Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 5 de decembro de 2002

Homenaxe aos homes e mulleres do mar galego
 

Ramón Maceiras-

CIG-Comunicación



Estes días catastróficos estánnos a dar a oportunidade de presumir de pertencer a unha estirpe como a galega. Os homes e as mulleres do mar galego están a demostrar, co seu coraxe, a súa valentía, a súa inquebrantábel decisión, que son hoxe o mellor expoñente dunha estirpe heroica.

Os que vivimos unha boa parte da nosa vida en Venezuela estamos familiarizados cunha frase que dixera en horas tamén catastróficas para a nación venezolana o Libertador Simón Bolívar. “Se a natureza se opón, loitaremos contra ela, ata vencela”. Foi en medio dun tráxico terremoto en Caracas, no inicio da loita contra o imperio español. Un Bolívar mozo, idealista e coraxudo espetou esa frase nun mitin na rúa para combater as patrañas dos curas leais ao imperio español que dicían que o terremoto era un castigo divino polas ideas independentistas que tomaban corpo na Venezuela daquela época. Ao final tivo razón o heroe de Carabobo, Boyacá, Junín, Ayacucho, libertador e fundador de cinco nacións. A natureza non é instrumento de ningún deus castigador.

Tanto naquel terremoto como nesta marea negra, a natureza só devolve ás costas galegas as consecuencias de tanta incompetencia, neglixencia, patetismo, soberbia e estolidez do imperio español e dos seus leais autonómicos.

Os homes e as mulleres do mar galego reaccionaron contra o abandono, a incompetencia e a soberbia dun Fraga patético, dun engominado patiquen de medio pelo, dun Aznar que daría risa se non foran tan tráxicas as consecuencias da súa estupidez, dun Rajoy que esconde tras unha máscara de frialdade e unha verborrea mentireira e infamante unha ineptitude olímpica. Que dicir dos respectivos responsábeis de medio ambiente da Xunta e de Madrid? Que dicir do reyezuelo borbónico que só repartiu falsas palabras e nos largou ao final un mitin do PP?

O único que coordinaron estes criminais foi unha sarta de mentiras. Os únicos medios que puxeron foron os medios de comunicación.

Despois de tanta intoxicación de vertidos de fuel e de mentiras fecais, resulta abraiante ver que os homes e mulleres do mar galego se organizaron, coordinaron e decidiron eles sos emprender a batalla contra a incompetencia. O máis contundente é que están a gañar a batalla contra a marea negra, ademais de converterse nunha estimulante mostra de que unha decisión colectiva pode cambiar o rumbo dunha marea negra e tamén da historia.

Os homes e mulleres do mar galego están a derrubar o tópico que falaba dun pobo galego resignado, folclórico, melancólico e emigrante.

A loita contra a marea negra destes homes e mulleres ten reberetes épicos, dignos dun rapsodo como Homero.

Oxalá tiveramos nos a metade da coraxe, valentía e decisión que despregan nestes días os homes e as mulleres do mar galego.
Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2002