Actualidade CIG-Comunicación- A manifestación foi convocada pola Mesa de Normalización Lingüística, o Bloque Nacionalista Galego, a Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras de Galicia, e contou co apoio de numerosas organizacións do ámbito da cultura, ensino, etc. A asistencia neste ano foi cativa, por máis que se procuren argumentos varios para xustificar a baixa participación. É verdade que levamos meses de mobilizacións os fins de semáns e que manter o ritmo non é doado, máxime cando o día 1 e 4 de maio as manifestacións foron masivas. Tampouco se pode negar que a campaña eleitoral ocupa todo o tempo e as inquedanzas imediatas, as páxinas dos xornais. Ademais os meios de comunicación seguen, coma sempre, de costas a todas aquelas reivindicacións que constrúan un país que pense e actúe por el, polo que a convocatoria non tivo ningún eco e divulgación masiva, para alén dunha nota paga nun xornal... pouca cousa. Agora ben, estas limitacións que son certas non debían facernos esquecer os nosos erros ou o que temos que mellorar para os próximos anos. Partindo da base de que a defensa e potenciación da lingua é fundamental non só para manter a nosa identidade nacional, senón mesmo para a defensa dos intereses xerais do país, e que estamos diante dun problema tanto sociolóxico como político, non chega con leis e decretos, axudas publicas, chamamentos á militancia lingüística ou posturas victimistas, compre ademais pular polo debate político sobre o tema e dar canle pública á vontade maioritaria de potenciar o uso do galego. E un dos xeitos de manifestar esa vontade é a mobilización do Día das Letras, outras maneiras poden ser: os correlinguas, recitais, o teatro, etc. Debemos polo tanto aceptar criticamente que este ano non estivemos á altura das circunstancias, non fixemos unha campaña previa axeitada (mesmo mínima) como para divulgar a mobilización, e os resultados non podían ser outros. Mesmo foron dignos e lóxicos tendo en conta o contexto e os nosos erros. Se cadra o vindeiro ano teriamos que facer unha campaña previa con actos en povos e cidades, conseguir unha difusión alternativa aos meios de comunicación de masas en mans dun empresariado anti-galego, así como procurar a participación do maior numero de organizacións na campaña previa e manifestación do Día das Letras Galegas. En todo caso, para alén da reflexión que cada forza faga, o sindicalismo nacionalista acordou potenciar as mobilizacións a prol do noso idioma, e para acadar ese obxectivo todo indica que fai falla máis adicación, mellorar os métodos de traballo e a comunicación co povo. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/05/2003 |