Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 19 de novembro de 2002

Sobre a reforma do sistema de formación profisional non regrada
 

Suso Seixo Fernández-

cig.secretario-xeral@galizacig.com



O Tribunal Constitucional vén de pronunciar-se, en sentenzas de datas do 25/04/2002 e 17/10/2002, ante senllos recursos apresentados pola Generalitat de Catalunya e a Xunta de Galiza, a favor de recoñecer o carácter de matéria laboral que ten a Formación Contínua e, polo tanto, que a execución da mesma, asi como a xestión dos fundos a ela adicados, é competéncia das ditas comunidades autónomas e non competéncia do Estado, como vén sendo na actualidade.

Estes fallos do dito tribunal, xunto coas informacións aparecidas en diferentes xornais sobre investigacións que a Audiéncia Nacional está a facer sobre supostas fraudes cometidas por certas entidades que imparten Formación Contínua, poñen de actualidade un debate de grande transcendéncia económica e social, como é, se o sistema actual de formación non regrada, unha formación fundamental para cualificar a man de obra galega e adaptá-la ás novas tecnoloxias e a un mercado cada vez máis competitivo, está a ser planificada e xestionada de forma eficaz, tanto nos seus contidos como nos recursos económicos a ela destinados. Desde a CIG sempre manifestamos o noso desacordo co actual sistema de formación non regrada por considerá-lo un sistema perverso, despilfarrador de recursos públicos e non adaptado á nosa realidade laboral, económica e cultural. Estas son as nosas razóns:

1º. Supón por parte da Administración un intento claro de eludir as suas responsabilidades na formación de traballadores/as desocupados e en activo, pasando-lle esa responsabilidade a entidades privadas e, a maiores, fai-se sen pór os mecanismos adecuados para evitar que milleiros de millóns de euros, de fundos públicos, sexan utilizados de forma pouco eficaz e adecuada ás verdadeiras necesidades formativas e do mercado de traballo. Desde a CIG sempre reclamamos, e nunca se fixo por parte da Administración, a elaboración dun Mapa de Necesidades Formativas, tanto territoriais como sectoriais, que tivera en conta as potencialidades de desenvolvimento de cada comarca e cada sector produtivo e que permitise programar e orientar a formación profisional a esas necesidades.

2º. Estamos ante un sistema que, tal como está montado, supón un alto risco polas perdas que pode provocar ás entidades que imparten esta formación. Explico-me. Precisa-se, loxicamente, facer fortes investimentos para preparar unha infraestrutura (centros, persoal administrativo e de dirección, profesorado, material...) para impartir unha formación que precisa dunha convocatória anual sen que a entidade que a imparte teña garantido todos os anos se vai impartir formación e en que cantidade. Precisa-se recorrer a financiamento alleo para facer fronte á montaxe dos cursos, tendo que pagar fortes intereses sen que se poidan imputar aos cursos. Poden-se producir, e producen-se moitas veces, caídas do alunado, por razóns non imputábeis á entidade que imparte a formación, tendo a mesma que reintegrar, parcial ou totalmente, a subvención recebida cando ela xa fixo o investimento correspondente para impartir os ditos cursos, etc. Alguén, empezando polos Governos de turno, é tan inxénuo como para pensar que as entidades que imparten formación ocupacional ou contínua, principalmente as entidades con ánimo de lucro, poden estar a desenvolver esta actividade por altruísmo ou empeñando-se todos os anos? Como fan as entidades con ánimos de lucro para obter benefício, e as que non o son, para evitar perdas, se nos fundos destinados á dita formación non parece nengunha partida que contemple esta finalidade nen casuística? Está a Administración sendo permisiva intencionadamente no control que se fai sobre a utilización dos fundos de formación, sabedora desta problemática que comentamos, pero co firme convencimento de que pode quitarlle rédito político a esta permisividade?

3º. É un sistema, que tal como está montado, se converte nunha via de clientelismo e favoritismo, por unha banda, e por outra nunha via de chantaxe do Governo de turno a respeito das organizacións que imparten esta formación, especialmente das organizacións sindicais. Non fai falta ser moi agudo para decatar-se das graves consecuéncias económicas que ten para calquer organización sindical se o Governo decide, simplesmente, atrasar ou non aprobar unha convocatória de formación durante un ano, como xa o fixo durante o ano 2001, vendo-se obrigada a dita organización sindical a manter con recursos próprios toda unha infraestrutura de formación, ante a imposibilidade de impartir cursos e imputar custos.

Está-se a actuar pois con moita hipocrisia e irresponsabilidade, por parte de case que todos os implicados, e a maiores con moi má fé por parte do Governo.

Desde a Confederación Intersindical Galega cremos que estamos nun bo momento para debater e proceder a modificar o actual sistema de formación profisional non regrada e nese senso queremos facer pública a nosa alternativa:

1º. Que sexan transferidas a Galiza todas as competéncias e recursos económicos de formación contínua, para que poidamos desenvolver un sistema de formación profisional integrado, formado polos subsistemas de formación regrada, ocupacional e contínua, adaptado á nosa realidade sócio-económica e ás necesidades do mercado laboral galego.

2º. Que toda a formación profisional sexa de titularidade pública, asumindo a Administración Autonómica toda a responsabilidade directa que ten que ter na formación permanente e integral das traballadoras e traballadores galegos, activos e non activos, coa colaboración na mesma das centrais sindicais e as organizacións empresariais.

3º. Criación dun Instituto Galego de Formación Profisional e Emprego, como organismo autónomo dependente da Xunta de Galiza, que, asumindo as plenas competéncias en matéria de Formación Profisional, xestione e desenvolva un Plano Integral de Formación Profisional Galego, que permita a integración efectiva dos tres subsistemas de FP, que implante un sistema público eficaz de intermediación na contratación laboral e que conte coa participación, seguimento e control das organizacións sindicais e empresariais.

4º. Fixar uns critérios novos de participación das organizacións sindicais e empresariais na xestión e impartición dos cursos de formación ocupacional e contínua, de tal forma que se rendibilicen, optimicen e se doten de eficácia todos os recursos e infraestrutura de que nos temos dotado estes anos, para impartir formación, tanto as administracións públicas como os axentes sociais e económicos.

Como conclusión, precisamos pór en marcha un sistema de formación profisional integrado, de calidade, adaptado ás necesidades do desenvolvimento produtivo e económico de Galiza. Un sistema público, que conte coa colaboración e participación de sindicatos e organizacións empresariais, que garanta unha utilización óptima dos recursos destinados á dita formación que remate coas suspeitas de fraude xeneralizada, as perversidades e o despilfarro de fundos públicos que conleva o actual sistema, e sobretodo, que poñamos en marcha unha formación profisional que axude a solventar os graves problemas de desemprego, precariedade e falla de competitividade da nosa economia, sendo conscientes de que unha boa formación, se non vai acompañada doutras medidas de carácter económico, de infraestruturas, de investimento en I+D, de estabilidade no emprego ou de apoio aos nosos sectores produtivos, teria escasos resultados a eses efeitos.


Suso Seixo,
secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG)
.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/11/2002