Actualidade / EntrevistaVolver


Santiago, 16 de xaneiro de 2004

Entrevista a Suso Seixo: “Aquí hai un rearmamento ideolóxico que se verá nas eleccións de marzo”
 

Javier Sánchez de Dios-

Faro de Vigo


“Certo tipo de situacións laborais non teñen solución exclusivamente desde o campo sindical e esixen un tipo de política determinado: modelo produtivo, determinado tipo de modelo de desenvolvemento, e iso ten a súa plasmación política partidaria. De aí os nosos contactos desde sempre coas forzas políticas, co nacionalismo, as nosas mobilizacións e as nosas esixencias ao poder político actual de que modifique a liña actual. Somos conscientes de que a solución é política, desde logo, pero non na dirección que determina o Goberno e que tan fielmente segue a Xunta, a pesar da evidencia de que iso prexudica claramente a Galiza”.



 Clic para aumentar
Suso Seixo: “Nós temos a convición de que despois duns anos se está a producir na sociedade galega un rearmamento ideolóxico absolutamente necesario. Aqui vendéusenos desde o poder e os seus aledaños que as diferenzas de clase desapareceran, que todos somos iguais e a realidade social demostra non só que non é así senón todo o contrario; cada vez hai unha maior concentración de poder económico e político en determinados sectores sociais en prexuízo da maioría”.
 
Din del que sabe gardar unha man de ferro en luva de seda cando resulta necesario; que é hábil negociador pero á vez duro na defensa do núcleo das suas convicións e que, en definitiva, sabe que a ideoloxía hai que defendela na rúa ademais de nas institucións. E, aínda que se define sobre todo sindicalista ­después de nacionalista­ , non emprega o tópico de que os sindicatos deben manterse á marxe da actividade política.


Javier Sánchez: Chamou a atención o feito de que, a dous meses vista das eleccións xerais, coincidisen os encontros entre partidos de esquerda e sindicatos. Hai un achegamento, un reagrupamento de forzas ante a proximidade dos comicios?

Suso Seixo: Nós xa víñamos mantendo con periodicidade este tipo de encontros, sobre todo co BNG, para falar da situación laboral do país e polo tanto nese sentido non hai nada novo, quizais coincidencia. O feito de que o voceiro do Bloque estea recentemente elixido quizais fose a razón básica para este encontro nestas datas. Pero non ten unha lectura, un significado especial, cando menos non a facemos pola nosa parte.

Javier Sánchez: Pero díxose que algúns problemas laborais requiren inclusión en programas electorais, en programas de partido...

Suso Seixo: Claro. Pero non é novo. Diso somos conscientes desde sempre: certo tipo de situacións laborais non teñen solución exclusivamente desde o campo sindical e esixen un tipo de política determinado: modelo produtivo, determinado tipo de modelo de desenvolvemento, e iso ten a súa plasmación política partidaria. De aí os nosos contactos desde sempre coas forzas políticas, co nacionalismo, as nosas mobilizacións e as nosas esixencias ao poder político actual de que modifique a liña actual. Somos conscientes de que a solución é política, desde logo, pero non na dirección que determina o Goberno e que tan fielmente segue a Xunta, a pesar da evidencia de que iso prexudica claramente a Galiza.

Javier Sánchez: A dous meses das eleccións xerais, previstas para o 14 de marzo, cal é a posición concreta da CIG?

Suso Seixo: Nós temos a convición de que despois duns anos se está a producir na sociedade galega un rearmamento ideolóxico absolutamente necesario. Aqui vendéusenos desde o poder e os seus aledaños que as diferenzas de clase desapareceran, que todos somos iguais e a realidade social demostra non só que non é así senón todo o contrario; cada vez hai unha maior concentración de poder económico e político en determinados sectores sociais en prexuízo da maioría. Desde ese punto de vista parécenos que estas eleccións son moi importantes, porque a consolidación do Partido Popular suporía a consolidación dun proceso lesivo para os intereses dos traballadores: é fundamental para nós que haxa un cambio no goberno do Estado, que o Partido Popular perda claramente a súa maioría absoluta e se abran posibilidades doutro goberno máis plural e cunha visión máis progresista do que ten que ser o modelo de Estado e das relacións laborais no seu conxunto.

Javier Sánchez: As eleccións sindicais están a piques de pechar resultados. É a CIG xa o que vostede quería que fose cando chegou á secretaría xeral?

Suso Seixo: Non. Non tivemos aínda tempo para iso, pero teño o convencemento de que imos polo bo camiño. Conseguimos incrementar, a falta do peche definitivo de datos, en 1 punto a nosa representación e ademais hai aspectos cualitativos moi importantes: a CIG vai ser a primeira forza sindical na provincia con maior dinamismo, que é a de Pontevedra, e estamos moi preto de selo en bisbarras tan importantes como Santiago e Ferrol. Estamos convencidos de que se nos abren unhas expectativas moi importantes, aínda que necesitamos facer certos cambios a nivel organizativo e de métodos de traballo para corrixir defectos de excesiva burocratización que imos corrixir nos próximos anos.

Javier Sánchez: Acaba de manter a súa primeira entrevista con Anxo Quintana tras a súa elección como voceiro nacional do BNG. Séntese máis cómodo coa nova dirección?

Suso Seixo: Nós procuramos manter boas relacións en xeral con todas as organizacións do nacionalismo, porque cremos que o que lle pase a unha repercute nas demais. E iso vese perfectamente nas eleccións sindicais: comprobouse que onde o nacionalismo político ten forza e peso, o sindicalismo nacionalista tamén o ten. Por iso nos preocupa todo o que pasa no BNG. Levamos moito tempo insistíndolle na importancia que ten que sexa moi sensíbel aos movementos sociais, porque hai un problema en todas as forzas de esquerda, e tamén quizais en parte no Bloque, e é que a política está demasiado mediatizada polo peso electoral e institucional.

Javier Sánchez: Os nacionalistas poden xogar un papel chave na configuración do novo goberno que saia das eleccións...

Suso Seixo: Para nós, como forza sindical nacionalista, existe outro perigo: que co debate que se dá a nivel de Estado sobre a reforma da Constitución, Galiza non xogue o papel que debe xogar. Para nós é fundamental que o nacionalismo galego teña un representación importante en Madrid, e se ten Grupo Parlamentario moito mellor. Non podemos seguir sendo a única nación marxinada do Estado español, que non se conte connosco para nada.

Javier Sánchez: Para mudar as cousas en Madrid necesitarase, previsiblemete, a suma de forzas políticas diferentes en torno ao PSOE. Pero a socialdemocracia, en Europa, fai unha política económica que vostedes cualificaron de reaccionaria...

Suso Seixo: É un risco, efectivamente. De feito xa sufrimos de forma crúa o efecto das políticas neoliberais do PSOE no pasado. Por iso cremos importante que non haxa maiorías absolutas e, segundo, que na resultante electoral teñan peso decisivo as forzas nacionalistas e a esquerda máis progresista, que é o modo de facer que inflúan no goberno os movementos sociais e a cidadanía. Niso confío máis que na hipótese de que a igualdade poida chegar só da man da socialdemocracia.

Javier Sánchez: Cita de forma crítica á Xunta, á que acaban de apoiar na reclamación sobre a formación continua. Chamou a atención ese apoio, a CIG apoiando ao goberno de Manuel Fraga...

Suso Seixo: Non, mire: en todo caso sería unha lectura inversa, o goberno de Fraga apoiando á CIG, porque fomos nós os que advertimos da perda de competencia pola actitude do Goberno central. Despois de moito tempo reivindicando a transferencia desas competencias, e a raíz de sentenza do Tribunal Constitucional e da actitude do Ministerio, tomamos unha série de iniciativas co BNG. Neste caso, a Xunta foi sensíbel a esta posición, que nós entendemos básica para poder cualificar axeitadamente a man de obra da nosa nación, e por iso apoiamos o recurso presentado. O que non quer dicir que esteamos completamente de acordo co sistema dos cursos, as axudas e subvencións, nos que se cometeron moitos abusos e fraudes.


[Entrevista tirada do xornal 'Faro de Vigo', 11 de xaneiro de 2004]

 
Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2004
cig.informatica