ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 24 de outubro de 2003

As Mutuas contra a saúde e dereitos da Clase Traballadora
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
Clic para aumentar
As cifras de persoas que participaron nas ocupacións de distintas Mutuas son as seguintes: Vigo, 500; A Coruña, 250; Pontevedra, 200; Ourense, 200; Ferrol, 150; Compostela, 120; Lugo, 80, Viveiro, 40. Nalgún caso, como Vigo, ocupáronse dúas Mutuas distintas.
 
Na intención de ir privatizando os servizos e prestacións públicas, as diferentes reformas aplicadas polos gobernos do Estado foron concedendo un poder case ilimitado as Mutuas para converter a saúde en negocio. A actuación destas entidades no control e coidado das baixas por accidente está degradando ata límites imposíbeis de aceptar o dereito á protección sanitaria da Clase Traballadora. Na actualidade en Galiza son milleiros e diarias as denuncias de traballadores e traballadoras damnificados por unha atención que privilexia o interese económico por riba da saúde dos accidentados.

As Mutuas teñen fixado, con criterio rigoroso e de custo económico, un calendario de recuperación para todo tipo de lesións, indistintamente que unha vez cumprido este tempo previsto a persoa estea convalecente. Deste xeito estase convertendo en norma que obriguen á alta médica e o reingreso ao traballo sen que o traballador ou traballadora se atope en condicións físicas para desempeñar a actividade laboral.

Esta actuación, a maiores da desprotección que crea, provoca xeralmente recaídas e procesos irrecuperábeis de invalidez ou lesións permanentes. A isto debemos sumar a complicidade da Seguridade Social, que ten como criterio non conceder baixa de enfermidade cando a súa orixe é consecuencia dun accidente laboral. Polo tanto, estamos vendo con demasiada frecuencia como moitas persoas están sendo perxudicadas por unha alta médica da Mutua, sen que poidan reincorporarse á empresa, sen cobertura asistencial, sen salario e cunhas lesións non recuperadas.

Estase facendo realidade a maior das ficcións; xa vemos a persoas escaioladas en pernas ou brazos ou lesións cervicais con alta da Mutua traballando na empresa; pois a consideración destas entidades é que, para certos traballos, este feito non incapacita para poder realizar determinadas actividades. Nesta progresión onde fixarán o límite a tanta barbaridade?

Teñamos en costa que o capital público das Mutuas se cobre coas cotas achegadas pola clase traballadora e as empresas, e que a nosa achega económica estase utilizando contra nós e a nosa propia saúde. Para acadaren maiores ingresos, as Mutuas están recortando o tempo de baixa, ou negando a causa de accidente laboral cando observan indicios dunha posíbel invalidez ou enfermidade profesional. Aprovéitanse da dificultade dun traballador ou traballadora ante unha reclamación no xulgado contra elas porque saben que estarnos en inferioridade para rexeitar os informes presentados polos seas propios médicos.

Xa que logo, cómpre facerlle fronte a esta masificación de abusos, debemos denunciar e non silenciar individualmente os nosos problemas, e tamén mobilizarnos contra esta precariedade brutal da saúde alentada polo Goberno do Partido Popular.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/10/2003