Actualidade CIG-Comunicación-
A convocatoria comezou ás 10:30 da mañá cunha asemblea de delegadas no Salón de Actos do local da CIG, na que se expuxo a campaña nacional que está a desenvolver a Secretaría da Muller baixo o lema “A precariedade laboral tamén é violencia de xénero”. As presentes tiveron tamén a oportunidade de coñecer os últimos datos publicados en relación á situación laboral da muller galega no ano 2002, segundo un detallado estudio elaborado polo Gabinete Técnico da CIG. Pouco antes das 12:00 da mañá, as mulleres partiron cara á rúa do Príncipe portando 12 figuras femininas, nun acto público lúdico-reivindicativo consistente en dar a coñecer á cidadanía nun xesto festivo as 12 denuncias básicas da campaña “A precariedade laboral tamén é violencia de xénero”. Unha vez na rúa do Príncipe, nunha primeira parada na escalinata do Museo de Arte Contemporáneo (MARCO), as mulleres colocaron as siluetas femininas de xeito que os transeúntes que pasaban puideran ler con claridade as seguintes lendas: “Inmigrantes = dereitos 0”, “Contratos temporais”, “Traballo no fogar = salario 0”, “Desigualdade salarial”, “Maior dificultade para conquerir traballo”, “Acoso sexual”, “Discriminación para acceder a categorías superiores”, “Acoso moral”, “Servicio doméstico = precariedade total”, “Horas extras = traballo gratis”, “Traballo somerxido” e “Contratos por horas = xornada completa”.
Para rematar a xornada, xa polo serán, ás 18:00 horas, proxectouse no Salón de Actos do local da CIG a película “Pan e Rosas” de Ken Loach. O argumento deste filme, que xira en torno á loita dunhas traballadoras do sector da limpeza por acadar unhas condicións laborais dignas, deu lugar, unha vez visionada a cinta, a un debate coloquio moderado pola secretaria comarcal, Cristina Fojo, e a graduada social da CIG, Beatriz Caamaño. Desde a Secretaría da Muller da CIG, avaliouse moi positivamente a participación das traballadoras nesta convocatoria para a reflexión, o debate e a loita, polo incentivo que supón a mesma para seguir traballando no camiño cara á igualdade. | ||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/03/2003 |