Actualidade / BiografíaVolver


Vigo, 6 de decembro de 2003

Concepción Mariño, a magnánima e rebelde señora
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


 Concepción Mariño
Retrato de Concepción Mariño, “a magnánima señora”.
 
Dise que detrás de cada gran home, hai unha gran muller. Non sempre é así; ás veces, non é detrás, senón diante, ó lado, deses grandes homes onde están esas grandes mulleres.

Xunto a ese gran rebelde revolucionario que se chamou Santiago Mariño, estivo a súa irmá, Concepción, nomeada polos patriotas que loitaban contra o xugo español "a magnánima señora".

Don Santiago Mariño de Acuña, pai de Concepción e Santiago, era galego e afincado na illa de Margarita. Contraeu matrimonio en 1797 con Atanasia Claridge Fitzgerald de Coolmen.

Tanto os Mariño como os Fitzgerald posuían un gran abolengo nas súas terras de oríxe Galicia e Irlanda, respectivamente, e unha forza e un sangue totalmente revolucionario e rebelde.

Non se coñece a data da chegada do pai de Concepción e Santiago a Venezuela desde Galicia. Dedicábase o vello Santiago Mariño a varios negocios, entre eles o de armador de buques, o que lle facía ter intereses na illa británica de Trinidad e na venezolana Península de Paria.

O pai de Concepción e Santiago accedeu a un cargo público en 1787, e para 1796 residía no illote da súa propiedade de Chacachacare, no que tiña unha plantación de algodón. Vivía o vello Santiago alí coa súa dona, Concepción e Santiago e outro fillo que morreu sendo neno. Tamén residían no illote varios escravos propiedade dos Mariño.

A nai de Concepción, Atanasia, era irlandesa. Seu pai, Gerald, era fillo de William Claridge de Coolmen e Brigitte Fitzgerald de Kilbridge, "católicos e nobres".

O avó de Concepción Mariño chegara á illa de Margarita hacia 1771, casando coa crioula María Rosa de Ortega, e nacendo, en 1772 a nai de Concepción, Atanasia. Na acta de matrimonio figura este irlandés, avó materno de Concepción e Santiago como "firmísimo seguidor da fe ortodoxa e católica".

Concepción Mariño foi educada de forma esmerada, e sobresaíu pola súa cultura e polo seu temperamento. As mulleres daquela época eran educadas para o fogar, para os fillos e para o matrimonio. Educadas para un conxunto de frivolidades propias de certa clase social daquela época, a dos ricos, ou "mantuanos" como lles chamaban daquela en Venezuela.

Os homes aprendían idiomas e matemáticas, ademais de rudimentos de álxebra, linguas clásicas e un pouco de literatura.

 Santiago Mariño
Santiago Mariño, irmán de Concepción. (Retrato por Martín Tovar y Tovar, 1878).
 
Concepción e Santiago, malia seren fillos dunha irlandesa, foron enviados a escolas inglesas na illa británica de Trinidad, illa na que residían moitos dos seus parentes.

A pesar disto, tanto Concepción como Santiago se sentiron sempre fondamente venezolanos, e máis tarde terían oportunidade de o demostrar nos combates pola independencia da súa amada terra.

O doutor Parra Pérez, na súa magna obra, a máis completa nunca escrita sobre os Mariño, asegura que esa dobre identidade galego-irlandesa, ou despois británico-venezolana non foi óbice para que os seus camiños foran a través do vieiro da liberdade da súa patria de nacemento. Di Parra Pérez:

"Eran patriotas, Concepción e Santiago, cento por cento. Os nenos fueron educados nun ambiente revolucionario. Notábase neles a influencia no irlandés e no galego. A rebeldía víñalles desde lonxe. Eran inimigos das tiranías e autocracias de calquera xénero; e pola influencia social e política inglesas eran partidarios de institucións liberais".

Este sentimento de liberdade converteuse realidade cando o seu fogar era o punto de reunión de todos aqueles que estivesen en contra da tiranía española. Puxeron tódolos seus bens materiais e espirituais nesa causa e arriscaron a súa vida, tanto Concepción como Santiago pola liberdade de Venezuela.

Santiago Mariño, pai de ambos, posuía unha propiedade, unha quinta, chamada Cuaranta, a cal lle dera en herdanza ó seu fillo Santiago. Concepción herdou en propiedade o illote de Chacachacare, no que posuía unha quinta. Nel vivía co seu home, José María Sanda, con quen tivo cinco fillos. A máis vella, Atanasia Pascuala, nacida en Cumaná o 2 de maio de 1804. Outro fillo foi José María que casou cunha curmá e outro, o menor, Francisco Antonio, era cativo cando súa nai decidiu entrar na loita revolucionaria co seu tío Santiago en 1813. Dos outros fillos non se ten noticia.

O illote de Chacachacare pertencía á xurisdicción territorial da illa británica de Trinidad. Composto por cento dez cadros de terras propias con sementeiras de algodón, mill, plátano, iuca e outros productos. Tiñan corenta e seis escravos e estaba valorada en vinte mil pesos.

A causa patriota necesitaba diñeiro. Asíí, Santiago Mariño véndelle a súa propiedade de Cuaranta ó seu cuñado José María Sanda para que tanto Cuaranta como Chacachacare permanezan "dentro da casa". A fortuna do vello Santiago Mariño Acuña alcanzaba a cantidade de corenta mil pesos en bens raíces. A metade foi a Santiago, con Cuaranta e a outra a Concepción con Chacachacare.

Este illote de difícil nome é un lugar afastado e solitario, ideal para a invasión que por Oriente pretendían os patriotas independentistas. No illote reuníronse corenta e cinco mozos, con seis fusís e algunhas pistolas e trabucos. Xuraron salva-la patria ou morrer, só unha muller os acompañaba no xuramento: Concepción Mariño, recoñecida pola súa magnanimidade e chamada "a magnánima señora".

Con este título pasa á historia unha das poucas mulleres que deixou pegada na historia da liberdade de América, xunto a Micaela Bastidas, a Manuelita Sanz ou Josefa Camejo.

Aqueles días, días despois da capitulación ante Monteverde, o sanguinario español, todo esforzo por recupera-la República era unha tarefa de valientes, de idealistas... de titáns.

Todo se daba por perdido e a sumisión ó xugo español parecía un feito ó que había que se someter. Os patriotas venezolanos do extremo occidental fuxiran cara ás illas do Caribe e cara a Colombia. Os de Oriente rendéranse ante as tácticas do gobernador español Ureña. Reinaba un ambiente de resignación ante a derrota patriota e os grilletes que impuxera España.

 Clic para aumentar
Illa de Chacachacare.
 
Sen embargo en Chacachacare, a súa xente, Concepción Mariño, e os homes que seguían ó seu irmán Santiago, estaban por recupera-lo que parecía irrecuperable, e entre eses homes, os ollos azuis, o cabelo vermello, encendido, o sorriso e a vontade dunha muller.

O gobernador Ureña foi substituído por funcionarios, se cabe, máis crueis e sanguinarios. Antoñanzas, Cervériz, Zuazola e Martínez.

Santiago refúxiase en Trinidad, e desde alí, a través do illote de Concepción, iniciará a reconquista do Oriente de Venezuela, mentres que Bolívar o fará por Occidente, ó mesmo tempo, en extremos opostos, xeograficamente, sen conexión ningunha, sen ter noticia o un do outro, só por ese anceio de liberdade que os movía, e así, como unha ave fénix renacerá das súas cinzas a República de Venezuela a finais de 1812, a II República.

Concepción, influída polo seu irmán Santiago, abrazou a causa da liberdade, mesmo antes de coñecela. Tal vez nos seus xenes, no seu sangue, en canto fixese, esta heroína de sangue gallego-irlandés, moldeada polas quentes terras de Paria e a brisa do estreito que separa Trinidad de Venezuela, decidiu apoiar coa súa alma, co seu diñeiro, cos seus bens, co seu espírito, con todo o que tiña, a causa da liberdade. Nai de cinco fillos, expón a súa vida por algo do cal foi tamén nai, pois foi ela, co seu actuar, quen deu á luz esta nova República.

Concepción asiste co seu irmán ás reunións clandestinas, ás que só asistían homes, que os patriotas realizaban no seu propia casa. Muller de gran temple e tenacidade, non só compartía os ideais do seu irmán, tamén era a súa máis grande admiradora e animadora.

Muller fermosa, valerosa, rica en bens de fortuna e de elevados ideais. Antes de participar na loita pola independencia, construíu a igrexa da Trindade co seu diñeiro.

No fragor da batalla pola independencia prestou diñeiro e maila súa propiedade para que o seu irmán levase a boa fin a loita pola liberdade.

Foi apresada e axuizada polos ingleses en Trinidad.

O rei dos españois, Fernando VII, era aliado da súa Maxestade Británica. Por isto, as autoridades británicas de Trinidad informaban puntualmente as españolas de Venezuela sobre calquera preparativo militar que tivese como protagonistas os patriotas de Mariño, pois a súa expedición era esperada polos españois en Güiria.

Os ingleses dictaran a seguinte lei:

"Todo individuo de calquera clase e condición culpable de tomar parte na expedición ou contribuír a ela dalgunha maneira sería expulsado a perpetuidade da illa e dependencias e os seus bens confiscados a beneficio da Coroa; os súbditos da Súa Maxestade debíanlles subministrar ás autoridades cantos informes fosen útiles para o descubrimento dos autores e cómplices da empresa; as autoridades levantarían un padrón de estranxeiros e dos alistados na milicia e impedirían o desembarco doutros daqueles sen un permiso especial e sen que se presentase por persoa de responsabilidade establecida en Trinidad, unha fianza de mil libras esterlinas por cabeza".

A situación dos habitantes de Chacachacare, con esta lei, era moi complicada, pois os facía obxecto de persecución por parte do Goberno inglés. Aínda así, Valdés e outros axentes de Mariño buscaban en Trinidad soldados vidos das Antillas francesas, refuxiados lonxe de Martinica e Guadalupe, que servisen como expedicionarios para a invasión da terra continental venezolana.


 Chacachacare plano situación
Trinidade e Tobago, mapa de situación da Illa de Chacachacare á que Colón chamou “Illa de Gatos” en agosto de 1498.
 
Chacachacare

O primeiro documento que fai mención a esta illa foi nun escrito de Cristovo Colón, no seu diário de 12 de agosto de 1498. Chamou Colón a esta illa, “Illa de Gatos” debido á confusión entre os berros dos monos e os maullidos dos gatos.

Imposibilitado de seguir viaxe pola Boca de Monos ou Boca Grande debido ao mal tempo, Colón é obrigado polo tempo a ancorar a súa nave na baia central da Illa de Chacachacare até a maná seguinte. Colón marchará da por el nomeada Illa de Gatos sen saber que tiña un nome moitísimo máis antigo: Chacachacare.

Descripción

“Descripción da illa e golfo de Trinidade; vantaxes que oferece a España para o Comercio e Mariña, e para a defensa xeral das súas posesións no Novo Mundo”.

Esta Descripción foi asinada por Cosme de Churruca, da man do brigadier e o ex governador de Trinidade José María Chacón, presentando a Descripción ás autoridades españolas, despois dunha expedición para formar o Atlas Marítimo da América Septentrional que saiu en xuño de 1792 e presentou a súa Descripción o 15 de abril de 1796.

Nela Cosme de Churruca di nos seus pontos 50 e 51:

Imposibilidade natural de entrar pola boca de Navios.

50. A terceira boca chamanda de Navios está formada pola pequena illa de Chacachacares e pola de Huebos, ten con curta diferenza as mesmas dimensións que a segunda; mais a súa dirección do noroeste ao suleste, inutilizaa para entrar no golfo e pola mesma razón é moi boa para sair del con buques de calquera porte.

Magnitude da boca e imposibilidade de impedir que entre o enimigo por ela.

51. A cuarta e derradeira boca cahamada pola súa magnitude boca grande, está formada pola mesma illa de Chacachacares e o extremo oriental do continente da América que é o cabo de Paria, esta canle ten 5 ½ millas de ancho sen perigo algún e menos corrente que os demáis: é por conseguinte moi cómodo para a entrada e saída de escuadras e non pode ser gardado senón por forzas superiores”.


 Clic para aumentar
Vista da costa norte de Trinidade desde o faro de Chacachacare.
 
As orixes do topónimo Chacachacare

Existen varias orixes deste toponimo. Unha delas é a palabra amerindia para algodón, planta e plantación que mantiñan o galego Santiago Mariño de Acuña e a sua dona a irlandesa Anastasia Carry.

A palabra indíxena para algodón é “chac chac”.

Outra orixe posíbel é a onomatopea que ven do son dos monos que unha vez moraron na illa.

A corrupción da palabra española “cháchara” coma significado de continua conversa, dbido á similitude dos sons dos paxaros que moran na illa.

Outra orixe posíbel é a seguinte. No ano de 1791 a illa de Chacachacare foi dada a Sir Geral Fitzpatrick Carry, pai de Anastasia, polo rei de España atendendo aos servizos prestados á Coroa española, coa condición de que en caso de necesitala a Coroa, fose devolta automáticamente.

Xuntando a palabra amerindia de chac chac coa de Carry temos algo semellante a Chacachacare.


A Acta de Chacachacare

Era o 11 de xaneiro de 1813. Na quinta de Chacachacare, propiedade de Concepción Mariño, atopábanse o seu irmán menor Santiago, xefe da expedición, Manuel Carlos Piar que prestara a embarcación Carlota e 45 patriotas. Concepción Mariño foi a única muller presente, e a única que asinou a Acta xunto a eles.

A Acta de Chacachacare é considerada polos historiadores como o documento que dá nacemento á II República de Venezuela, equivalente á Acta de Independencia da I República. No seu texto declara o seguinte:

"Violada polo xefe español, D. Domingo de Monteverde, a capitulación que subscribiu co ilustre Miranda o 25 de xullo de 1812; e considerando que as garantías que se ofrecen naquel solemne tratado se converteron en cadafalsos, cárceres, persecucións e secuestros; que o mesmo xeneral Miranda foi víctima da perfidia do seu adversario; e, en fin, que a sociedade se acha ferida de morte, corenta e cinco emigrados reunímonos nesta quinta, ó abeiro da súa dona, a magnánima señora dona Concepción Mariño e, congregados en consello de familia, impulsados por un sentimento de fondo patriotismo, resolvemos marchar sobre Venezuela co obxecto de salvar esa patria querida da dependencia española e restituírlle a dignidade de nación que o tirano Monteverde e o seu "terremoto" lle arrebataron. Mutuamente empeñámo-la nosa palabra de cabaleiros de vencer ou morrer en tan gloriosa empresa; e deste compromiso poñemos a Deus e as nosas espadas por testemuñas. Nomeamos xefe supremo con plenitude de fecultades o coronel Santiago Mariño. -Chacachacare, 11 de xaneiro de 1813.

-O presidente da Xunta, Santiago Mariño. -O secretario, Francisco Azcué. -O secretario, José Francisco Bermúdez. -O secretario, Manuel Piar. -O secretario, Manuel Valdés".

Esta Acta non só foi pensada, redactada, escrita e asinada na casa de Concepción, senón que tamén foi asinada por ela, a nova e fermosa revolucionaria que os abeirou "lonxe da indiscreta mirada da policia inglesa e dos espías realistas" Ela, así, forma parte da historia, coa súa axuda, co seu xuramento, como na antigüidade, como unha muller valente que era.

Os escravos da familia Mariño en Chacachacare, eran todos da máis absoluta confianza para Concepción.

Moitos naceran e medraran xogando con Concepción e Santiago. Martina, mulata que na infancia compartira moitos momentos con Concepción, convertérase na madurez na súa compañeira, na súa compañía. En Mulleres da Independencia, Carmen Clemente Travieso, dinos:

"Era unha mulatiña fraca, de grandes ollos abraiados, de corpo lanzal. Obediente, calada, sinxela en tódolos seus actos. Era Martina quen coidaba os pequenos cando dona Concepción saía no seu bote nas súas viaxes misteriosas. Ela era a que agardaba coa luz do candil acesa ata altas horas da noite o regreso da súa ama...A que esperaba oí-lo golpe do remo do bote cando se achegaba á beira do peirao".

Comentáballe Concepción ó seu irmán Santiago, que era a ela a quen lle quería da-la liberdade antes que a ninguén. “Xa o sabes, Santiago, o primeiro que tes que facer é decreta-la liberdade dos escravos... Eles teñen dereito á liberdade... Eles máis ca ninguén”.

O bote de Concepción Mariño era coñecido por tódolos habitantes de Chacachacare que a vían ir e vir do illote a Trinidad e viceversa.

 Clic para aumentar
O ministro de relacións exteriores abriu unha biblioteca na embaixada venezuelana de Puerto España co nome de Concepción Mariño.
Clic para aumentar
O anterior viceministro de Cultura da República Bolivariana de Venezuela, Manuel Espinoza, baixo o titular dun xornal trinitário "Venezuela rende homenaxe a súa heroina".
 
Saía Concepción coas súas amigas Antonieta Clarige e Henrieta Celeste, rumbo a Puerto España para comprar roupa ou calquera outra cousa que necesitase.

Martina, ó regreso, agradaba no peirao cos cinco fillos de Concepción.

Unha desas viaxes non foi para a compra de roupa para os cativos, para o seu home ou un vestido azul para a mulata Martina. Os patriotas encargáranlle que levase agochados no seu bote uns baúles con armas que compraran na illa de Trinidad.

Misión delicada e perigosa, pois, tanto as autoridades españolas como as británicas, estaban ó axexo de tódolos movementos insurxentes da zona. Se era descuberta por calquera dos dous bandos, seguiríaselle un xuízo e os seus bens serían embargados.

"De ti depende, Concepción... Nesas armas está cifrada a nosa esperanza de liberar Venezuela. Sei que a operación é perigosa pero ti e-la persoa que nós escollemos para levar a cabo a empresa pola túa seriedade, pola túa discreción, polo teu valor -confioulle en voz baixa seu irmán".

O seu home Sanda agradábaa en Puerto España. En compañía do escravo Salvador tomou o seu bote e púxolle rumbo polo estreito cara a Trinidad. Despois de varios días volveron ó punto de destino. Lonas grosas agochaban os baúles coas armas. Cando chegaba non viu a Martina nin os pequenos no peirao. Mandou a Salvador baixa-las caixas nas que estaban os xoguetes dos nenos e mandou avisa-lo seu irmán que xa chegara, seica que esa foi a razón pola que Santiago Mariño, o xefe da expedición, resolveu face-la viaxe no bote da súa irmá máis vella Concepción.

Foi acusada e apresada por "insurxente", unha vez tomada a costa oriental de Venezuela polo seu irmán, Concepción dirixiuse a Amacuro, en Venezuela a cumprir un encargo dos patriotas.

As súas palabras, no xuízo que se lle seguiu, son reticentes e sente que "como a maior parte dos depoñentes, di a verdade a medias, e trata de escapar á responsabilidade que lle puidese atribuír o decreto de Lei marcial".

Os xuíces tiñan coñecemento de que a señora Concepción Mariño, e as señoritas Antonio Carrige e Henrieta Celeste o 19 de xaneiro, foron desde Chacachacare ata Venezuela, chegando pola mañá dese día a Puerto España, facendo unha breve parada, o tempo suficiente para embarcar uns baúles e marchar, embarcarse, no bote deWilliam Carrige.

Nestes baúles viñan as armas para a liberdade, transportados por Concepción, varias veces, desde Trinidad.

Concepción Mariño declara no xuízo que non viu o seu irmán Santiago nin o seu home, o señor Sanda, despois do seu regreso á illa. Que o seu marido estaba en Cumaná desde tres meses antes e que desde aquela non o vira. Él estaba pedindo o desembargo da quinta Cuaranta. Remata a súa declaración dicindo que as súas constantes viaxes se deben a que ten quebrantos de saúde, que leva tempo con febres e adoita ir de Chacachacare a Chaguaramas.

Os xuíces ingleses e as súas autoridades, que foron os que máis se ensañaron cos patriotas, despois de oí-las declaracións de Concepción, non tomaron ningunha medida na súa contra, pero confiscaron os bens do irmán Santiago.

Non aparece Concepción Mariño ata 1821, contrabandeando armas nos seus botes, de noite, silenciosamente, coa súa tez branca, os seus cabelos vermellos nun pano.

Desde Jamaica traía as armas para consolida-la independencia. Armas e municións baixo as ordes do seu irmán, quen en 1821 era xefe do Estado Maior do Exército Liberador.

A vida desta muller, idealista, intrépida, boa e xusta, está unida a esa forza xenética que cantaba a tradicional canción irlandesa white, orange and green. As mulleres como María Castaña e as revolucións irmandíñas.

Nun mundo rexido por homes, Concepción, a quen o seu pobo venezolano, mestizo e libre chamou en agradecemento e recoñecemento dos seus actos "a magnánima señora", é hoxe clara mostra do tesón, o risco e a ansia de liberdade destes homes con sangue de rebeldes, de mariñeiros, de desprendemento por causas xustas, e nada máis xusto que a liberdade.

Concepción Mariño, unha venezolana con sangue galego e irlandés nas súas veas.


Xurxo Martínez Crespo.

 
 

 
Notas bibliográficas:

PARRA PÉREZ, C: “Mariño y la independencia de Venezuela”, El liberador de Oriente, tomo I, Ediciones Cultura Hispánica.

BERMÚDEZ NEGRÓN, René: “300 years of spanish presence”.

BLANCO, Félix José: “Bosquejo histórico de la Revolución de Venezuela”, Sesquicentenario de la Independencia, 1960.

CLEMENTE TRAVIESO, Carmen: “Mujeres de la Independencia”, México, 1964.

FOURTOUL, José Gil: “Historia Constitucional de Venezuela”, tomo I, Karl Heymann, editor, Berlín, 1907.

FRANCISCO DE MIRANDA: Archivo, Campaña de Venezuela, prisión y muerte del General, Miranda 1811-1816, tomo XXIV, Editorial Lex, La Habana, 1950.

BLANCO, Eduardo: “Venezuela heroica”, Cuadros Históricos 12º edición, Librería Editorial Las Novedades, Caracas, 1944.

O'LEARY, Daniel Florence: “Narraciones”, volume 1.

VILLALBA VILLALBA, Salvador: “Biografía Compendiada do General Santiago Mariño”, Tip Peñalver, Puerto La Cruz, 1955.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/12/2003