Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 28 de marzo de 2003

Pola paz, contra a guerra imperialista
 

Clodomiro Montero Martínez-

cigbancanac1@terra.es



A compañía francesa ELF-TOTAL estaba acaparando ata este momento os contratos petrolíferos en Iraq. Compañías chinas e rusas teñen conquerido recentemente importantes contratos coa administración iraquí para a explotación dos pozos de cru deste país.

Nos últimos anos, estes países trataron de promover na ONU un levantamento do embargo. As compañías petrolíferas dos EEUU, G. Bretaña e España, miraban con recelo un levantamento do embargo que favorecería claramente ás súas competidoras na batalla polo control das segundas reservas máis importantes do mundo.

O control do petróleo está detrás das posturas, a favor ou en contra da guerra, de tódolos gobernos dos países do primeiro mundo, dende os EEUU ou Francia ata Repsol (perdón, queriamos dicir España).

Os iraquís ricos, é dicir, aqueles que mantiñan postos de poder no goberno de Sadam, teñen grandes fortunas no estranxeiro, nos paraísos fiscais creados e mantidos co visto bo do capitalismo mundial. Son os iraquís de a pé, as clases populares, as que serán víctimas inocentes desta guerra.

Esta batalla polo control dos recursos petrolíferos tamén afecta a cidadáns do primeiro mundo; en nome da seguridade están recortándose dereitos cidadáns.

A pluralidade, a liberdade de expresión, están sendo sacrificadas en nome dunha falsa seguridade. Sadam é un dictador pero, ¿que réximes políticos da zona son democráticos? ¿Arabia Saudí? ¿Irán? ¿Israel? ¿Siria? ¿Turquía?

Non hai paz sen xustiza social. Sementando xenreira, sementan futuras guerras. Se os donos das multinacionais queren petróleo, que se maten entre eles.


Marzo 2003.

Clodomiro Montero Martínez, secretario nacional da Federación de Banca da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/03/2003
cig.informatica