Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 7 de novembro de 2003

No pasamento dunha poeta: O oco de Xela Arias
 

Marta Dacosta-

Actualidade GalizaCIG


A dor é máis grande cando comprobamos que se nos van os que necesitamos. E esta é a dor que nos deixa Xela Arias.

Xela era unha persoa comprometida co seu país e por el traballou incansabelmente. Traballou en Xerais desde o momento da sua fundación e desde ali preparou libros e coleccións, hoxe moi asentadas na nosa literatura. Adicou moita atención á tradución e suas son as versións para o galego de Dublineses de Joyce, o Amor de Perdiçao de Castelo Branco ou Venus Negra de Angela Carter, e outras moitas que preparou para a editorial en que traballaba. Máis tarde deixaria a editorial e comezaria traballar no Ensino. Durante todo ese tempo foi elaborando a sua obra poética: Denuncia do Equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome, son os títulos que nos quedan e onde descubrimos unha poesia centrada na indagación e no cuestionamento da realidade, unha poesia que non buscaba a complacéncia e que se construia sobre o desartellamento da linguaxe.

Muller comprometida co seu tempo dixo e escribiu os seus versos contra o chapapote e contra a guerra, en cada un dos volumes e recitais que nos foron necesários. Pero sobre todo Xela era unha fermosa persoa, entregada e atenta, por isto, por todo isto, é grande o oco que nos deixa.


Gondomar, 5 de novembro de 2003.

Marta Dacosta, escritora.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/11/2003