Actualidade / Artigo O imperialismo en Iraq Claudio Katz(1)-
A invasión consumou unha atroz masacre da povoación civil, desmentindo as fantasias de guerra indolora que difundiron os homes do Pentágono. As "bombas intelixentes" estouparon nos mercados e as escolas provocando unha cifra de vítimas que foi coidadosamente ocultada. Se na última década o embargo cobrou a vida de meio millón de iraquis, estarrece imaxinar cal será o balanzo final da traxédia en curso. "Non contamos os cadáveres" confesou un xeral a cargo dun operativo que incluíu o asasinato premeditado de xornalistas para atemperar a difusión do xenocídio. Mesmo a "axuda humanitária" que debia coroar a devastación foi atrasada, mentres os nenos se desangraban sen remédios, nen auga nos hospitais destruídos. Este tormento non foi un "dano colateral", senón un sofremento programado polos invasores para aterrorizar a povoación fronte á perspectiva dunha longa ocupación. A chegada dos marines precipitou tamén a tolerada irrupción dunha masa de saqueadores que destruíu os restos de vida organizada nas grandes cidades. O dantesco cadro de execucións indiscriminadas, museus destruídos, bibliotecas queimadas, comércios baleirados e bancos asaltados baixo a custódia das tropas norteamericanas, ilustra o que Bush e Blair proxectaron para a "liberación de Iraq". É evidente que o Pentágono e os seus meios de comunicación inflaron a capacidade militar de Sadam para xustificar a agresión. Estimou-se a desproporción de forzas en dez mil a un e alguns expertos calcularon que o exército iraqui ficou completamente aniquilado polo peso de sete millóns de toneladas de bombas lanzadas durante a operación. Onde están as armas químicas que ameazaban a supervivéncia de grandes povoacións? En lugar de armas de destrución masiva os marines atoparon vetustos fusis e inservíbeis granadas. Este resultado non é abraiante, porque o desarmamento foi consumado antes da invasión por sucesivas inspeccións da ONU que socavaron a protección militar do país, transferindo ao comando estadounidense toda a información de espionaxe requerida para perpetrar a agresión.
O termo "guerra de Iraq" é pouco axeitado para descreber o operativo de captura colonial que realizou o xendarme estadounidense. É certo que a invasión pode derivar nunha longa guerra rexional, especialmente se a caída de Bagdad incentiva a prolongación do ataque cara aos países viciños (primeiro Síria, logo Irán). Pero o ocorrido en Iraq asemella-se máis á conquista de Granada nos 80 ou Panamá nos 90 que a un enfrentamento en regra entre dous exércitos. Por iso é tan absurdo comparar o ingreso dos marines nun país periférico e indefenso co desembarco aliado en Normandia. Igualmente, é a primeira vez que as tropas norteamericanas ocupan unha grande capital árabe, substituindo os típicos golpes da CIA por unha intervención masiva de efectivos. Este tipo de acción asemella-se ás tradicionais conquistas inglesas da época vitoriána, cando cada recuncho do planeta ocupado polo exército real era exibido como un trofeu da sua maxestade. A imaxe da bandeira norteamericana flameando nos edifícios e monumentos de Iraq relembra ese período. Pero a analoxia non se limita ao plano simbólico, xa que retrotraindo-se ao século XIX Bush apresta-se a designar a un traficante de armas como novo vice-rei do Iraq e a criar unha administración de cipaios exilados que a penas lembran o seu idioma natal. O parecido co antecedente colonial inglés tamén se estende ao intento norteamericano de dominar o país opondo ás etnias rivais co auxílio dalguns xefes tribais. Pero Iraq non é unha nación primitiva e xa resistiu con éxito no pasado a unha ocupación colonial. A diferenza de Afganistán forma parte do grupo de países árabes de mediano desenvolvimento económico, cultural e tecnolóxico. A versión estadounidense actualizada da "pérfida Albión" é por iso moito máis fráxil e con riscos que a sua antecesora británica. Balcanizar nacións xa constituídas e manter ao mesmo tempo a centralización económica dos territórios conquistados é moito máis difícil que no pasado. Un antecipo destes atrancos foi a auséncia da esperada rebelión chiíta no sul de Iraq. E moito máis problemático é o polvoriño que criou no norte o avanzo militar dos curdos, nun camiño cara á autodeterminación nacional que Turquia non está disposta a tolerar.
A preocupación prioritária que mostraron os invasores por evitar o incéndio dos pozos petroleiros confirma que un dos principais obxectivos da agresión é a apropriación norteamericana das imensas reservas de cru iraqui. Non é nengun segredo que estes recursos son suficientes para alterar drasticamente o comportamento do mercado internacional. Por iso os ocupantes non disimulan a sua intención de incentivar un incremento da oferta petroleira que asegure o fornecimento de Estados Unidos e debilite a regulación dos prezos por parte da OPEP. Alguns analistas tamén estiman que este control aponta a reafirmar a supremacia mundial do dólar potencialmente ameazada polo xurdimento da moeda comun europea e interpretan que a invasión foi precipitada pola decisión iraqui de comercializar a fins do 2000 o seu combustíbel en euros. O novo vice-rei norteamericano comezará distribuindo o botin petroleiro entre as compañias estadounidenses, logo de sepultar o sistema nacionalizado de extracción e producción de cru. Como repartirán os contratos é un ponto conflitivo que Bush tenta solverntar cos seus cúmplices británicos. Mais os ocupantes preparan polo menos tres negócios adicionais. O primeiro é a reconstrución económica, que mobilizará millóns de dólares en favor das corporacións máis vinculadas á administración republicana. Resulta estarrecedor coñecer que estes contratos foron pechados 36 dias antes da invasión e que neles se deseñou a reedificación das instalacións que debian ser previamente demolidas pola aviación. É difícil atopar algun antecedente máis sanguinário de división capitalista do traballo e de programación tan atroz dos investimentos. O segundo campo de negócios situa-se na venda de armamentos, xa que a experimentación na batalla constitue a principal actividade de márketing para os exportadores do complexo industrial-militar. Mentres que o impacto do crecente gasto bélico sobre a economia norteamericana é ainda incerto, o seu efeito en maiores vendas mundiais de armamentos xa é perceptíbel. Esta saída exportadora resulta vital para un sector actualmente máis atado á concorréncia mercantil que á demanda estatal e que, ademais, está moi atinxido pola crise de sobreinvestimento que afecta ás ramas de alta tecnoloxia. Por último, Iraq é un país dotado de enormes recursos hídricos, e a sua gravitación estratéxica é tan relevante como as ganáncias que esperan consumar as compañias privatizadoras. O saqueo económico de Iraq é a consecuéncia máis nídia da agresión. Mentres que resulta prematuro prever o efeito desta operación sobre o curso da economia norteamericana e internacional, a depredación de recursos que sofrerá o país xa é un dado indiscutíbel.
A invasión foi un acto imperialista, porque aponta a reforzar a dominación dunha poténcia central sobre unha nación periférica. Este sometimento inclue a intervención militar, a recolonización política e a succión económica de Iraq. Pero o novidoso é a impúdica reivindicación desta opresión por parte de numerosos ideólogos do capitalismo. Un guru intelectual de T. Blair declarou recentemente que o "mundo necesita unha nova forma de imperialismo" para asegurar "a orde e a organización" da sociedade(3). Da tese cultural do "choque entre civilizacións" pasou-se asi á glorificación da intervención bélica, rexurdindo a arcaica linguaxe do colonialismo. Esta liña de acción é compartida por toda a clase dominante norteamericana que mantivo a Bush con louvanzas na prensa, discursos patrióticos e a aprobación lexislativa do financiamento da operación. O ataque a Iraq non foi a aventura irracional dun místico guerreiro, senón unha acción colectivamente aprobada por todos os senadores demócratas e republicanos. A invasión pretende reafirmar a hexemonia do imperialismo norteamericano e por iso non constitue somente unha "guerra de eleición" arbitrariamente decidida polos homes de Bush(4). É tamén incorrecto conceptualizar a agresión como un acto do "império", no sentido que Negri e Hardt asignan a este termo. Os marines non actuaron ao servizo dun capital transnacionalizado, globalizado e indiscriminado, senón a pedimento das corporacións norteamericanas, a fin de afortalar a competitividade destas compañias fronte ás suas rivais europeas. A incomprensión deste carácter especificamente imperialista tivo duas implicacións negativas entre os teóricos do Império(5). Por unha banda, estes autores laian-se polo desprazamento que introduciu o conflito nun movimento de protesta, que evoluiu da resisténcia contra as corporacións "globais" cara ao rexeitamento do militarismo identificado con Estados Unidos. En lugar de perceber o avanzo na consciéncia anti-capitalista que implica este proceso, observan con desconfianza a viraxe da atención popular. Non comprenden que este paso da crítica da explotación económica ao cuestionamento da opresión política abre novo terreo de loita e contribue á maduración do movimento de protesta. Os obxectivos progresistas desta batalla ampliaron-se e non se "desviaron". Por outra banda, os analistas do império albiscan trazos de negativo "anti-americanismo" nas mobilizacións centradas na loita anti-imperialista, ignorando que o sentido dominante destas protestas non é o repúdio á "nación norteamericana", senón á "guerra do petróleo" que perpetran as clases dominantes. Estas confusións derivan da incomprensión do imperialismo actual, que opera através de poténcias capitalistas estruturadas en torno a estados nacionais e ensambles rexionais.
O conflito de Iraq provocou o maior conflito entre grandes poténcias das últimas cinco décadas. Esfarelaron-se a OTAN e o Consello de Seguranza da ONU e apareceron fendas na alianza transatlántica que mantén a orde mundial vixente. Ainda que estas crises son certamente profundas, resulta errado deducir que desembocarán na reprodución dos enfrentamentos bélicos entre poténcias que predominaron até a metade do século XX. O conceito de "terceira guerra mundial" só pode xustificar-se se se interpreta como unha extensión rexional da invasión norteamericana (e conseguinte mundialización do conflito). Pero mesmo esta perspectiva non implica unha prolongación da primeira ou segunda guerra mundial. Nengunha poténcia está actualmente interesada e en condicións de desafiar a preponderáncia militar norteamericana e este predomínio –xunto ao salto rexistrado na asociación de capitais de distinta orixe nacional– diferéncia radicalmente a crise en curso das tradicionais guerras inter-imperialistas. As relacións entre as clases dominantes de Franza e Alemaña coas suas rivais norteamericanas tensaron-se por conflitos imediatos (contratos petroleiros, débedas de Iraq, distribución do negócio da reconstrución) e por dilemas estratéxicos. Ao introducir unha cuña entre a "vella e nova Europa", Estados Unidos pon en perigo a continuidade do proxecto da Comunidade e socava a capacidade de Europa para constituir un eixo económico e unha moeda alternativa á hexemonia norteamericana. Pero calquera sexa o curso deste proceso, non está á vista un retorno ás confrontacións que deron lugar á guerra de 1914 ou 1939. Por esta razón, o conceito de imperialismo ten un significado actualmente diferente ao predominante a comezos do século XX. No imediato o imperialismo estadounidense pretenderá extrair grandes réditos das suas conquistas, sancionando o cuestionamento franco-alemán (e o alineamento ruso) contra a sua acción. Alguns falcóns (Wolfowitz) propugnan castigos financeiros (moratória da débeda iraqui con Europa) e petroleiros (marxinar a Franza dos contratos). Kissinger mesmo imaxina unha alianza estratéxica con China, se Europa non se somete ao novo cadro de reafirmación dominante de Estados Unidos(6). O curso da invasión desmentiu por agora as expectativas que moitos intelectuais manteñen na eventualidade dun rol máis autónomo de Europa(7). Pero que prevaleza un curso de maior tensión, asociación ou subordinación dos capitalistas do vello continente cara aos seus competidores norteamericanos depende da capacidade estadounidense para traducir o seu avanzo militar en dominación política estábel.
A preeminéncia dun grupo hiperreaccionário na administración Bush constitue un dado rechamante e alarmante. Rumsfeld, Kagan, Wolfowitz son falcóns adestrados baixo o governo de Reagan e Bush pai que atinxiron un grao de inédita homoxeneidade e influéncia. Lograron unificar baixo unha mesma estratéxia os grupos direitistas enfrentados dos lobbys petroleiro e israeli. Tamén impuxeron un rumo unilateral cando a ONU resistiu o ataque e perpetraron accións de hostilidade (espionaxe) e provocación (declaracións despectivas) pouco usuais na diplomacia ocidental. Converteron, ademais, a grande parte da prensa nun sumidoiro de patrioteirismo vulgar, restaurando un clima de caza de bruxas descoñecido en Estados Unidos desde o maccartismo. Pero ten este grupo suficiente sustento para avanzar cara a un curso fascistizante? Alguns autores que suxeren esta evolución contraditoriamente estiman que a decadéncia norteamericana persiste liñalmente desde hai varias décadas. Non observan que ambas as caracterizacións son pouco compatíbeis, xa que unha reafirmación militarista de Estados Unidos non é concebíbel sen sustento económico, tecnolóxico e político. Fronte a estas dificuldades analíticas convén precisar a caracterización. A invasión de Iraq foi un efeito da recuperación hexemónica que rexistrou Estados Unidos durante os 90 en todos os planos e non só na sua dominante esfera militar. A agresión coroou certa reponta da acumulación que obriga a expandir mercados e a buscar unha saída á crise de sobreinvestimento con actos de forza. Pero este reforzamento non coloca a Estados Unidos na peaña do "superimperialismo", porque nengun rival da primeira poténcia ficou reducido ao status de país dependente, nen se resignou á primacia definitiva do dólar. É certo que Europa e sobretodo Xapón perderon terreo fronte ás corporacións norteamericanas, pero manteñen-se en carreira e como xa ocorreu nos 70 e nos 80 o avanzo norteamericano pode reverter-se. Por iso cumpre supor que, no imediato, o imperialismo estadounidense necesitará reconstruir alianzas moito mais sólidas para manter a sua ocupación no Oriente Próximo.
O ponto máis crítico do atropelo imperialista situa-se no mundo árabe, porque é improbábel que un operativo colonial poida impor-se sen resisténcias nunha rexión marcada por memorábeis loitas de emancipación nacional. Un antecipo desta perspectiva xa se observou na primeira semana da conquista. En lugar do esperado aplauso popular, as tropas norteamericanas encontraron-se cunha inesperada oposición. A crenza de que a enorme hostilidade á ditadura de Sadam se traduciria nunha benvida dos marines ficou contundentemente desmentida. Gran parte do povo iraqui comprende que a opresión norteamericana non será mellor que a tirania de Hussein e por iso nalgunhas rexións os marines foron recebidos co berro de: "nen Sadam, nen Bush". É evidente que os ocupantes non teñen á sua disposición un governo espantallo de substitución e que esta auséncia –que impulsou hai dez anos Bush pai a evitar a caída de Sadam– pode socavar a ocupación norteamericana. O réxime virreinal enfrenta a posibilidade dunha resisténcia popular de longo prazo que poderia converter a Iraq nunha nova Palestina, empurrando aos marines cara ao mesmo pozo que enfrentou o exército israeli no sul do Líbano ou que sufocou ás tropas francesas en Alxéria. Por iso un coñecedor do tema adverte-lle a Estados Unidos que os iraquis non conforman un "povo primitivo senón unha das sociedades máis sofisticadas de Oriente Médio"(8). Pero tan crítica como a situación de Iraq é a comoción criada no universo árabe polos actos de humillación que perpetran os marines. A colocación da bandeira norteamericana en Bagdad desatou un sentimento de ódio xeneralizado. O desprestíxio da CNN e a crecente audiéncia da canle Al Jazeera é outro síntoma deste rexeitamento. A adversidade que enfrenta Estados Unidos en toda a rexión é claramente oposta á pasividade ou resignación que predominou ao concluir a primeira guerra do Golfo. Por iso existe o temor a unha descontrolada multiplicación dos Ben Laden e a unha crecente desestabilización dos réximes pro-norteamericanos de Arábia Saudita ou Paquistán. A revolta anti-imperialista está á orde do dia en toda a rexión e o seu porvir depende da forma en que sexan procesadas as fracasadas experiéncias nacionalistas e os reaccionários ensaios fundamentalistas.
Como xa ocorreu durante a guerra de Vietnam, a batalla contra a invasión está mantida por unha rede mundial de mobilizacións. Mais, a diferenza dos 70, a reacción popular agora comezou antes do conflito e manifesta-se de maneira simultánea e coordenada nun centenar de países. As marchas multitudinárias non cesaron logo da caída de Sadam, porque os manifestantes son conscientes de que o atropelo non acaba en Bagdad. A total caréncia de lexitimidade couta o sustento político da invasión e por iso os governos ocidentais que apoian o masacre ficaron seriamente deteriorados fronte á opinión popular. As mobilizacións atinxiron unha dimensión inédita en milleiros de cidades. En Inglaterra rexistrou-se, por exemplo, a maior protesta na rua da história, mentres numerosos loitadores participaron en actos de heroísmo que lembran as grandes xestas do combate anti-fascista. Por outra parte, as manifestacións por Iraq constituen un novo fito das protestas globais que se iniciaron con Seattle, Xénova, Floréncia e Porto Alegre. Xa existe un foro que articula e organiza a campaña contra a agresión e que poderia reforzar-se coa nova perspectiva anti-militarista do movimento contra a globalización capitalista. Por outra parte, unha nova axenda anti-imperialista foi adoptada por millóns de mozos, traballadores e desocupados do mundo. Alguns intelectuais observan con certo desdén esta viraxe, destacando que persisten inxénuas expectativas de moitos manifestantes na conduta de governos europeos, que en realidade se comportan como cúmplices da invasión. Pero estas crenzas non desmerecen a progresividade da protesta, xa que a loita é o principal terreo de aprendizaxe popular. Nengunha ilusión pode disipar-se se non é posta a proba na batalla polos obxectivos anti-bélicos. O mesmo vale para as esperanzas depositadas nas Nacións Unidas. O ocorrido en Iraq demostra que na actualidade o direito internacional se reduce ao poder do máis forte. Para transformar esta realidade non existe outro camiño que a resisténcia ao imperialismo, porque só desta acción poderá xurdir unha nova orde xurídica baseada nos princípios de solución negociada dos conflitos nacionais e autodeterminación dos povos.
O impacto da invasión a Iraq sobre América Latina é moi significativo por unha sinxela razón: Estados Unidos trata a rexión cos mesmos parámetros de opresión que manexa en Oriente Médio. O imperialismo considera que o petróleo dos países árabes e os recursos naturais do seu "pátio traseiro" forman parte do seu património. Por iso a traxectória de Sadam ten certos parecidos con Noriega e o asalto a Iraq garda semellanzas coa captura de Panamá. Pero hai que lembrar tamén que o escenário iraqui foi un destino posíbel para a Arxentina se en 1979 estourase a guerra con Chile e se este conflito acabase nun derramamento de sangue semellante ao padecido por Iraq e Irán. Tamén a aventura de Galtieri nas Malvinas puido ter concluído como a arremetida de Sadam en Kuwait. Estas similitudes explican por que o Pentágono lle impuxo á Arxentina un desarmamento tipo Iraq, que incluíu a desactivación dos míseis Condor e a aniquilación do desenvolvimento nuclear autónomo. A partir da ocupación de Bagdad acentuará-se a presión imperialista sobre América Latina, nos mesmos terreos de opresión que suportan os povos do Oriente Médio. Está en curso, en primeiro lugar, un proceso de remilitarización xeral da rexión deseñado polo Comando Sul de Miami. A prioridade desta campaña é Colómbia, mais tamén a criación de novas bases e o desprazamento de tropas, xunto a previsíbeis actos de provocación na triple fronteira de Arxentina, Paraguai e Brasil. Na esfera política acelera-se o proceso de recolonización e o recorte de soberania dos estados latinoamericanos. Durante as negociacións do Consello de Seguranza as exixéncias norteamericanas para arrincar o voto favorábel a México e Chile foron tan descaradas como a merca de vontades de numerosos chanceleres. Na maioria das nacións da rexión, as embaixadas estadounidenses xa non son un ámbito de consulta, senón os principais centros de decisión. Esta grotesca inxeréncia é aceitada como un destino natural pola maioria dos governos latinoamericanos, en momentos en que o Departamento de Estado prepara novas accións contra Cuba e se cadra outro ensaio de golpe en Venezuela. Por outra parte, a depredación do petróleo iraqui envalentoará aos funcionários norteamericanos que exixen acelerar os tratos do ALCA e intensificar o cobro das débedas externas. "Queremos o ALCA para defender os nosos intereses" declarou desvergoñadamente o principal negociador comercial estadounidense(9). Por iso, baixo a superfície de certo imobilismo continua gañando terreo un tratado destinado a incrementar as exportacións norteamericanas e a reducir os aranceis latinoamericanos. Mais a maior deterioración dos termos de cámbios que augura o ALCA exixe tamén unha maior dominación financeira por parte do FMI. Por esta razón non é posíbel resistir a sangria comercial sen frear a devastación financeira que impón o pagamento da débeda. [...]
O crime de Iraq retrata a natureza do capitalismo contemporáneo. A imaxe dun neoliberalismo pauperizador, pero amigábel e sorrinte da era Clinton foi bruscamente substituída pola face brutal do xenocida Bush. Moitos veteranos da loita social xa coñecen estas viraxes e nunca esperaron outra evolución do imperialismo. Pero para a xeración que ingresou no universo político na última década estes cámbios son moi significativos e o seu procesamento pode abrir novos horizontes políticos. Está aberto un curso de evolución que poderia esclarecer por que a batalla por "outro mundo posíbel" exixe construir unha alternativa socialista. A pantasma do colapso da Unión Soviética xa non bloquea esta reflexión entre a mocidade, que está menos exposta á vaga de pesimismo intelectual que acompañou esa derruba. Redescobrir o socialismo é o camiño para irmanar os povos e para superar o actual pesadelo de sangue e dor.
| |||
Bibliografia seleccionada: -Acchar Gilbert. “El imperio en orden de batalla”. Rouge, marzo 2003. -Agulló Juan. “La guerra por la hegemonía del dólar”, Rebelión, 11-4-03 -Ahmad Ahíjas. “On the invisibility of blood”. Against the current, n 102, january-february 2003. -Amin Samir. “Contra la guerra imperialista”. Resumen Latinoamericano, 25-2-03. -Ash Timothy G. “La guerra de dos mundos”. Página 12, 02-03. -Ash Timothy Garton. “Todos en la tormenta de arena”. Clarín , 24-3-03. -Bensaid Daniel. “La guerra tendrá lugar”. Le Figaro 17-3-03. -Brown Jim. “La guerre de l´empire”. Imprecor, 477, decembre 2002. -Callinicos Alex “La estrategia general del imperio norteamericano”. International Socialism, Winter 2002. -Callinicos, Alex. “Guerra bajo ataque”. Rebelión, 3-4-03. -Eagleton Terry. “Fundamentalismo”, Página 12, 9-3-03. -Fahmir Raid. “La oposición de izquierdas a S.Hussein”. Viento Sur, n 65, noviembre 2002. -González Felipe. “La tercer guerra mundial”. Página 12, 9-4-03. -Hearse Phil. “Politique de mondialisation armée”. Imprecor 475-476, octobre-novembre 2002. -Hobsbawn Eric. “La tormenta de arena”. Página 12, 30-3-03. -Hossein Zadeh, Ismael. “Venid the US rush to war”. Against the current, n 102, january-february 2003. -Kagarlisky Boris. “Rusia y la guerra”. Rebelión, abril 2003. -Klare Michael. “La guerra redibujará el mapa estratégico”. La Jornada, 25-3-03. -Monbiot George. “Hay tres caminos y todos llevan al desastre”. Página 12, 3-4-03. -Morin Edgard. “Los peligros de un mundo unipolar”. Clarín, 23-3-03. -Nair,Leymarie,Cheterian, Rouleau. Irak y el desorden global. “Le Monde Diplomatique”, febrero 2003. -Pavlovsky Eduardo. “El antiamericanismo”. Página 12, 6-4-03. -Petras James. “La contraofensiva imperial”. Enfoques Alternativos, diciembre 2002. -The editors. “US imperial ambitions and Iraq”. Monthly Review vol 54, n 7, december 2002. -Wallerstein Imanuel. “La caída del aguila”. Enfoques alternativos, diciembre 2002. -Wallerstein Immanuel. “Bush va a perder o lo sumo a empatar”. Página 12, 22-3-03. | |||
Notas: (1) Claudio Katz é economista, Investigador do Conicet e profesor da UBA. Membro do EDI (Economistas de Izquierda). (2) Este artigo desenvolve ideas esbozadas en "O debut do novo imperialismo" e aplica conceitos expostos en "L´imperialism du XXI siècle". Imprecor, nº 474, setembro 2002, Paris. (3) Robert Cooper citado por Juan Gelman, en "¿Posmoderna?". 'Página 12', 21-3-03. (4) Esta é a errónea tese de Sebrelli, Juan José. "La guerra y el sistema internacional". 'La Nación, 28-3-03. (5) Ver: Hardt Michel. "No al antiamericanismo". 'Página 12', 21-2-03. (6) Ver a sua adverténcia en: Kissinger Henry. "EEUU no estará solo en Irak", 'Clarín', 11-4-03. (7) Por exemplo: Todd Emmanuel. "Esto es una muestra de debilidad", 'Página 12', 30-03-03. (8) Declaracións do ex chanceler israel' Shlomo Ben Amí. 'Página 12', 3-4-03. (9) Bob Zoellick en "América Latina: las marcas de la guerra", 'Clarín', 23-03-03. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/05/2003 |