Actualidade CIG-Comunicación-
Debemos facer que estas dúas datas sexan unha demostración máis da oposición do povo galego á guerra, ao imperialismo dos Estados Unidos e os seus socios, a ocupación colonial, e á destrucción do direito internacional e a soberanía nacional. Para abondar nos motivos polos que a CIG considera vital facer un esforzo contra esta guerra, inxusta e ilegal, queremos lembrar as verbas que o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, dirixiu aos concentrados o pasado día 10 de marzo, co gallo da celebración do día da Clase Obreira Galega, en referencia a unha posíbel agresión a Iraq: “Polo que respeita á inminente guerra contra Iraq, que vai levar adiante o imperialismo americano, co apoio do Governo Español, queremos desde Galiza levantar unha vez máis a nosa voz para denunciar esta nova agresión imperialista contra un povo, nestes caso o iraquiano, baixo o falso pretexto de acabar coas armas de destrución masiva que supostamente ten Sadan Husein e ante a sua posíbel utilización contra calquer País de ocidente. Todos sabemos que Bush e Aznar menten, o único que pretenden con esta guerra e facer-se coas grandes reservas de petróleo de Iraq en beneficio das multinacionais do petróleo, e na procura por parte de EEUU de manter-se como primeira poténcia mundial económica e militar. En esta tráxica carreira do imperialismo norteamericano en contra dos direitos humanos, da paz e do futuro da humanidade conta coa inestimabel colaboración e apoio do Governo Español e do PP. Un apoio hipócrita, un apoio interesado, un apoio que busca sacar deste atentado terrorista contra a soberania e as vidas do pobo iraquiano, rédito económico e poder, un apoio en definitiva cargado de racismo e de ansias imperialistas. Compañeiras e compañeiros, sigamos a mobilizar-nos contra a Guerra, contra a catástrofe do Prestige, contra as políticas neoliberais, en defensa dos nosos direitos sociais e laborais, en defensa dos nosos interes de clase frente aos do capital, en defensa da liberdade e da soberania dos pobos frente a opresión do imperio. Manteñamos vivo o espírito de xustiza, de democracia, de solidariedade e de emancipación nacional e social que o 10 DE MARZO, o Dia da Clase Obreira Galega, representa para o sindicalismo nacionalista”.
A pretensión de Bush de se apropriar pola forza do control das reservas petrolíferas de Iraq, demostra a todos os países soberanos que os Estados Unidos é quen impón as regras do xogo e que os intereses da sua burguesia son incontestábeis; é a única razón pola que se ataca e ocupa Iraq. Unha invasión que está causando centos de mortos e milleiros de feridos, e que esmaga o direito internacional e a vontade popular. Toda esta situación é arrepiante, noxenta, co agravante de que se acusa a vítima, do espólio e da agresión, de ser a culpábel do ataque polo “crime” de se defender. Abraia o siléncio cúmplice das Nacións Unidas, e a preocupación exclusiva das poténcias díscolas para que a guerra remate axiña e poder participar na reconstrución de Iraq. Apresentando deste xeito cinicamente (todos eles) o negócio como unha tarefa humanitária, unha atitude solidária que esqueceron durante unha década de bloqueo. A agresión dos Estados Unidos e os seus aliados, entre eles e con total submisión o Governo Español (PP), afortala o militarismo en todo o mundo, e impón a política da forza sobre o direito, a solidariedade e a xustiza. A conclusión lóxica é que cumpre contar con armas de destrución masiva para garantir a soberania dun estado-nación; ou sexa: un paso atrás. Nengun povo ou persoa, asalariado, autónomo ou pequeno empresário, fica á marxe deste conflito e dos que haxa no futuro por idéntico motivo, xa que está en xogo cal vai ser o modelo económico e social en todo o mundo. Polo tanto: en Galiza, no noso centro de traballo, na escola, etc., para derrotar o imperialismo, para mudar a situación ¡é fundamental! ¡urxente! amosar a oposición masiva da cidadania e, sobre todo: a mobilización e protesta da xente en todas as suas formas. Os galegos e galegas durante os últimos dous anos estivemos na primeira liña da loita por un mundo mellor, e máis recentemente na defensa das nosas costas e sectores produtivos e na denúncia da neglixéncia diante do desastre do "Prestige" do Governo central e do autonómico. Un conflito que non rematou, e no que continuamos exixindo responsabilidades e solucións. Porque entendemos que o que acontece nos atinxe a todos e todas é polo que a CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA convoca xunto coa UGT a un paro de 2 horas a todos os traballadores e traballadoras de Galiza o vindeiro dia 10 de abril, xoves. En solidariedade co povo iraqui !!! | ||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2003 |