Actualidade / EntrevistaVolver


Vigo, 2 de xuño de 2003

Entrevista con Manuel Simón Graña, secretario de CIG-Metal na comarca de Vigo e membro da Comisión negociadora do Convenio
Folga no metal de Pontevedra
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
Manuel Simón Graña, secretario da Federación do Metal da comarca de Vigo e membro da Comisión negociadora do Convenio do Metal.
 
Entrevista con Manuel Simón Graña, secretario da Federación do Metal da comarca de Vigo e membro da Comisión negociadora do Convenio do Metal, para analisar a convocatoria de folga indefinida e as razóns que motivan esta medida de forza dos traballadores e traballadoras do sector.


- Cales son as principais reivindicacións que facedes este ano?

Xubilación parcial aos 60 anos. Aumento salarial igual ao IPC real+3 pontos. Revisión a partires do IPC previsto. Que o traballo os sábados teña un incremento sobre o salario do 50%, e os domingos e festivos do 60%.

A respeito da productividade existe un artigo no convenio que marca como traballo normal os 60 pontos Bedaux (co salario de convenio). Ou sexa, que todo o que excede esta actividade é traballo a máis que pedimos que se mida e pague. En licencias pedimos melloras.

Na baixa da Incapacidade Laboral Transitoria (ILT) pedimos o 75% dende o 1º día de baixa por enfermidade, e no caso de hospitalización o 100% dende o 1º día.

Eventualidade (temporalidade) solicitamos que o cadro de persoal con contratos fixos nas empresas chegue ao 70%, hoxe é do 30%.

Inserimos todo un capitulo adicado ao tema de Saúde Laboral que coidamos moi importante.

Hai outras reivindicacións que seria moi longo enumerar, coido que estas son as máis sentidas para os traballadores do sector.

- Como está composta a Mesa de Negociación do Convenio Colectivo?

A Mesa está formada por 15 delegados-as das centrais sindicais e outros tantos pola patronal, ademais de asesores.

Pola banda dos traballadores acordamos que houbera 5 representantes por cada un dos sindicatos con máis peso no sector (CIG, CCOO e UGT), aínda que se fixeramos contas a composición seria outra. Nomeadamente a primeiros de ano sobre 938 delegados-as a CIG tiña 385, CCOO 353 e a UGT 182.

A representación da CIG está formada só por traballadores-as do metal, en total 12, que rotamos, de xeito que todos participan da negociación. Antolín Alcantara, secretario confederal de Negociación Colectiva, asiste como asesor.

- Cal é a situación actual da negociación?

Hai un principio dacordo no tema das pre-xubilacións, que valoramos positivamente xa que permitiría prexubilarse aos 60 anos a moitos traballadores, que terían que traballar efectivamente so o 15% da xornada, 166 días (aos 60 anos e todos xuntos), aínda que nos que teñen máis de 10 anos na empresa o tempo rebaixase ao 50% e nos que levan máis de 30 non terían que realizar estas xornadas.

Existe tamén un ponto dacordo no referente ao tema da medición da productividade, aínda que dado a variedade das actividades, estudaranse os sistemas a aplicar.

As diverxencias están agora fixadas en dous temas que nos consideramos moi importantes. Son o tema salarial e a pretensión da patronal de impor a flexibilidade xornada laboral, concretamente na xornada e vacacións.

En materia de salarios os empresarios ofrecen o 4,5% o 1º ano, o 4% o 2º ano,e o mesmo o terceiro ano. En todos os casos sen revisión.

Tanto esta oferta como a intención de impor a flexibilidade na xornada son inaceptábeis pola CIG, e no mesmo senso manifestáronse o resto dos sindicatos e a asembleia de traballadores.

- Cando se produciu a ruptura?

O día 27, martes, realizamos unha asembleia conxunta de delegados-as das tres centrais sindicais. Alí debateuse a situación e decidiuse convocar a folga indefinida dende o próximo día 4 de xuño, así como cortar xa as horas extras.

Pode haber novidades que modifiquen esta decisión?

Aínda que antes da folga haberá un encontro obrigatorio coa patronal non penso que se produzan modificacións nas posturas. Ademais a xente está cansa da actitude dilatoria da patronal (demorou tres meses en sentarse a negociar) e que agora faga veña con propostas retrogradas e con ofertas cativas en materia salarial.

- Cal é a participación dos traballadores-as na negociación?

A CIG deulle sempre un gran valor á participación dos afectados na negociación do convenio colectivo. No metal, en Pontevedra, ademais de teoría esto é un practica asumida. Dende que comezamos a preparación do anteproxecto, no mes de outubro ate hoxe, fixemos unhas10 asembleias de delegados e afiliados, e outras dúas conxuntas das tres centrais sindicais nas últimas semáns.

O vindeiro martes, día 3 de xuño ás 7:30 imos facer a primeira asembleia de traballadores conxunta no sector no salón de actos do Concello de Vigo. Esto vai ser así porque dende a CIG turramos para que se lle dera participación a todos e non só aos delegados-as.

- A cantos atinxe esta folga?

Este paro afecta a 18.000 traballadores-as na provincia de Pontevedra, é polo tanto o convenio colectivo que atinxe a un maior numero de persoas. A CIG, como primeira forza sindical, ten unha gran responsabilidade. Xa no ano 1994 a postura agresiva da patronal obrigounos a realizar unha folga de 24 días. Este ano veremos canto tempo vai durar, en todo caso estamos dispostos a superar ese tope, o conflicto de Transportes La Unión deixou moitas ensinanzas e reflectiu a capacidade de resistencia e solidariedade da clase obreira.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/06/2003
cig.informatica