Actualidade CIG-Comunicación-
A manifestación saíu da Alameda pouco despois das 12 horas da mañá, chegando pouco antes das 13 horas ao final do percorrido, na praza do Obradoiro, onde tardaron unha hora e media en entrar todos os participantes. Había moitas bandeiras galegas, coa estrela vermella de cinco pontas, varias republicanas e algunhas con siglas das organizacións participantes, así como numerosas pancartas. En todas as intervencións, consignas e comentarios estivo presente o carácter imperialista do ataque contra Iraq, o repudio aos bombardeos contra a povoación civil e o cerco ás cidades, e o pulo ao militarismo que implica esta guerra “preventiva”. Unha guerra inxusta, que estraga o direito internacional e só procura o control das reservas petrolíferas, vantaxes estratéxicas e governos submisos en todo o mundo. Un sol que esmagaba fixo que moitos marcharan aos poucos de chegar á praza e outros se amorearan nos poucos recunchos nos que había sombra. O acto alongouse moito e a medida que entraban uns saían outros, maila o cal na praza houbo intres no que estivo ateigada de manifestantes. No acto final o portavoz da Coordenadora Galega pola Paz, Manuel Díos, xunto ca escritora Marilar Aleixandre e a actriz Maribel Rivera, así como Antón Reixa, leron un manifesto das organizacións que integran a Coordenadora (entre elas a CIG). Tamén se recitaron poemas, fixeron consideracións sobre a guerra por parte dos encargados da leitura do comunicado, realizouse un simulacro de bombardeo, e por último cantouse o himno galego. | |||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/04/2003 |