Actualidade / Artigo Censura nunca máis Anxo Louzao Rodríguez-
A gravidade do asunto foi percibida polo conxunto do profesorado que, máis unha vez foi capaz de facer frente a esta censura e ignorar totalmente estes preceitos que vulneran totalmente a liberdade de expresión, reunión, manifestación, etc. Esta cruzada para proibir as liberdades de expresión ten os seus antecedentes nos anúncios inseridos nos xornais dias antes de celebrar-se a exitosa cadea humana na Costa da Morte que, xuntamente con outras, mobilizaron a máis de 70.000 alunos/as, para concienciar ao alunado das consecuéncias da catástrofe do Prestige. Posteriormente, mediante referéndum, máis de 52.000 alunos/as e profesores/as rexeitaron a guerra imperialista e colonialista contra o povo iraquiano. Seguramente non se ditaria nengunha instrución se o resultado do referéndum fose favorábel á guerra. Unha vez máis, o Sr. Conselleiro de Educación agacha-se detrás da mentira. Pretexta-se que a circular está xustificada polas “denúncias verbais e escritos de profesores/as, pais/nais, alunos/as...”. Que nós saibamos, nengunha ANPA, nengun sindicato, nengunha organización estudantil, ten coñecimento delas. Surprende a dilixéncia da Consellaria ante estas supostas denúncias, cando noutros conflitos ou problemas nalgun centro destaca pola sua desídia ou abandono. Mais se as houbese con motivo dalgun “exceso”, difamación, calúnia, etc., o lóxico e normal seria actuar sobre estes casos. Á Administración sobran-lle resortes persuasivos e legais para atallá-los. Esta argúcia non ten consisténcia. Todos sabemos que as razóns son outras. Detrás está un talante incapaz de aceitar ideas ou opinións diferentes ás estabelecidas. Non se asume que a escola debe estar aberta ao rebulir social, facer-se eco dos conflitos sociais e do pluralismo político. Unha escola con paredes de vidro e non de formigón, aberta, activa, que procure a transformación social cuxo obxectivo fundamental ten que ser formar cidadáns capaces de pensar e actuar libre e criticamente, única maneira de conformar unha sociedade máis xusta, igualitária e solidária. Mais este governo involucionista move-se nas antípodas deste modelo. Por iso, cando o profesorado non acredita e non transmite os valores asentados no pensamento único, na intransixéncia, na manipulación do poder, tan ben representada tanto polo governo español como polo galego, inxuria-se-nos e insulta-se-nos como “violadores de conciéncias” (Fraga dixit). Seria inadmisíbel e imperdoábel que nos centros, atendendo aos obxectivos e contidos transversais que todas as etapas educativas teñen fixado (a educación ambiental, a educación para a paz,...) non se levaran a cabo actividades en contra da guerra de Irak e para que nunca máis se repitan catástrofes como a do Prestige. É preocupante que teñamos un Conselleiro de Educación que, en lugar de estar fachendoso do traballo emprendido polo profesorado para concienciar ao alunado da necesidade de respeitar o médio ambiente, o património económico, ecolóxico que se plasman en Nunca Máis e en contra da guerra e a favor da paz, replique con instrucións represivas e proibitivas para que o alunado e o profesorado poidan expresar a sua opinión ou idea sobre as cuestións que lles afectan e que son emanadas de posicionamentos políticos e, polo tanto, supón-se que son opinábeis. Estamos, sen lugar a dúbidas, ante unhas instrucións totalmente ilegais que infrinxe, entre outros, o artigo 20 da Constitución Española, a Lei de Liberdade sindical, o artigo 26 do Real Decreto de dereitos e deberes do alunado, asi como os contidos e obxectivos transversais de todos os níveis educativos. Desde a CIG propiciamos un marco unitário de actuación de toda a comunidade escolar. Hoxe, máis de dezanove organizacións sindicais, estudantis, movimentos de renovación pedagóxica (MRPs), confederacións de asociacións de nais e pais (ANPAs), constituímos unha plataforma unitária a través da cal estamos a canalizar todas as accións co obxectivo de que se ignore a circular e de que a Consellaria retire definitivamente as instrucións. A Consellaria está absolutamente illada. Até agora, nengun centro nen organización do ámbito do ensino saiu en defensa desta circular. Pola contra, numerosos Claustros e Consellos Escolares teñen rexeitado, en moitos casos por unanimidade, dita circular e exixindo a sua retirada. En definitiva, o Sr. Conselleiro sabe que ten perdido este episódio triste e lamentábel e que o profesorado está despreciando e ignorando calquer recorte das liberdades nos centros educativos. Por iso, a única saída factíbel é a retirada desta circular. Do contrário, por hixiene democrática, deberia adiantar a sua marcha de San Caetano.
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/04/2003 |