ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 21 de outubro de 2003

A Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia, un ataque directo ao sistema público de protección social
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
Dende CIG-Saúde temos sinalado con reiteración os principais aspectos negativos desta LOSGA e temos realizado unha ampla campaña explicativa dos seus contidos para levar a todos e cada ún dos centros de traballo a nosa grave preocupación por unha lei que de aprobarse nos seus actuais termos vai convertir ao sistema sanitario público de Galicia nun auténtico negocio de conveniencia, con máis recursos privados, con maior inestabilidade, con menos dereitos tanto sociais coma laborais, e sometido a un proceso de descapitalización galopante que xenerará perdas de recursos, de equidade, de cohesión e de calidade na asistencia sanitaria.
 
O proxecto de Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA) levado pola Consellería de Sanidade ao Parlamento de Galiza ven suscitando dende a sua aparición pública o rexeitamento xeneralizado dende todos os sectores sociais e profesionais afectados pola mesma.

O conselleiro Cochón e o seu equipo redactor da lei conseguiron a unanimidade na crítica laboral e profesional dende os sindicatos, os colexios profesionais e as sociedades científicas. No plano cidadán tamén a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública ven desenvolvendo unha campaña de oposición aos contidos da Losga. E mesmo no plano institucional o Consello Económico e Social de Galicia emitiu no seu preceptivo dictame sobre a lei unha opinión enormemente desfavorable con recomendación de introducir sustanciais modificacións no seu articulado. Nese sentido tamén, os grupos parlamentares da oposición, BNG e PSOE, teñen apresentadas máis de 300 emendas ao articulado da LOSGA.

Acusamoslle xustificadamente de ser unha lei privatizadora, fragmentadora e deslegalizadora da xestión do sistema sanitario público; criticamoslle tamén con razón a imposición aos usuarios do pago da sua atención sanitaria de longa estancia; e opoñemonos finalmente á absoluta precariedade e flexibilidade con que regula a xestión de persoal e a modificación das suas condicións de traballo.

Dende CIG-Saúde temos sinalado con reiteración os principais aspectos negativos desta LOSGA e temos realizado unha ampla campaña explicativa dos seus contidos para levar a todos e cada ún dos centros de traballo a nosa grave preocupación por unha lei que de aprobarse nos seus actuais termos vai convertir ao sistema sanitario público de Galicia nun auténtico negocio de conveniencia, con máis recursos privados, con maior inestabilidade, con menos dereitos tanto sociais coma laborais, e sometido a un proceso de descapitalización galopante que xenerará perdas de recursos, de equidade, de cohesión e de calidade na asistencia sanitaria.

A LOSGA do PP é o ataque máis importante que se ten feito ao sistema sanitario público de Galicia. Desde unha concepción ideolóxica nitidamente neoliberal, a Consellería de Sanidade ven dando pasos sen presa pero sen pausa que conducen ao despiece da sanidade pública: aumentando ano a ano a concertación privada e a subcontratación, aumentando o número de fundacións e sociedades sanitarias, limitando o número de persoal nos centros sanitarios; e neste proceso a LOSGA representa o impulso definitivo.

O PP cree e practica a tese de que canto menos Sector Público mellor. Dende esa posición se ven desfacendo de toda canta actividade pode, e ven recortando todos os instrumentos de política social. E tamén en coherencia con ese ánimo privatista ven adelgazando o sistema de protección social en xeral, e o de seguridade social en particular: desemprego, incapacidade temporal, pensións... e agora tamén a asistencia sanitaria pública.

A LOSGA do PP representa por tanto o anuncio de que no futuro inmediato teremos menos sanidade pública e máis sanidade privada, de que a atención sanitaria completa só a terá quen a poda pagar, e de que o sector público só se quedará con aqueles servicios que non aporten beneficios a calquera empresario do sector. En definitiva, é equiparar a sanidade pública co vello concepto franquista da sanidade de beneficencia.

Dende a CIG chamamos á mobilización a todo o sector sanitario, a todos os traballadores e a todas as traballadoras, e a toda a sociedade, para parar a agresión que esta LOSGA representa, e reclamamos con firmeza da Xunta e de Cochón a retirada inmediata deste proxecto de lei ou ben a sua radical modificación.


Xoán Cons, secretario xeral de CIG-Saúde.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/10/2003