Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 3 de outubro de 2003

O significado de Cancún
 

Walden Bello-

Focus on the Global South


A OMC non é un conxunto neutral de regulamentacións, procedementos e institucións que se pode utilizar en forma defensiva para protexer os intereses dos actores débiles. As propias regras –entre as cales as principais son a supremacía do principio de libre comercio, a cláusula de nación máis favorecida e o principio de trato nacional- son a institucionalización do actual sistema de desigualdade económica mundial (...) A OMC non é unha organización verdadeiramente multilateral. É un mecanismo para perpetuar o condominio de EEUU e a UE sobre a economía mundial.



 Manifestación Cancún
A sociedade civil mundial foi un actor importante en Cancún. Desde Seattle, a interacción entre a sociedade civil e os gobernos nos temas de comercio intensificouse. As organizacións non gobernamentais axudaron os gobernos dos países en desenvolvemento nos aspectos políticos e técnicos das negociacións. Mobilizaron a opinión pública internacional contra as posturas retrógradas dos gobernos dos países ricos, como no tema das patentes de medicamentos e a saúde pública.
 
O fracaso da Quinta conferencia ministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC) en Cancún, México, o pasado domingo 14 de setembro foi un acontecemento de proporcións históricas.

Cancún ten varias consecuencias de grande importancia.

En primeiro lugar, este fracaso representou unha vitoria para os pobos de todo o mundo, e non unha "oportunidade perdida" de lograr un acordo mundial entre o Norte e o Sur. Doha nunca foi unha "rolda de desenvolvemento". E o pouco que prometeu en materia de desenvolvemento xa fora traizoado moito antes de Cancún. Nin sequera o máis optimista dos países en desenvolvemento chegou a Cancún esperando concesións dos grandes países ricos en interese do desenvolvemento. A maioría dos gobernos dos países en desenvolvemento chegaron a Cancún cunha postura defensiva. O grande desafío non foi lograr un histórico 'Novo Acordo' senón evitar que EEUU e a UE impuxesen novas esixencias sobre os países en desenvolvemento, á vez que evaden as disciplinas multilaterais nos seus propios réximes de comercio.

Neste sentido, non foron os países en desenvolvemento os queprovocaron o fracaso, como suxeriu o Representante comercial de EEUU Robert Zoellick na sua conferencia de prensa final. Esa responsabilidade recae directamente en EEUU e Europa. Cando a segunda revisión do proxecto do texto ministerial se proxectou o sábado 13 de setembro, estaba claro que EEUU e a Unión Europea non estaban dispostos a facer nengunha rebaixa substancial nos seus altos niveis de subsidio á produción agrícola, mesmo cando continuaban esixindo intransixentemente que os países en desenvolvemento reducisen os seus aranceis. Tamén resultaba claro que a UE e EEUU estaban determinados a ignorar a estipulación da Declaración de Doa onde se establece que se require o consenso explícito de todos os estados membros para comezar as negociacións sobre os "temas de Singapur".

Ou se negocia baixo as nosas condicións ou non hai negociación: ese foi o significado da segunda revisión. Non resulta abraiante entón que os países en desenvolvemento non brindasen o seu consenso para un marco de negociacións tan prexudicial para os seus intereses.

En segundo lugar, a OMC está moi malferida. Dúas reunións ministeriais fracasadas e unha que apenas sobreviviu, a de Doha, non falan moi ben da institución. Para as superpotencias do comercio, a OMC xa non é un instrumento viábel para impor a súa vontade sobre os demais. Para os países en desenvolvemento, a OMC non significou unha protección contra os abusos das economías poderosas, e moito menos constituíu un mecanismo de desenvolvemento. Isto non quere dicir que a OMC morreu. Faranse esforzos por salvala da ruína, como xa fixeron EEUU e a UE en Doha. Pero é moi probábel que ao carecer do impulso que xera unha reunión ministerial exitosa, a maquinaria reducirá significativamente o seu funcionamento. Zoellick tivo razón ao dubidar de que a Rolda de Doha finalizase na sua data límite de xaneiro de 2005 e o Comisario Comercial da Unión Europea, Pascal Lamy, simplemente tentou restar importancia á situación ao afirmar que a OMC completara o 30% do programa de Doha.

Á parte da perda de impulso e da deterioración do funcionamento básico da maquinaria da organización, o proteccionismo crecente dos países ricos, unha economía mundial asolada polo estancamento a longo prazo e o desmembramento da Alianza Atlántica debido ás diferenzas políticas, non constitúen un clima favorábel para que a OMC funcione como mecanismo principal da liberalización e a globalización. A OMC pode eventualmente sufrir a mesma sorte que esta lle deparou á UNCTAD (Conferencia das Nacións Unidas sobre o Comercio e o Desenvolvemento): sobrevivir, pero ser cada vez máis ineficiente e irrelevante.

Isto xera outra cuestión: aínda que nos alegremos do fracaso dunha reunión ministerial orientada contra os intereses dos países en desenvolvemento, debemos saudar o debilitamento da OMC? Despois de todo, hai quen argumentou que a OMC é un conxunto de regulamentacións e maquinaria que, cun equilibrio de forzas adecuado, pode ser invocado para protexer os intereses dos países en desenvolvemento. Os defensores desta postura afirman que é mellor convivir coa OMC que cos acordos de comercio bilaterais, que segundo afirmou o Representante de Comercio de EEUU Robert Zoellick na conferencia de prensa final, serían agora a prioridade de Washington despois do fracaso de Cancún.

A verdade é que a formulación é unha falsa oposición. A OMC non é un conxunto neutral de regulamentacións, procedementos e institucións que se pode utilizar en forma defensiva para protexer os intereses dos actores débiles. As propias regras –entre as cales as principais son a supremacía do principio de libre comercio, a cláusula de nación máis favorecida e o principio de trato nacional- son a institucionalización do actual sistema de desigualdade económica mundial. As armas coas que eventualmente contan os países débiles son moi poucas e dispersas. O principio de trato especial e diferenciado para os países en desenvolvemento goza dun rango moi pouco significativo na OMC. En realidade, en Cancún, EEUU e a UE eliminaron das negociacións toda a axenda referente ao trato especial e diferenciado que establecía a Declaración de Doha. A OMC non é unha organización verdadeiramente multilateral. É un mecanismo para perpetuar o condominio de EEUU e a UE sobre a economía mundial.

En terceiro lugar, a sociedade civil mundial foi un actor importante en Cancún. Desde Seattle, a interacción entre a sociedade civil e os gobernos nos temas de comercio intensificouse. As organizacións non gobernamentais axudaron os gobernos dos países en desenvolvemento nos aspectos políticos e técnicos das negociacións. Mobilizaron a opinión pública internacional contra as posturas retrógradas dos gobernos dos países ricos, como no tema das patentes de medicamentos e a saúde pública. Emerxeron como fortes coalicións nacionais que presionan os seus gobernos para impedir que sigan facendo concesións aos países ricos. Se moitos gobernos de países en desenvolvemento resistiron a presión de EEUU e a UE en Cancún foi porque temían a reacción política dos grupos da sociedade civil nos seus propios países.

Cos movementos populares percorrendo o centro da cidade e as ONGs manifestando cada hora dentro e fóra do centro de convencións desde a sesión inaugural en adiante, Cancún converteuse nun microcosmos da forza da dinámica mundial entre os Estados e a sociedade civil. A autoinmolación do agricultor coreano Le Kyung Hae nas barricadas policiais foi unha advertencia para todos os que estaban no centro de convencións, de que xa non poderían ignorar a crise económica dos pequenos agricultores do mundo, e o feito foi recoñecido polos gobernos co minuto de silencio que se realizou na sua memoria. Verdadeiramente, o fracaso da reunión ministerial de Cancún foi outra confirmación da observación do 'New York Times' de que a sociedade civil mundial é a segunda superpotencia do mundo.

En cuarto lugar, o Grupo dos 21 é un acontecemento novo e importante que podería contribuír a alterar a correlación de forzas a nivel mundial. Conducido por Brasil, a India, China e África do Sur, esta nova agrupación abortou a ofensiva da UE e EEUU para converter Cancún noutro episodio triste na historia do subdesenvolvemento. O potencial deste grupo foi salientado por Celso Amorim, o Ministro de Comercio brasileiro, que xurdiu como o seu portavoz, ao dicir que representaba máis da metade da poboación do mundo e a máis de dous terzos dos seus agricultores. Os negociadores de comercio de EEUU non se enganaron ao afirmar que o Grupo dos 21 representa un proseguimento da ofensiva do Sur por unha "nova orde económica internacional" inicialmente formulada na década dos 70.

Porén, gran parte disto está aínda por ver, e non se debe sobreestimar o potencial deste novo grupo. Por agora, é principalmente unha alianza que ten como obxectivo central reducir radicalmente os subsidios da agricultura do Norte. E aínda lle falta abordar en forma significativa a necesidade dunha protección ampla para os agricultores máis pequenos nos países máis pequenos que centran principalmente a sua produción no mercado nacional. Isto é comprensíbel, xa que os membros máis destacados do Grupo dos 21 son grandes agroexportadores, aínda que tamén teñen produción orientada ao mercado nacional, baseada en pequenos agricultores.

Non obstante, non existe ningunha razón pola cal unha axenda positiva de agricultura sustentábel orientada ao sector de pequenos agricultores non se poida incluír como reivindicación central do grupo. Tampouco non hai ningunha razón pola cal o Grupo non poida ampliar o seu mandato para incorporar tamén un programa común sobre industria e servizos. Aínda máis alentadora é a posibilidade de que o Grupo dos 21 sirva como motor da cooperación Sur-Sur, máis alá do comercio na coordinación de políticos de investimento, fluxos de capitais, políticas industriais, sociais e ambientais. Este tipo de formacións de cooperación Sur-Sur centradas na prioridade do desenvolvemento por sobre o comercio e os mercados ofrecen unha alternativa, tanto á OMC como aos acordos bilaterais de libre comercio que buscan impor agora os EEUU e a UE.

Ao articular a súa axenda, o Grupo dos 21 encontrará un aliado natural na sociedade civil. Con EEUU e a UE determinados a defender o statu quo, esta alianza debe pasar de ser unha posibilidade a ser unha realidade o antes posíbel. Claro que non será unha tarefa doada. Os grupos progresistas da sociedade civil poden sentirse cómodos ao negociaren co goberno brasileiro encabezado polo Partido dos Trabalhadores (PT), pero non se sentirán ás súas anchas co goberno da India, que é fundamentalista e neoliberal, nin co goberno chinés que é autoritario e neoliberal. Porén, as alianzas fórxanse na práctica e ningún goberno debe ser clasificado como imposíbel de alinear coa causa do desenvolvemento sustentábel orientado para os pobos.

Para concluír, pouco despois da Reunión ministerial de Doha, varias organizacións da sociedade civil afirmaron que a mellor forma de contribuír cos intereses do mundo en desenvolvemento sería facer fracasar a próxima reunión ministerial en Cancún en vez de tentar converter a reunión nun foro para reformar a OMC. A medida que se aproximaba Cancún, a intransixencia dos países poderosos levou a punto morto as discusións co Sul en case todas as frontes. No momento de se realizar a reunión de Cancún, xa non se falaba máis de reforma. As cousas estaban claras. Con EEUU e a UE determinados a impor os seus obxectivos, que non houbese acordo era mellor alternativa que un mal acordo, unha reunión ministerial fracasada mellor que unha reunión exitosa que servise soamente para chantar un novo cravo no ataúde das aspiracións de desenvolvemento dos países empobrecidos.

Despois de Cancún, o desafío da sociedade civil mundial é redobrar os seus esforzos para desmantelar as estruturas de desigualdade e presionar para lograr acordos alternativos de cooperación económica mundial que permitan favorecer verdadeiramente os intereses dos pobres, os marxinados e os desfavorecidos.


[Artigo tirado do sítio web 'Focus on the Global South', núm. 93,
setembro de 2003]

 
Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/10/2003
cig.informatica