Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 5 de decembro de 2002

Plataforma contra a Burla Negra: organizando a carraxe
 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística



 Clic para aumentar
Chegado o dia 1, a presenza da Plataforma contra a Burla Negra fixo-se notar ben na colosal manifestación que rebordou as ruas de Compostela como nunca outra mobilización destas características o fixera. Con pancarta própria, consignas improvisadas e música a esgalla, o corpo conformado polos compoñentes da Plataforma e pola xente que se conseguiu atrair foi numeroso, e destacaba pola respeitada indicación de que as persoas acudisen vestidas estritamente de negro, transformando-se nunha auténtica maré humana solidária e reivindicativa.
 
O dia 25 de novembro, a penas doce dias despois de que o petroleiro Prestige sofrese unha via de auga perto de Fisterra, case duascentas persoas dos ámbitos máis diversos da cultura reunian-se en asemblea. A finalidade da xuntanza era avaliar as posibilidades de dar unha necesária resposta, desde o ámbito cultural, ante a magnitude da traxédia orixinada polas cantidades inxentes de fuel que o Prestige vertera nas nosas costas, todo isto a pasividade máis absoluta das autoridades e cando xa transcorreran dez anos desde a última catástrofe destas características, a provocada polo Mar Egeo.

Tras máis de tres horas de posta en comun, de vivos debates sobre a orientación desa resposta ou mesmo de considerar a importáncia de ver reunidos unha amplísima representación dos diferentes sectores da nosa cultura, tomaron-se uns poucos pero suficietnes acordos para botar a andar esta iniciativa. Cos ali presentes (xentes do teatro, escritores, músicos, artistas plásticos, persoas vinculadas ao audiovisual...), daba-se por constituída a a Plataforma contra a Burla Negra, que como primeira acción ia comezar de imediato un peche na Casa da Cultura da vila costeira de Laxe. Asi mesmo, tomaba-se o acordo de apoiar a manifestación do dia 1 de decembro, convocada pola plataforma cívica, de carácter sócio-político, "Nunca Máis". Tamén se anúncia nesa asemblea a criación dunha páxina web, dentro do portal Vieiros, que se servise de canle de comunicación da nacente Plataforma. Por último, recomenda-se a difusión da iniciativa e mais a promoción dun lazo negro como símbolo da protesta.

Como definición, a Plataforma contra a Burla Negra era fundamentalmente unha plataforma de acción, con pretensión de amplificar a voz da protesta, achegando o gran de area –manchado de carraxe– dun ámbito, como o cultural, que cando menos no plano simbólico e de imaxe pública ten a sua importáncia no funcionamento dunha sociedade como a nosa.

O peche, que conseguiu centos e centos de adesións, prolongou-se desde o martes 26 de novembro ao sábado 30, e axudou a criar unha certa dinámica para a Plataforma, que ia renovando caras e mesmo voceiros case dun dia para outro. Se primeiramente os que levaron a voz eran persoas do mundo do teatro, a seguir foron músicos e escritores os que convertian a Casa da Cultura de Laxe nun interesantísimo centro do pulo cultural do noso país. O lugar tamén se converteu nun ponto crucial para o intercámbio de ideas, reflexións, propostas...

Chegado o dia 1, a presenza da Plataforma contra a Burla Negra fixo-se notar ben na colosal manifestación que rebordou as ruas de Compostela como nunca outra mobilización destas características o fixera. Con pancarta própria, consignas improvisadas e música a esgalla, o corpo conformado polos compoñentes da Plataforma e pola xente que se conseguiu atrair foi numeroso, e destacaba pola respeitada indicación de que as persoas acudisen vestidas estritamente de negro, transformando-se nunha auténtica maré humana solidária e reivindicativa.

A mesma tarde do dia 1 a Plataforma volveu-se a xuntar en asemblea, máis numerosa ainda que a anterior. Tras as avaliacións respectivas sobre o traballo feito e as accións emprendidas, asi como abrindo posibilidades para futuras propostas de actuación, a Plataforma no seu conxunto decidiu seguir teimando no seu labor, conscientes todos e todas de que unha verdadeira resposta ante esta traxédia só pode vir dada desde unha temporalización das actuacións a curto, meio e longo prazo. Para este fin, avogou-se pola constitución dunha coordenadora da Plataforma, que no dia seguinte ao da asemblea se configurou con oito persoas, recaindo a portavocia compartida no escritor e músico Xurxo Souto e na actriz Patricia Vázquez. Con eles forman parte da coordenadora: o xornalista Tomás Lijó, o pintor Quintana Martelo, o ensinante e poeta Séchu Sende, o guionista Xosé Castro Pato, o estudoso da cultura marítima Xoaquín Cuíñas e quen isto escrebe.


Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2002.

http://burlanegra.vieiros.com
contraburlanegra@vieiros.com

Rafa Villar é membro da directiva da Asociación de Escritores en Língua Galega (AELG).

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2002