ActualidadeVolver


Vigo, 28 de febreiro de 2003

8 de Marzo: Día Internacional da Muller Traballadora
A precariedade laboral tamén é violencia de xénero

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
A precariedade, xunto coa infravaloración do traballo realizado, tradúcese nunha inxusta desigualdade retributiva, supondo o salario das mulleres o 75% de termo medio do dos homes.
 
No día 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, lembramos e homenaxeamos a tódalas mulleres que fixeron posible o cambio, ás que non puideron silenciar nin despois de mortas. O camiño que elas foron percorrendo, continuámolo hoxe outras xeracións na procura de mellores condicións laborais.

Na Galiza do 2003, esta reivindicación adquire especial relevancia ante a agresión capitalista e colonial que supón a catástrofe do buque Prestige, que está a afectar con especial crueza a sectores laborais feminizados, como as mariscadoras, a conserva ou os servicios. A nosa loita contou ó longo da historia, e conta actualmente, coa forza de innumerables mulleres que día a día tratan de resistir o machismo e a discriminación impostos pola sociedade.

Os avances conseguidos foron notables, abrindo espacios para unha nova relación de xénero, na cal o feminino deixe de xogar un papel de subordinación, pero cando ollamos o mundo do traballo vemos o limitados que son estes avances para a muller traballadora.

Nos últimos anos estase a dar un estancamento na consecución de melloras que tenden a eliminar as desigualdades existentes no mercado laboral. As políticas neoliberais están a reforzar os vellos valores patriarcais que consolidan a situación dependente e subordinada da muller no traballo.

As razóns para a reivindicación e a mobilización seguen sendo moitas:

  • A pesar dos avances que se teñen producido na sociedade e que provocaron un aumento da participación da muller no mercado de traballo, a desregularización deste supón un aumento da precariedade, do desemprego, do traballo a tempo parcial, da economía submerxida, da segregación ocupacional horizontal e vertical, etc., que incide principalmente nos colectivos máis desfavorecidos, entre os que nos atopamos as mulleres.

  • A precariedade, xunto coa infravaloración do traballo realizado, tradúcese nunha inxusta desigualdade retributiva, supondo o salario das mulleres o 75% de termo medio do dos homes; esta discriminación dáse en tódolos sectores de actividade, categorías profesionais, modalidades contractuais, grupos de idade e niveis educativos.

  • Soportamos o peso do traballo non remunerado, realizado fundamentalmente no fogar (atención a persoas dependentes, realización tarefas domésticas, etc.) que parece pertencer en exclusiva ás mulleres, xa que estas dedícanlle 47,2 horas á semana fronte ás 13,7 horas de dedicación masculina. Debido a isto, o reto de conciliar a vida familiar e profesional, aínda sendo un problema que debera afectar a ambos sexos, témolo que resolver principalmente as mulleres.

  • A economía submerxida, que representa o 23% do PIB estatal, é fundamentalmente feminina (80%), localizándose maioritariamente en sectores feminizados como son o servicio doméstico, téxtil, agricultura, etc. Esta forte presencia de mulleres na economía submerxida garda relación directa cos outros factores referidos (precariedade, desemprego, etc).

  • Unha política de igualdade de oportunidades debe reforzar sectores nos que tradicionalmente traballamos as mulleres, e que son tan necesarios para unha sociedade avanzada, como son o sanitario ou o educativo. Mais as privatizacións emprendidas polo Partido Popular indican que se camiña no sentido contrario, condenando ó desemprego ou ó traballo precario ás mulleres que antes ocupaban eses postos. Por outra banda, a reducción deses servicios no ámbito público obrigan á muller ó retorno ó fogar, ante as dificultades de compatibilizar a vida laboral e familiar.

Deste relatorio de feitos podemos concluír que as mulleres seguimos a sufrir graves discriminacións no mundo laboral e social, das cales se derivan problemas como a incerteza, a inestabilidade, problemas de cualificación profesional, indefensión ó carecermos de dereitos laborais, menor participación sindical, dificultade ou imposibilidade de accedermos ás prestacións sociais, menor independencia económica, atraso ou supresión da maternidade e, en definitiva, frustración.

Unha situación especialmente grave é a das mulleres novas, afectadas por unha dobre discriminación baseada na idade e no xénero. Neste caso a solución non pasa pola formación ó estaren, por regra xeral, moi cualificadas. Outro dos colectivos profundamente afectados é o das mulleres inmigrantes, sobre todo as que están en situación irregular, que se atopan na indefensión total.


Propostas

As mulleres reclamamos unha nova política económica e social que permita desenvolver efectivamente a igualdade de oportunidades, coa adopción de medidas encamiñadas a conquerir os seguintes fins:

1. Reducir a xornada laboral, o que suporía a creación dun importante número de postos de traballo.

2. Diminuír o traballo non remunerado mediante o reforzo das políticas sociais, o que tamén contribuiría a creación de postos de traballo.

3. Eliminar as discriminacións salariais, directas ou indirectas.

4. Crear emprego estable e de calidade.

5. Facer compatible a vida familiar e laboral de tódolos membros da familia.

6. Normalizar as relacións laborais nas situacións de economía submerxida.

7. Suprimir o réxime especial do traballo doméstico.

8. Garantir os dereitos laborais das inmigrantes mediante a súa regularización.

A nosa participación nas responsabilidades e representación sindical é unha ferramenta óptima para conseguirmos un futuro en igualdade. As mulleres traballadoras, conscientes da nosa realidade, debemos continuar a loita para transformarmos a sociedade na que vivimos nun mundo máis xusto e solidario.


Participa nos actos convocados para o 8 de Marzo na túa comarca.

Faite escoitar.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2003