Actualidade / Artigo Santiago, 26 de novembro de 2002 Plano Marshall para a costa galega
Unha primeira aproximación ao impacto que pode xenerar na economía galega, particularmente no sector mar-industria, a catástrofe da marea negra vertida polo Prestige, permite albiscar consecuencias terribles para o sector e un prolongado período de recuperación que requerirá moito máis que as cativas axudas anunciadas pola Xunta e o goberno central. Segundo o informe Ardan, elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, o valor engadido bruto (VEB) do complexo mar-industria representa o 6,68% do PIB galego e xenera 32.700 empregos (dados do 2001). Amplísimas zonas da costa galega viven deste complexo económico. Os danos que hai que avaliar pasan por cuantificar o impacto do vertido sobre as actividades extractivas (moluscos, crustáceos e peixe), actividades de cultivo (acuicultura e bancos naturais), empresas de industrialización, empresas de distribución e comercialización, actividades de apoio vencelladas ao sector pesqueiro (asteleiros, talleres, xestores, suplidores) e restauración e hostelería. No aspecto comercial o impacto será de longo prazo, xa que as especies galegas serán substituídas imediatamente polas importacións doutros lugares o que xenerará un novo patrón de consumo e a perda de mercados tradicionais nos que os productos de mar galego ocupan un lugar destacado. En termos de marketing a perda é substancial. O tirón turístico das costas galegas recebirá un golpe en seco, baixará grandemente a imaxe de calidade dos productos do mar galego e das denominacións de orixe existentes, tirando pola borda a proxección internacional lograda tras anos de campañas e bó facer extractivo, industrial e comercial. A recuperación desta situación non é doada e esixe longos prazos e esforzos económicos importantes. Socialmente, o cese da actividade extractiva xenerará un paro estructural nas costas galegas por tempo indefinido, co agravante de que a xente do mar galego ten unha cualificación específica de difícil adaptación a outras actividades. O cese da actividade extractiva por tempo indefinido pode alentar novas ondas de emigración co respeitivo impacto social, demográfico e económico. Non queremos alarmar a ninguén pero a situación e moi grave e os panos quentes que se están a poñer sirven de pouco. A costa galega necesita un plano urxente de investimentos de grande calado, unha especie de Plano Marshall de salvamento e recuperación no só dun sector económico, senón dunha forma de vida e dunha parte substancial do ser galego.


 Confederación Intersindical Galega www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/11/2002 |