|
Actualidade / Artigo
Vigo, 16 de setembro de 2003
30 anos sen Salvador Allende, sen Víctor
Jara, sen Pablo Neruda
Eran tempos de soños e de vitórias.
Eran os tempos do Vietnam heróico, de Laos e Cambódia resistindo, da nosa Cuba querida e perta que
alumeaba a América insurxente. Pouco antes o noso Ernesto Guevara caía en combate para guiarnos na
construción do Home Novo. A revolución estaba alí, o socialismo era unha utopía posíbel
e os xoves marchabamos cantando as cantigas de Víctor Jara e Quilapayun, que falabánnos de Santa
María de Iquique e a explotación dos obreiros nas minas de salitre, mentres, Violeta Parra daba Gracias
a la vida y Biglietti convocaba a Desalambrar. Canta ilusión! Canta esperanza! Cantas lembranzas!
Un 23 de maio de 1973, na miña condición
de militánte estudiantil tiven a honra de ir receber a Salvador Allende ao aeroporto de Bos Aires. Aquela
mañá foi abraiante. Receber ao líder da esquerda chilena, plural e democrática. Receber
ao noso querido “Chicho” que encabezaba a primeira revolución pacífica cara o socialismo. Aquel dia
éramos centos, despois milleiros. Foi inolvidábel. Ao dia seguinte tivemos a sorte de escoitalo dende
as xanelas da embaixada do seu país, onde novamente unha multitude transmitia o apoio à revolución
que era de todos. Revolución que trascendia a cordilleira dos Andes, que invadia a Arxentina peronista e
montonera. Foi a verdadeira primavera americana. Era un ar fresco que penetraba por todos os recunchos. Da América
que levaba séculos agardando. Uns dias despois o presidente Cámpora asumia o governo arxentino. Os
gritos da multitude cantaban “Perón, Evita, la Patria Socialista”. Mentres, no balcón da Casa Rosada,
Allende e Dorticós ollaban cara o infinito e soñaban cunha pátria latinoamericana. A de Bolívar,
a de San Martín, a de Martí.
A reacción non se fixo agardar. Os do norte
coma sempre. Os da morte coma sempre. Tiñan que matar a esperanza. Meses despois a noticia percorria o mundo.
Allende resistia na Moneda, mentres, Gladis Marín e Miguel Enriquez chamaban à xuventude a resistir
e os obreiros do porto de Valparaíso, facían os derradeiros esforzos para defender a dignidade de
Chile.
¡Chile no se rinde carajo! ¡Chile
no se rinde carajo! Era o berro que percorria as rúas de Bos Aires e do mundo. Mentres Salvador Allende,
morria combatendo e Víctor Jara continuaba acompañando coas suas cantigas dende o estadio Nacional,
dende onde nos seguian a falar do futuro e do amor.
Nunca vou esquecer todas aquelas bágoas
e todas nosas tristuras compartidas, porque só quisemos, como dixo o poeta, “encher de estrelas o corazón
do home“.
Meses despois, en xaneiro de 1974 tiven a honra
de ser detido durante 24 horas por participar nunha manifestación en solidariedade co Chile. O meu “delicto”
foi levar un libro cos derradeiros discursos do presidente mártir. A atividade política levoume a
participar na fundación do Comité Argentino de Solidaridad con Chile (COMACHI) e aínda, 30
anos máis tarde, continúo coas lembranzas daquela inolvidábel Amanda e dun Víctor Jara
que me sigue a acompañar polo Chile de Recabarren, do salítre e do cobre. E as cancións de
Violeta rachánme na soidade. Mentres, o mar segue a bater sobre Isla Negra. E as lembranzas de Inés
e todos os compañeiros mortos e de tantas histórias…
Hai algúns meses, falando en Madrid con
Isabel, a filla de Allende, recordamos aqueles anos. A pesares do tempo, a emoción pasounos fáctura.
Trinta anos sen Salvador Allende, sen Víctor Jara, sen Neruda, sen tantos compañeiros…mais aínda
nos queda a esperanza.
¡Viva Chile carajo!
Lois Pérez Leira
foi presidente da Confederación Argentina de Estudiantes Secundarios (CAES) dende 1971 ao 73 e atualmente
é coordenador nacional do Departamento de Migración da CIG.


Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/09/2003
|