Actualidade CIG-Comunicación-
Como anunciabamos no anterior comunicado, a CIG, despois de que a AEB escenificase a ruptura da Mesa de Negociación, solicitou oficialmente a intermediación da Dirección Xeral do Ministerio de Traballo para restablecer a normalidade. Entendiamos que non era bo que tódalas vías de diálogo estiveran pechadas. Así, o 9 de decembro tivo lugar unha nova reunión da Comisión Negociadora. A patronal AEB desaproveitou a ocasión para tratar de aproximar posicións. Nin sequera falou, nin fixo ningún tipo de contraproposta. É pois responsabilidade da AEB, e por extensión da Dirección de cada un dos Bancos asociados, a situación de conflicto que vivimos. Neste senso a mobilización é a única vía posible que nos queda aos traballadores/as para conquerir un convenio colectivo que responda ás reivindicacións sociais. Queremos facer un chamamento a tódolos traballadores e traballadoras para que participedes nas mobilizacións que se están a convocar. A vindeira terá lugar o día 19 de decembro en Ourense cunha nova Manifestación Nacional da CIG. As cúpulas de CCOO e UGT anunciaron que non asinarían un novo Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva se a AEB non negociaba na Banca. Finalmente veñen de asinar unha prórroga do acordo coa cúpula empresarial, pactando un tope salarial na negociación colectiva para o ano 2004 dun 2,5%. Dende a CIG defendemos unha suba salarial de IPC+2, que permita recuperar o poder adquisitivo perdido no anterior convenio. Outros piden un 3% para o ano 2003 e un 2,5% para o ano 2004, pero non se atreven a dicilo. Os traballadores/as do sector queren unidade de acción sindical para afrontar a situación do convenio. A unidade é posible pero require claridade nos obxectivos e un compromiso de mínimos. Para prepotencia e opacidade xa temos a AEB. Próxima reunión 14 de xaneiro de 2004.
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/12/2003 |