Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 13 de setembro de 2003

A 30 anos do golpe militar fascista, entrevista coa dirixente comunista Gladys Marín
Chile: “Os Gobernos da transición administraron o modelo imposto por Pinochet”
 

Nidia Diaz-

Cuba Debate


O Chile que vivimos, a trinta anos do golpe fascista, reflicte o carácter da negociación que deu forma á saída da ditadura e a instalación de gobernos de transición que non fixeron outra cousa máis que administrar o modelo político, económico e social imposto pola ditadura de Augusto Pinochet (...) Mentres os gobernos da Concertación se gaban dos índices macroeconómicos ante o mundo, a realidade diaria dos chilenos é cada vez máis dramática. O traballador chileno está sometido a condicións cada vez máis duras, cunha lexislación laboral que nega os seus principais dereitos, con xornadas de traballo que exceden longamente ás doutros países, exposto a enfermidades laborais e á violación dos seus dereitos sindicais de maneira cotiá.



 Gladys Marín
Gladys Marín: “Chile iniciou un proceso de emancipación que unía a recuperación das suas riquezas, o desenvolvemento nacional e a integración americana, a unha concepción de profunda solidariedade con todos os pobos do mundo, de condena á intervención imperialista e polo respecto aos principios de soberanía e autodeterminación dos pobos”.
 
Cando no mundo enteiro os pobos lembran e evocan os principais momentos do Goberno da Unidade Popular e a brutal reacción que provocou nos diferentes polos de poder político e económico tanto dentro dese país como en Washington, Gladys Marín, secretaria xeral do Partido Comunista de Chile e unha das protagonistas daquela democracia popular, ofreceunos os seus puntos de vista sobre como se xestou e por que aquela 'asonada' fascista e cal é a débeda que os gobernos civís que sucederon á ditadura teñen co pobo chileno.

- Cal foi o significado histórico para Chile e América Latina do goberno da Unidade Popular encabezado por Salvador Allende?

O Goberno da Unidade Popular foi o máis democrático que tivo a historia política de Chile. Como nunca antes, o pobo tivo unha activa participación na construción dun proxecto de país, dunha sociedade onde o ser humano era o centro e motor do desenvolvemento. Foi precisamente esa multitudinaria vontade de cambio real a que provocou a carraxe irracional da reacción interna e do imperialismo norteamericano.

A visión histórica, a esencia profunda dos ideais que sustentaba o presidente Salvador Allende, xerou unha profunda identificación entre o pobo e o goberno popular. A Unidade Popular transformouse nun momento histórico de enorme significación e atraeu desde o primeiro momento a ollada dos pobos de América e o mundo cara a este proceso que, máis alá da circunstancia electoral que o situou na Moeda, implicaba un avance determinante na loita pola liberación e autodeterminación dos pobos.

Chile iniciou un proceso de emancipación que unía a recuperación das suas riquezas, o desenvolvemento nacional e a integración americana, a unha concepción de profunda solidariedade con todos os pobos do mundo, de condena á intervención imperialista e polo respecto aos principios de soberanía e autodeterminación dos pobos.

O presidente Allende levou adiante o seu programa de goberno que provocou grandes transformacuóns a pesar de ter permanecido só tres anos. O compromiso político das corenta medidas, que buscaban unha distribución máis xusta dos ingresos, a garantía dos direitos civís dos cidadáns, a transparencia da xestión pública, o desenvolvemento e acceso á cultura, o dereito ao traballo; en definitiva, a mellora da calidade de vida dos chilenos e chilenas, foron cumpridas case na súa totalidade durante o goberno popular. Respondeuse plenamente ás esperanzas de millóns que vían con orgullo que non só eran depositarios do esforzo dun goberno que lles pertencía, senón que (e aí está un dos valores máis importantes) ademais eran actores principais na concreción desa esperanza.

A unión de todos estes aspectos e o carácter profundamente democrático do goberno popular, foron os factores de atención que se xerou no resto do continente. E esa admiración espertada pola altura de estadista do compañeiro Presidente, mantense até hoxe, supera a barreira das xeracións e esperta maior interese e simpatía.

Ese é o primeiro xuízo da História. Nin a mentira nin o escarnio que despregaron os propagandistas do fascismo puideron borrar unha pegada que está destinada a permanecer e a inspirar novas xornadas que conduzan a erguer, unha vez mñáis, a loita por unha sociedade máis xusta.

- Ao seu ver, que razóns externas e internas motivaron a consumación do golpe militar fascista?

Pasados trinta anos do golpe fascista, ninguén pode negar que este naceu dunha conspiración planificada, urdida desde a primeira hora en contra do goberno popular.

O golpe foi planificado e financiado desde Estados Unidos con participación da CIA e do Departamento de Estado norteamericano.

A soa posibilidade de que un goberno popular exitoso puidese inspirar outras experiencias similares nos países veciños facía tremer a Nixon e a Kissinger. Este último, nunha mostra inconfundíbel do seu concepto de "democracia", cualificou o pobo de Chile de "irresponsábel" por ter elexido a Allende e con el a unha alternativa de independencia e autodeterminación.

A nacionalización do cobre, a aprofundación da Reforma Agraria, a crecente participación da pobo na construción do seu futuro, foron tamén factores que inflamaron o odio dos sectores reaccionarios que, xenerosamente auspiciados desde EEUU, foron xerando as condicións para dar o golpe e provocar un xenocidio que foi condenado por todo o mundo.

Os antecedentes de institucións de variado signo, incluíndo o Senado norteamericano, proban que o desabastecemento, as atentados e sabotaxes terroristas, a guerra psicolóxica e a violencia, foron provocados por organizacións de dereita financiadas por multinacionais norteamericanas, co obxectivo de crear condicións para o golpe de estado.

- Podería a Unidade Popular, en medio da situación que se conformara, evitar ou mesmo frustar o levantamento castrense?

A Unidade Popular percorreu o camiño que correspondía facer. Un goberno das súas características debíase afirmar precisamente na participación democrática da pobo. O golpe foi a consumación dunha longa serie de feitos terroristas, dunha complot que tivo unha orixe clara e recoñecida.

De feito, só a forza da participación e a mobilización organizada da pobo permitiu ao Goberno Popular enfrentar o proceso de desestabilización que se comezou a desenvolver desde o mesmo intre do triunfo, co asasinato do Comandante en xefe o Exército, René Schneider, e máis tarde continúa cos asasinatos de Edmundo Pérez Zujovic e do edecán do Presidente Allende; a especulación, o acaparamento e o mercado negro; a sabotaxe e os atentados terroristas que chegaron a ter nos últimos meses unha frecuencia de 24 ao día.

Só o poderoso movemento de participación popular alzanzou por momentos características de poder popular, como durante os 26 días do paro de Outubro de 1972, en que os traballadores, estudantes, poboadores e outros sectores populares organizados e mobilizados asumiron na práctica o control da producción e a distribución de produtos e mercadorías.

A UP tentou constantemente un acordo coa Democracia Cristiá. Porén, como di Joan Garcés, "a decisión de acabar co goberno de Allende en 1973 é unha decisión que afectaba sen dúbida aos chilenos, pero que buscaba facer un escarmento con efectos moito máis alá de Chile, para que fose lido por aqueles que en Europa e América Latina pensaban entón que tiñan a liberdade para elixir libremente a súa forma de goberno".

- A situación política interna de Chile hoxe en día reflicte ou arrastra aínda as consecuencias dos anos de ditadura militar?

O Chile que vivimos, a trinta anos do golpe fascista, reflicte o carácter da negociación que deu forma á saída da ditadura e a instalación de gobernos de transición que non fixeron outra cousa máis que administrar o modelo político, económico e social imposto pola ditadura de Augusto Pinochet.

A doce anos do início desta minguada transición, a Constitución política segue sendo a que impuxo Pinochet a través dunha fraude monumental. O sistema electoral está baseado na exclusión de importantes sectores do pobo e na permanencia de institucións antidemocráticas como os senadores designados e vitalicios.

Ademais, impúxose a chamada política dos consensos, que non é máis que o pacto entre a Concertación gobernante e a dereita herdeira da ditadura, para manter e administrar o modelo imperante.

Pero, sen dúbida, a débeda principal está no tema dos dereitos humanos. A impunidade, que tivo a súa máxima expresión nos esforzos da Concertación por repatriar a Pinochet, tras o seu xuízo en Londres, e que tamén se demostra na fracasada Mesa de Diálogo e na proposta do presidente Lagos, é o reflexo da nula vontade política por resolver este drama e por conseguir a Verdade e a Xustiza, condicións irremprazábeis para reconstruír a verdadeira convivencia no noso país.

- Como ve a América Latina 30 anos despois do golpe?

O continente viviu décadas de enorme transcendencia e de fondo dramatismo. Nestes trinta anos desatouse a máis cruel represión contra o movemento popular. As ditaduras militares auspiciadas por Estados Unidos crearon un polo de terrorismo de Estado que abriu un capítulo de asasinatos, desaparicións e torturas que buscaban o exterminio de calquera proxecto de cambios profundos no noso continente. Da mesma maneira, o movemento popular, a resistencia das pobos e as súas organizacións conduciron á mobilización de millóns que acabaron con esas ditaduras, que reconstruíron, aos poucos, a democracia, mesmo cando a intervención norteamericana xerou un proceso de transicións que tivo como signo o mantemento do sistema imposto.

Porén, a historia dos últimos anos ten un significado profundo. A esperanza rexorde con maior forza grazas a exemplos tan concretos como o acontecido coa Revolución Bolivariana en Venezuela; co levantamento popular en Arxentina; en Bolivia, en Arequipa; co triunfo electoral de Lula, en Brasil.

Os pobos están a expresar con claridade o seu rexeitamento ao imperialismo, ao neoliberalismo e aos intentos anexionistas de EEUU.

Non cabe dúbida de que, en todo este proceso, un exemplo de primeira orde constitúeo a Revolución Cubana, polo de dignidade e resistencia á agresión norteamericana.

Cuba é unha bandeira da ética na política. É a mellor demostración da identificación entre goberno e pobo, unidos na mesma determinación de construír unha sociedade onde o ser humano é o motor do progreso e principal construtor e destinatario dos seus logros.

Toda a situación que se vive nestes momentos en América Latina demostra que é posíbel construír un mundo mellor. Na determinación e a unidade dos pobos está a principal semente para a sua liberación.

- Durante estes anos o neoliberalismo utilizou o exemplo de Chile como viabilidade do esquema neoliberal; correspóndese isto coa realidade?

En Chile o modelo neoliberal aplicouse coa maior crueza e ortodoxia. O noso país posúe os peores índices de distribución dos ingresos. Os grupos económicos promoveron deste sistema, alcanzanado os máis altos niveis de concentración da riqueza.

Mentres os gobernos da Concertación se gaban dos índices macroeconómicos ante o mundo, a realidade diaria dos chilenos é cada vez máis dramática.

O traballador chileno está sometido a condicións cada vez máis duras, cunha lexislación laboral que nega os seus principais dereitos, con xornadas de traballo que exceden longamente ás doutros países, exposto a enfermidades laborais e á violación dos seus dereitos sindicais de maneira cotiá.

Chile é presentado como un paraíso para os investidores estranxeiros, pero isto a custo da entrega das principais riquezas ás mans transnacionais e á perda de grandes recursos naturais para beneficiar os intereses das grandes corporacións.

O recente asinamento do Tratado de Libre Comercio con Estados Unidos constitúese nun perigo de enormes dimensións para a nosa soberanía e para a economía nacional, a destrución da maior parte da pequena e mediana empresa e a privatización das grandes empresas do Estado.

Mesmo cando Chile sexa posto como exemplo da viabilidade do sistema neoliberal, debemos partir da certeza que o neoliberalismo non é viábel para ningún pobo.


[Artigo tirado do sitio web 'Cuba Debate', 10 de setembro de 2003]

 
Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2003
cig.informatica