Actualidade Vigo, 7 de marzo de 2003
O luns 10 de marzo, Dia de Clase Obreira Galega, a CIG convoca manifestacións en Vigo e Ferrol Salário digno, emprego fixo
| |  | | Queremos aproveitar a celebración do Dia da Clase Obreira Galega para denunciar a vergoñenta actuación que tiveron e están a ter o Governo español e a Xunta de Galiza na catástrofe ocasionada pola marea negra do Prestige, exixir responsabilidades políticas e exixir tamén un verdadeiro Plano de Recuperación Económica e Medioambiental, con financiamento e prazos perfeitamente definidos. | | | “Salário digno, emprego fixo” é o lema que a dirección da CIG elixiu este ano 2003 para conmemorar unha data tan sinalada para a clase traballadora galega, un día no que simbolizar a loita das traballadoras e traballadores galegos por mellorarmos as nosas condicións de vida e de traballo, así como a loita por conquistar un marco próprio de relacións laborais e a plena soberanía política para o noso povo.Reivindicamos un salário digno porque os salários das/os traballadoras/es galegas/os son un 20% máis baixos que a média dos salários dos traballadores/as do Estado. A mellora dos nosos salários pasa por superar os acordos de moderación salarial asinados por CCOO e UGT a nivel do Estado, pasa por enfrontar-se á política de recortes salaríais seguida polo Governo, vía previsións de inflación á baixa ou mediante políticas fiscais regresivas, e pasa por participar, mobilizar-se e exixir, durante a negociación colectiva do 2003, incrementos salaríais superiores ao 4%, de forma que poidamos recuperar o poder adquisitivo perdido durante o pasado ano. Reivindicamos un emprego digno, porque sen emprego, ou con empregos en precário, non podemos aspirar a unha vida de calidade e cunha perspectiva de futuro de certa estabilidade. Vemo-nos obrigados a emigrar, a soportar xornadas de traballo totalmente abusivas e a renunciar aos nosos direitos laborais, en moitos casos. A política de subvencións á contratación ou o feito de que os/as galegos/as teñamos salários baixos, non teñen servido para que en Galiza se cree emprego e moito menos de calidade. Hoxe Galiza ten uns índices de desemprego (12,67%) e de contratos temporais (36%) que superan claramente a média do Estado. Queremos aproveitar a celebración do Dia da Clase Obreira Galega para denunciar a vergoñenta actuación que tiveron e están a ter o Governo español e a Xunta de Galiza na catástrofe ocasionada pola marea negra do Prestige, exixir responsabilidades políticas e exixir tamén un verdadeiro Plano de Recuperación Económica e Medioambiental, con financiamento e prazos perfeitamente definidos. Denunciamos tamén o apoio que o Governo español está a dar á posibel guerra contra Iraq, facendo-lle o xogo aos intereses imperialistas de EEUU, dispostos a facer-se co control das grandes reservas de petróleo deste país asiático, aínda que para isto teña que provocar unha guerra, ocasionar milleiros de mortos e xerar unha situación de inestabilidade política e económica en todo o mundo. Compañeiros e compañeiras, sigamos mobilizando-nos, manteñamos vivo o espírito das últimas folgas xerais que fixemos en Galiza, así como o espírito de loita e sacrificio que demostraron Daniel, Amador e os demais traballadores da Bazán que no ano 72 saíron a manifestar-se á rua na defensa do seu convénio e dunhas mellores condicións de traballo. O luns, 10 de marzo, Dia da Clase Obreira Galega, participa nas manifestacións que convoca a CIG, nas cidades de Vigo e Ferrol.
Vigo: manifestación, ás 20:00 horas, na Praza de Fernando O Católico. Ferrol: manifestación, ás 19:30 horas, na Avenida de Esteiro, diante do local social da CIG. Galiza, 10 de marzo de 2003.
|