Actualidade CIG-Comunicación-
O 14 de xaneiro tivo lugar a primeira reunión da Mesa Negociadora do Convenio Colectivo do ano 2004. Todos e todas agardabamos un cambio de actitude por parte da AEB, que permitise achegar posicións avanzando cara a un posible acordo. AEB non mudou a súa posición e seguimos sen coñecer unha proposta completa de convenio pola súa parte. A reunión non deu máis de si. A CIG continuará coas súas mobilizacións na Banca. A última foi a manifestación nacional en Ourense o pasado día 19 de decembro, na que participaron ó redor de 200 persoas.
Apertura de expedientes polas mobilizacións da CIG-Banca Queremos denunciar tamén aquí a actitude represiva da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que ten abertos expedientes sancionadores ao secretario comarcal de Vigo da Federación de Banca da CIG, e ao secretario comarcal de Pontevedra da CIG, pola manifestación celebrada o día 21 de novembro pasado. Durante esa manifestación, que fora comunicada á Subdelegación do Goberno en tempo e forma e polo tanto era legal, NON HOUBO ningún tipo de incidente. A apertura dos expedientes vén motivada por colocar pegatinas nos bancos, e por realizar asembleas no interior das oficinas. Aparentemente a actuación da autoridade gobernativa responde a unha denuncia do BBVA. Equivócase a AEB se pensa que coa represión sindical van parar as mobilizacións da CIG por un convenio digno. A vindeira reunión será o día 5 de febreiro.
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2004 |