Actualidade Santiago, 12 de decembro de 2002
¿Que sanidade propón a LOSGA? Comentarios de CIG-Saúde ao Anteproxecto de Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia
A LOSGA privatiza, desregula, fragmenta e precariza o sistema sanitario público
MÁIS PRIVADA A LOSGA establece unha serie de mecanismos para ampliar a presencia do sector privado na rede asistencial pública, de maneira que o crecemento futuro do sistema sanitario iría a parar na sua maior parte a mans de intereses privados, co evidente perigo de descapitalización paulatina dos centros públicos. Eses mecanismos son, principalmente, os seguintes: - Crea a Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública, composta en igualdade de condicións polos centros públicos e os centros privados contratados (arts. 11 a 19, e 35.1.c).
- Habilita á Xunta e á Consellería para decidir a participación en capital de entidades privadas ou a constitución de empresas de capital mixto (arts. 22 e 35).
- Otorga aos Servicios de Prevención propios das Empresas a condición de Centro de Saúde respecto da plantilla da mesma (art. 85).
- Rebaixa as esixencias da Lei Xeral de Sanidade para a concertación con centros privados (arts. 10 e 17).
- Permite a cesión da utilización de recursos públicos ás entidades privadas concertadas (art. 49.4).
MENOS LEGALIDADE
A LOSGA é unha norma que non orienta nin explica cómo vai ser o sistema sanitario público de Galicia no futuro, nin cómo se vai organizar, nin cómo quere traballar. En lugar de deixar establecidos os principios básicos de ordenación e funcionamento, limítase a eliminar os aspectos máis progresistas da Lei Xeral de Sanidade e a deixar establecido que calquera fórmula, calquera, poderá utilizarse para organizar o sistema sanitario público e para xestionar os seus recursos, sustituindo a obriga de regulación legal destas materias por unha habilitación xenérica para ir regulando despóis por decreto según interese en cada momento. - Derroga a organización territorial sanitaria, anulando o Mapa Sanitario que será sustituido por circulares internas da Consellería (art. 7 a 9).
- O denominado contrato de servicios sanitarios vulnera de plano a normativa sobre contratos administrativos e concertos (arts. 32.3 e 40).
- As competencias e as funcións da Consellería e as do Sergas poderán exercerse por eles mesmos ou ben a través de entidades interpostas mediante contratos de calquera tipoloxía e modalidade (arts. 22.1 e 35.2).
- Non regula a organización básica dos centros sanitarios (arts. 43 e 67). Non regula o modelo para as urxencias extrahospitalarias (art. 103).
MÁIS FRAGMENTACIÓN
Coa presencia de máis intereses privados, de máis fundacións e empresas públicas ou mixtas, de novas posibilidades de subcontratar a planificación e a xestión dos centros propios, ou de devolver competencias ás administracións locais, o sistema sanitario público de Galicia camiñaría coa LOSGA cara á sua fragmentación e descomposición en mil pezas con intereses e condicións diverxentes. - Habilita a posibilidade de desviar fondos do orzamento sanitario para xestionar centros sanitarios en terceiros países (art. 31.2).
- Consolida a separación entre centros do Sergas e centros de Fundacións e Empresas públicas (art. 69).
- Invita á integración na rede pública, sanitaria e sociosanitaria, de novas iniciativas de capital privado ou mixto (art. 10.1).
- Abre a fórmula da constitución de cooperativas de profesionais para a xestión de centros (art. 69.5).
- Recolle a capacidade de devolución de competencias de xestión de recursos sanitarios ás administracións locais (arts. 26 e 27).
MENOS DEREITOS
Tanto dende un punto de vista interno como externo, a LOSGA incorpora importantes recortes nos dereitos de participación do persoal e da cidadanía no control da xestión do sistema sanitario, e dende o punto de vista asistencial condiciona gravemente a posibilidade de incorporar novas prestacións ao sistema público ou introduce directamente a obriga de soportar o copago desas novas prestacións. - Vacía de contido as funcións e competencias dos consellos de participación cidadá (art. 122 e 126).
- Establece o copago na asistencia sociosanitaria de longa estancia (art. 104.5).
- Flexibiliza e precariza as condicións de traballo do persoal (ver outro documento).
- A figura do Vedor do Paciente non ten presunción de independencia ao ser designado polo Conselleiro e non polo Parlamento (art. 140).
A LOSGA flexibiliza, recorta dereitos e aumenta a discrecionalidade na xestión de persoal dos centros sanitarios públicos
MÁIS FLEXIBILIDADE A LOSGA introduce mecanismos concretos para lograr un sustancial grado de flexibilización nas condicións de traballo e no manexo das plantillas, para conseguir máis facilidades para impor medidas de mobilidade tanto xeográfica como funcional. Os máis destacados son: - Os nomeamentos serán de área e non de centro, o que afectará tanto aos futuros como aos actuais (art. 58.1).
- Extende a capacidade de impoñer a mobilidade forzosa de posto, centro ou localidade dentro da área sanitaria sen criterios nin garantías (arts. 55.3 e 58).
- Introduce a polivalencia de funcións en cada categoría, derrogando unilateralmente a actual definición de funcións dos estatutos (art. 63).
MENOS DEREITOS
A LOSGA tamén contempla disposicións para sobrepasar os límites e garantías que a regulación actual dispón para o exercicio de determinados dereitos laborais do persoal. A filosofía segue a ser a imposición de cambios alí onde non son capaces de convencer: - Anuncia unha nova regulación para o reingreso provisional dende a excedencia sen determinar os criterios pero pretendendo xa con elo anular a normativa actual (art. 57.7).
- Extendendo a imposición da mobilidade forzosa entre centros do Sergas, regula tamén a mobilidade forzosa e o prestamismo laboral entre as Fundacións e o Sergas, legalizando a adscripción forzosa temporal de Sergas a Fundacións e viceversa (arts. 64, 69.6 e 72.1).
- Para o persoal de cupo (APD e Zona) habilita a posibilidade de impoñer un novo réxime de xornada, independentemente de exerceren ou non a opción voluntaria de integrarse no novo modelo. O persoal de APD, ademáis, perde definitivamente os dereitos sobre a doble cotización (art. 65).
MÁIS DISCRECIONALIDADE
Como non podía ser menos, a LOSGA avanza no terreo das medidas que favorecen a discrecionalidade na xestión dos centros, das plantillas e do persoal. Xunto coa flexibilidade extrema que se acadaría coa mobilidade forzosa, os outros elementos que apoian esa política de mans libres son a capacidade de designar xefaturas e cargos e a forma de manexar as plazas e a sua ocupación, que quedarían así: - Sen que a lei estableza criterios, nin requisitos nin condicións básicas ou mínimas de ningún tipo, remite a un reglamento a definición dos procedementos para tales designacións, especialmente non caso da libre designación (art. 57.8).
- Crea a figura do Cadro Presupostario de Persoal como o instrumento para definir as plantillas, co que pretende santificar tres condicións: que o persoal funcionario non esté nunca máis nunha RPT, que as plazas non necesiten estar identificadas individualmente, e que o persoal contratado poda ter dereitos diferentes dos do persoal "de cadro" (art. 60).
MENOS NEGOCIACIÓN
As notas características no tratamento de todos os temas que afectan ao persoal é a imposición e a unilateralidade, é decir, a total ausencia de negociación. Ademáis dos aspectos que xa antes comentamos, completan o círculo desta política antisindical os seguintes: - Anuncia o establecemento dun novo sistema retributivo, do cal o único que se avanza é que terá un importante componente variable (art. 61.2).
- Anuncia a aprobación dun estatuto de persoal por decreto, obviando a esixencia constitucional dunha lei para regular esta materia (art. 66.1).
- Habilita para a aprobación por decreto da creación, modificación ou supresión de categorías (art. 66.2).
- Cae na demagoxia de anunciar o establecemento dunha carreira profesional, sen establecer pautas mínimas nin vinculala á imprescindible negociación (art. 59).
- Anuncia a regulación de procedementos para homologar réximes xurídicos de persoal, sen referencia algunha ao carácter voluntario e negociado de tales integracións (arts. 55.4, 56.3 e 65.1).
|