ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 21 de outubro de 2003

Manifesto sindical contra a LOSGA
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
O progresivo deterioro dos centros hospitalarios, da calidade asistencial, das condicións de traballo, o recorte de prestacións sanitarias e o engorde dos petos duns poucos privilexiados están servidos.
 
As centrais sindicais máis representativas de Galiza deron a coñecer un manifesto conxunto opóndose á LOSGA, proxecto de Lei que se está a debater no Parlamento galego e conta co apoio do Partido Popular.

Ademais, a CIG, realizou durante a pasada semán diversas mobilizacións (o mércores e xoves) para sensibilizar á opinión pública sobre os prexuízos que pode causar esta Lei tanto para os usuarios como para os traballadores-as do sector. As mobilizacións repetiranse todos os mércores.


Manifesto das centrais sindicais UGT Galicia, CIG, e CCOO de Galicia contra da Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA)

As centrais sindicais CIG, UGT-Galicia e CCOO de Galicia queremos expresar a nosa fonda preocupación polo proxecto de Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA) elaborado pola Consellería de Sanidade pendente de tramitación parlamentaría este mes de outubro.

As tres centrais queremos manifestar conxuntamente:

1. A nosa posición contraria á liquidación do actual modelo de sanidade pública e a súa substitución por outro no que priman os intereses empresariais privados sobre o interese xeral, a través da creación dunha Rede asistencial na que se integran os centros privados en igualdade de condición cos públicos, que ademais serán subvencionados con cartos públicos, o que inevitablemente se traducirá nunha diminución dos investimentos no sector público. O progresivo deterioro dos centros hospitalarios, da calidade asistencial, das condicións de traballo, o recorte de prestacións sanitarias e o engorde dos petos duns poucos privilexiados están servidos.

2. O noso rexeitamento á lexitimación que se pretende dar ás novas formas de xestión privada dos centros sanitarios (fundacións, MEDTEC, 061, etc), destinadas a reducir gastos a costa de unha máis deficiente asistencia sanitaria. Estes centros teñen menos persoal, menos camas, menos quirófanos, hospitalizan menos pacientes e realizan menos intervencións cirúrxicas cos centros públicos similares, polo que moitos dos seus pacientes son desviados a outros hospitais ou deben esperar mais tempo en lista de espera.

3. A nosa máis firme defensa do mantemento da gratuidade da atención ós enfermos crónicos e discapacitados e dun sistema de atención sociosanitaria público e á disposición de tódalas persoas que o poidan necesitar, que contemple a asistencia tanto no domicilio como en residencias. Non é aceptable en absoluto a privatización da atención sociosanitaria que este proxecto de Lei ven consolidar nin a pretensión de que a prestación asistencial na súa modalidade de coidados crónicos sexa pagada en parte polos usuarios. Esta medida perxudica ós colectivos sociais máis necesitados e establece unha discriminación no acceso ós servicios sanitarios en función da capacidade económica das persoas.

4. A nosa oposición á supresión de lexítimos dereitos laborais do persoal sanitario e á falta de solucións ás insuficiencias dos cadros de persoal das institucións sanitarias públicas. Preténdese facer desaparece-la estabilidade no emprego, coa conseguinte repercusión negativa na calidade asistencial, e foméntase o prestamismo laboral, de tal xeito que determinados profesionais do sector público poidan ser destinados a centros non pertencentes ó SERGAS.

As tres centrais sindicais esiximos a retirada deste proxecto de lei e a súa radical modificación, coa lexitimidade e a firmeza de saber que unha norma desta transcendencia necesita dun consenso social e profesional do que na súa actual redacción carece absolutamente.

Para conseguir estes obxectivos facemos un chamamento a mobilizacións dos traballadores de toda Galicia en contra da LOSGA.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/10/2003