|
Actualidade / Artigo
Vigo, 14 de marzo de 2003
Faleceu Lois Tobío
| |
 |
| Lois Tobío Fernández. |
| |
Lois Tobío Fernández nasceu
na vila mariñeira de Viveiro no 1906. Proviña dunha acomodada família que valoraba a formación
e a cultura. Naquel ambiente privilexiado no que predominaba o pensamento humanista, o estudante mozo comezaba
a descobrir o seu fondo sentir galeguista.
Na Compostela de finais dos anos vinte realiza
a carreira de avogacia e incorpora-se á actividade intelectual e política. Con outros mozos do seu
tempo, funda o Seminário de Estudos Galegos, exercendo o cargo de Direitor da Sección de Estudos
Xurídicos e Económicos. Ao rematar a carreira foi nomeado profesor auxiliar de Direito Administrativo.
No início do 1930 acada unha beca da Universidade de Compostela para estudar Ciéncias Políticas
en Berlin, onde pode observar o avance do nazismo. Ao regresar a Santiago, obtén por oposición a
praza de profesor auxiliar de História do Direito Romano. Proclamada a Segunda República o 14 de
abril de 1931, fonda-se o Partido Galeguista, do cal é un dos integrantes mais activos.
Nese mesmo ano, instala-se en Madrid co obxectivo
de doutorar-se. Pouco tempo despóis, gaña unha praza no corpo diplomático da nascente república.
Foi nomeado en 1932 segredário da embaixada española en Bulgária. Nese periodo, retorna en
várias oportunidades a Galiza para colaborar co seu partido e participa na redacción do Estatuto
de Autonomia. Ao iniciar-se a Guerra Civil, asume a representación diplomática da República
en Sofia. Retorna a España no 1937, asumindo o cargo de Segredário Xeral do Ministério de
Estado. En 1938, incorpora-se ao Exército da República.
Coa derrota das forzas populares, segue o camiño
do exílio. O seu primeiro destino foi Nova Iorque, onde atopa a Castelao, Luís Soto e Ramón
Suárez Picallo. Logo, traslada-se a Cuba e alí se relaciona cos intelectuais cubanos que apoiaran
a causa da República española. Posteriormente, marcha a México e traballa unha tempada de
profesor no Instituto Hispano-Mexicano. Finalmente, establece-se definitivamente na República Oriental do
Uruguai.
En Montevideo, desenvolveu unha intensa actividade
xornalística e patriótica, destacando-se polas suas colaboracións no semário da esquerda
Marcha. Foi un dos concelleiros permanentes de Castelao, e un dos ideólogos na conformación do Concello
de Galiza. Participou activamente na Irmandade Galega, no programa de rádio Sempre en Galiza, e no Padroado
da Cultura Galega. En 1956, participou xunto a Xesús Canabal e Xoán Martínez Castro no Iº
Congreso da Emigración Galega, impulsado polo Concello de Galiza.
En 1963, retorna ao estado español, radicando-se
en Madrid, onde faleceu antonte 12 de marzo, no seu exílio.
Foi, por riba de todo, un home extraordinário,
un bo e xeneroso, un auténtico nacionalista de esquerdas. Desde esta páxina, rendemos esta pequena
homenaxe á súa memória.
Lois Pérez Leira.


Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/03/2003
|