,6% en 2003 e un índice de inflación do 3,6% este ano e do 2,9% o próximo.Así, tal e como dixo o Banco de España e ratificou pola súa parte o ministro de Economía, a economía do estado español non superará o 2% de medra.

A Comisión espera que en Francia o déficit orzamentario aumente ata o 2,7% en 2002 e suba ao 2,9 % o próximo ano, mentres que en Italia atinxirá o 2,4% do PIB en 2002 e neste país a débeda pública medrará ata o 110% do PIB, dados que Bruxelas considera 'preocupantes'.

En xeral, a Comisión estima que o déficit orzamentario atinxirá o 2,3% do PIB en 2002 na eurozona e o 1,9% do PIB no conxunto da Unión.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2002