Actualidade CIG-Comunicación-
A manifestación saíu ás 11 da mañá dende o Parque de San Lázaro, e percorreu as rúas da cidade nas que están establecidas as oficinas principais de distintas entidades bancarias. Ía encabezada a manifestación por unha gran pancarta co lema “Convenio Galego ¡XA! – Eiquí traballamos, eiquí negociamos”. Nesta mobilización, participaron ademais dos responsables da Federación, membros da Executiva Confederal da CIG, así como o secretario comarcal da CIG en Ourense, Etelvino Blanco Rodríguez. Precedeu en todo momento a marcha un cadaleito que contiña no seu interior o convenio colectivo da banca, como un símbolo representativo das pretensións da patronal de enterrar a negociación colectiva e impoñer unilateralmente as condicións de traballo para os seus empregados e empregadas. A medida que se chegaba ás oficinas bancarias da cidade, entraban nelas responsables da federación acompañados por manifestantes, para explicarlle ao persoal das mesmas como está actualmente a negociación e cales son os obxectivos marcados pola CIG a acadar na mesma, mentres o resto da mobilización quedaba agardando na rúa coreando as consignas.
| |||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2004 |