Actualidade Vigo, 11 de marzo de 2003
Perto de 3.000 persoas nas manifestacións do Día da Clase Obreira Galega
| |  | | En Vigo a mobilización saíu da praza de Fernando o Católico para rematar na praza da Princesa. Durante o percorrido berráronse consignas esixindo solucións para a emigración, as altas taxas de paro (13%) e temporalidade (35%). |  | | Ademais de bandeiras da Patria (coa estrela vermella) e estandartes coas siglas da CIG, os asistentes se manifestaron contra o governo do PP por medio de todo tipo de consignas, tanto en relación co tema do Prestige como do apoio que o governo de Aznar presta a Bush (con toda submisión). | | | Nas dúas manifestacións realizadas co gallo do Día da Clase Obreira Galega mobilizáronse en Ferrol e Vigo unhas mil cincocentas persoas en cada unha das dúas cidades galegas. Este ano a convocatoria tiña como lema: “Salario digno, emprego fixo”.En Ferrol a manifestación despois de percorrer as rúas céntricas da cidade rematou na praza 10 de Marzo, alí o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, dirixiu unhas palabras aos presentes. Na súa intervención fixo referencia ás altas taxas de desemprego e precariedade existentes no noso país, aos pactos entre UGT e CCOO e a patronal CEOE nos que se limitan os aumentos salariais na negociación colectiva para este ano. Tamén pediu responsabilidades e solucións para ás consecuencias do afundimento do Prestige, e esixiu que se condene polas Nacións Unidas o ataque que contra Iraq prepara os Estados Unidos. En Vigo a mobilización saíu da praza de Fernando o Católico para rematar na praza da Princesa. Durante o percorrido berráronse consignas esixindo solucións para a emigración, as altas taxas de paro (13%) e temporalidade (35%). Ademais de bandeiras da Patria (coa estrela vermella) e estandartes coas siglas da CIG, os asistentes se manifestaron contra o governo do PP por medio de todo tipo de consignas, tanto en relación co tema do Prestige como do apoio que o governo de Aznar presta a Bush (con toda submisión). Este ano cúmprese o 31 aniversario do asasinato en Ferrol de dous traballadores da Bazán, Amador e Daniel, por disparos da policía franquista. Varias ducias de obreiros máis foron feridos e, posteriormente, como consecuencia da represión houbo detidos e despedidos. Todo comezou co esixencia dos operarios da factoría dun convenio de empresa, refugando o de ameto interprovincial que se lles quería impor. Os obreiros protestan, a dirección pecha a empresa, polo que deciden saír en manifestación polas rúas da cidade. Ao chegaren á altura das “casas baratas” pola estrada que ía á ponte de As Pías son detidos violentamente pola policía. Discurso de Suso Seixo en Ferrol no Dia da Clase Obreira Galega
Un saúdo no nome da Executiva de CIG e o noso agradecemento pola vosa asistencia a esta manifestación, convocada para comemorar o Dia da Clase Obreira Galega, conxuntamente con outra que nestes momentos se está a celebrar na cidade de Vigo. Este ano escollemos como lema central da celebración deste 10 DE MARZO o de "SALARIO DIGNO, EMPREGO FIXO". En primeiro lugar, porque estamos a falar de dous aspectos que inciden de forma moi directa na nosa calidade de vida e condicións de traballo, dous aspectos que hoxe están a ser duramente atacados polas políticas neoliberais do PP e polos pactos salariais asinados polas centrais sindicais estatais, arrastrandonos a unha situación de perda de poder adquisitivo e de aumento significativo da precariedade, incidindo de forma especial na mocidade e nas mulleres. En segundo lugar, porque en Galiza temos os maiores índices de desemprego e de contratación temporal de todo o Estado xunto cos salarios e as pensións máis baixas. Ante este panorama, temos que preguntar-nos, onde están para a clase traballadora galega as vantaxes da flexibilidade laboral promovida polo PP ou dos acordos de moderación salarial asinados por CCOO e UGT a nível do Estado? E todo esto sucede mentres aumenta a productividade e os beneficios empresariais e mentres a patronal recebe milleiros de millóns de euros do erario público en apoio a unha contratación fixa que non aumenta. Temos pois que seguir a denunciar e a mobilizar-nos en contra destas políticas e destes pactos tan prexudiciais para os intereses da clase traballadora galega. Temos que seguir pulando por un Marco Próprio e Soberano de Relacións Laborais onde as traballadoras e os traballadores galegos poidamos incidir e decidir por nós mesmos sobre todo o que ten que ver coas nosas condicións de vida e de traballo. Non podemos permitir que forzas políticas e sindicais non comprometidas coa defensa dos intereses específicos da clase traballadora galega, decidan sobre os nosos intereses e o noso futuro. Cómpre que sigamos a reclamar para Galiza as plenas competencias en materia de lexislación laboral, desemprego, formación ou seguridade social, asi como seguir a traballar para que toda a negociación colectiva se celebre na nosa nación, rachando asi coa coiraza e as limitacións que as centrais sindicais estatais queren impor-nos mediante os seus Acordos Interconfederais. Compañeiras e compañeiros, non podemos, nunha data tan significativa para todos e todas nós, non referir-nos a dous feitos políticos con grande transcendéncia para Galiza, nun caso, e para a humanidade en xeral, no outro. Estou-me a referir ao afundimento do petroleiro Prestige e a iminente guera contra Iraq. Dous feitos que ainda de signo moi diferente obedecen a unha mesma lóxica, a lóxica do capital e do imperialismo, que ten como princípio fundamental das suas actuacións a defensa dos seus beneficios, dos seus intereses económicos, en definitiva do seu poder, ainda que para eso teñan que destruir o ecosistema , sumir na pobreza aos pobos ou aniquilar millóns de vidas humanas. O afundimento do Prestige, cos conseguintes danos económicos e meio ambentais para o noso País, puxo de manifesto a inoperancia, deixación de funcións e sometimento da Xunta de Galiza ao poder central e a sua falta de identificación coa defensa dos intereses de Galiza, asi como a falta de meios preventivos e eficaces para combater este tipo de catástrofes. A manipulación, mentiras e o desprezo cara á cidadania galega con que actuou o Governo Central, o seu presidente e en xeral o PP, pon de manifesto o talante antidemocrático, escurantista e centralista deste partido. Frente a tanto insulto e engano, ergueu-se por toda Galiza unha marea de mobilizacións, como non se recordaba na nosa historia recente, en defensa do noso mar, dos nosos recursos naturais, da nosa dignidade como pobo e en contra desa direita caciquil e españolista que leva anos parasitandonos desde o poder, impedindo que as galegas e galegos poidamos exercer como cidadáns libres dunha nación soberana. Temos que seguir a mobilizar-nos e a denunciar os intentos do PP por dar por zanxado o problema, sen asumir as suas responsabilidades políticas e sen ter apresentado un plano real de recuperación económica e meio ambental do noso mar e as nosas costas. Polo que respeita á inminente guerra contra Iraq, que vai levar adiante o imperialismo americano, co apoio do Governo Español, queremos desde Galiza levantar unha vez máis a nosa voz para denunciar esta nova agresión imperialista contra un povo, nestes caso o iraquiano, baixo o falso pretexto de acabar coas armas de destrución masiva que supostamente ten Sadan Husein e ante a sua posíbel utilización contra calquer País de ocidente. Todos sabemos que Bush e Aznar menten, o único que pretenden con esta guerra e facer-se coas grandes reservas de petróleo de Iraq en beneficio das multinacionais do petróleo, e na procura por parte de EEUU de manter-se como primeira poténcia mundial económica e militar. Para nós, os EEUU, o imperialismo ianqui, nunca representou nen representa a defensa da liberdade ou dos direitos humanos no mundo. A historia, a tráxica historia que ten sobre as suas costas de asasinatos masivos (Hiroshima), invasión de países (Vietnam, America Latina, Afganistán...), golpes de estado (Chile, Arxentina,...), xenocidios (Palestina,...) ou apoio a ditaduras en todo o mundo, pon de manifesto que EEUU representa para a humanidade un inimigo terríbel que leva moitos anos, demasiados, sementando guerra, fame, medo e destrución. En esta tráxica carreira do imperialismo norteamericano en contra dos direitos humanos, da paz e do futuro da humanidade conta coa inestimabel colaboración e apoio do Governo Español e do PP. Un apoio hipócrita, un apoio interesado, un apoio que busca sacar deste atentado terrorista contra a soberania e as vidas do pobo iraquiano, rédito económico e poder, un apoio en definitiva cargado de racismo e de ansias imperialistas. Compañeiras e compañeiros, sigamos a mobilizar-nos contra a Guerra, contra a catástrofe do Prestige, contra as políticas neoliberais, en defensa dos nosos direitos sociais e laborais, en defensa dos nosos interes de clase frente aos do capital, en defensa da liberdade e da soberania dos pobos frente a opresión do imperio. Manteñamos vivo o espírito de xustiza, de democracia, de solidariedade e de emancipación nacional e social que o 10 DE MARZO, o Dia da Clase Obreira Galega , representa para o sindicalismo nacionalista. Viva o 10 de Marzo. Viva a Clase Traballadora Galega. Ferrol, 10 de marzo de 2003. Suso Seixo, secretario xeral da CIG.
|