Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 16 de xaneiro de 2004

A sociedade do traballo excluínte e a calidade total no capitalismo “posmoderno”
 

Ricardo Antunes e Adrián Sotelo-

Trabajadores


A sociedade capitalista contemporánea deriva nun escaparate do que Marx caracterizou como un enorme arsenal de mercadorías: a plenitude da sociedade excluínte, xeradora de mercadorías desbotábeis e superfluas. Nesta era da sociedade do lecer, do cal o 'shopping center', este verdadeiro templo de consumo do capital, fai aflorar con toda evidencia o sentido de desperdicio e da superfluidade que caracteriza a lóxica societal contemporánea, o que as clases medias altas e, especialmente, as clases propietarias teñen en abundancia de modo compulsivo, a maioría dos que viven do seu traballo (ou que del son tamén excluídos) non poden sequera ter acceso visual. Nin no mesmo universo imaxinario.



 Praga, traballadores da construcion
A destrutividade da sociedade excluínte exprésase tamén cando descarta e torna superfluos para o capital enormes conglomerados da forza humana mundial que traballa, da cal perto dun terzo está ou realizando traballos parciais, precarizada ou desempregada. Iso porque o capital necesita cada vez menos do traballo estábel e cada vez máis do traballo 'part-time', terceirizado, que se encontra en enorme crecemento no mundo produtivo industrial e de servizos, en todas as sociedades capitalistas do orbe.
 
Introdución

Neste ensaio amosamos que a reestruturación capitalista resituou o mundo do traballo nunha nova dinámica, máis complexa, máis heterogénea e máis contraditoria, que redefine e reafirma a súa centralidade dentro do metabolismo social do capital. A pretendida autonomía da ciencia, neste contexto, non ten outro contorno que a reprodución capitalista que limita, pero non substitúe a participación do traballo asalariado na produción e reprodución do valor e do plusvalor.

A “sociedade excluínte”, superflua e supostamente produtiva, alicerzada na “calidade total” da mercadoría (material e inmaterial), non é senón a contrapartida da sociedade fetichizada, explotada e precarizada que alberga as actuais xeracións de traballadores en todo o mundo.


Sociedade excluínte e calidade total

A sociedade capitalista contemporánea deriva nun escaparate do que Marx caracterizou como un enorme arsenal de mercadorías: a plenitude da sociedade excluínte, xeradora de mercadorías desbotábeis e superfluas. Nesta era da sociedade do lecer, do cal o 'shopping center', este verdadeiro templo de consumo do capital, fai aflorar con toda evidencia o sentido de desperdicio e da superfluidade que caracteriza a lóxica societal contemporánea, o que as clases medias altas e, especialmente, as clases propietarias teñen en abundancia de modo compulsivo, a maioría dos que viven do seu traballo (ou que del son tamén excluídos) non poden sequera ter acceso visual. Nin no mesmo universo imaxinario.

Foi contra esa sociedade excluínte que os recentes movementos sociais urbanos e populares, mesturando creatividade e criticidade, a través de “visitas” de ducias de traballadores sen teito, inicialmente a un 'shopping center' e, posteriormente, a un supermercado de Rio de Janeiro, expresaron a súa repulsión e descontento, cun significado que parece cristalino: a sociedade do consumo destrutivo e superfluo, ao mesmo tempo que crea necesidades múltiples de consumo fetichizado e estrañado, impide que os verdadeiros produtores da riqueza social participen neste mesmo universo (restrinxido e manipulado) do consumo. Esta é unha das características das sociedades dependentes na actualidade. Porén, semella que os homes e mulleres sen traballo, os desposuídos do agro e das cidades, os asalariados precarizados en xeral, as chamadas “clases perigosas”, comezan a cuestionar a lóxica que preside a sociedade actual. Viñeron para lle amosar á sociedade a súa inxustiza, desigualdade e superfluidade. E para (re)conquistar o seu sentido de humanidade e de dignidade. Todo un retorno co obxectivo de reafirmar a súa identidade e proxectala ao futuro.

Algo similar ocorre noutras partes do mundo. Desde o estourido de Seattle, en Estados Unidos, contra a Organización Mundial de Comercio (OMC), onde as protestas antiglobalización e anticapitalistas se converteron en rutina durante os encontros intergobernamentais, de acordo co xornal 'The Guardian' (8 de decembro do 2000, p. 6) ao referirse á confrontación que ocorreu tamén en Niza, Francia, ao final do ano pasado. As recentes manifestacións no Quebec, en Bos Aires, a dos estudantes en São Paulo, todas en abril do 2001, e a máis recente en Cancún (2003), constitúen exemplos destas novas manifestacións ateigadas de sentido e significado, das que o Movimento de Trabalhadores Sem Terra (MST), de Brasil, é pioneiro.

Esa destrutividade da sociedade excluínte exprésase tamén cando descarta e torna superfluos para o capital enormes conglomerados da forza humana mundial que traballa, da cal perto dun terzo está ou realizando traballos parciais, precarizada ou desempregada. Iso porque o capital necesita cada vez menos do traballo estábel e cada vez máis do traballo 'part-time', terceirizado, que se encontra en enorme crecemento no mundo produtivo industrial e de servizos, en todas as sociedades capitalistas do orbe.

Como o capital pode reproducirse sen algunha forma de integración entre traballo digno e traballo morto, ambos necesarios para a produción das mercadorías, sexan eles materiais ou inmateriais; si elevando a produtividade do traballo ao límite, provocando a caída da taxa de ganancia e intensificando os mecanismos de extracción de sobretraballo nun tempo cada vez menor, a través da ampliación do traballo morto corporizado na maquinaria técnico-científica, trazos constitutivos do proceso de liofilización organizativa da “empresa enxoita”, como suxestivamente a denominou o sociólogo español Juan J. Castillo(1).

Outros mecanismos utilizados polo capital son o aumento da intensidade do traballo e da xornada laboral, xuntamente coa caída dos salarios reais dos traballadores; noutras palabras, formas articuladas de produción de plusvalía absoluta e relativa como mecanismos fundamentais de extorsión do traballo abstracto na sociedade.

Cómpre aquí realizar unha similitude entre o descarte e superfluidade do traballo e o descarte e superfluidade da produción en xeral, presente, por exemplo, na cuestión da chamada “calidade total”. Como se abundou noutra oportunidade(2), na presente fase de intensificación da taxa de utilización decrecente do valor de uso das mercadorías, a falacia da calidade é evidente: canto máis “calidade total” posúen os produtos, menor é o seu tempo de duración e menor, por conseguinte, o tempo de realización e recuperación do investimento do capital. A necesidade imperiosa de reducir o tempo de vida útil dos produtos, con vistas a aumentar a velocidade do ciclo reprodutivo do capital, fai que a “calidade total” sexa, na maioría dos casos, superflua ou expresión de perfeccionamento do superfluo, unha desas en que os produtos deben durar cada vez menos para que teñan unha reposición áxil no mercado. O non o facer implicaría a ruína das empresas e a caída dos negocios, debido ao aceleramento da competencia.

A “calidade total”, por iso, débese adecuar ao sistema do metabolismo socio-reprodutivo do capital, afectando dese modo, tanto a produción de bens e servizos, como as instalacións, a maquinaria e a propia forza humana de traballo.

Así, o tan promovido desenvolvemento da “calidade total” convértese na expresión dun proceso excluínte, aparentemente superfluo, dun mecanismo produtivo do desbotábel e o superfluo, condición para a reprodución ampliada da capital e os seus imperativos expansionistas e destrutivos.

Non falamos aquí soamente dos 'fast foods' (do cal McDonald’s é un caso exemplar), a marca da sociedade do lecer, que depositan toneladas de produtos desbotábeis (“chatarra”) no lixo, despois de consumir un 'lunch' fabricado en serie con métodos fordistas. Poderíamos tamén lembrar o tempo medio de vida útil dos automóbiles mundiais, cunha duración cada vez máis reducida, sobre todo na fase de concepción e deseño, que absorbe na actualidade preto do 75% do custo total do producto(3) Ou aínda a industria de ordenadores, expresión desta tendencia depreciativa e decrecente do valor de uso das mercadorías, onde un sistema de software se volve obsoleto e desactualizado nun tempo ben reducido, obrigando o consumidor a adquirir a nova versión, o que tarde ou cedo se converte nunha “necesidade” de adquirir un novo ordenador con todas as novas características en materia de hardware.

As empresas, no contexto da competencia establecida entre elas, co obxectivo claro de reducir o tempo entre a produción e o consumo, incentivan ao límite esta tendencia restrinxida do valor de uso das mercadorías facéndoas superfluas. Requirindo acompañar a competencia existente no seu ramo produtivo, os capitais desencadean unha lóxica que se intensifica crecentemente, da cal a “calidade total” é un mecanismo intrínseco e funcional. Coa redución dos ciclos de vida útil dos produtos, os capitais non teñen outra opción para sobrevivir que “innovar” ou correr o risco de ser superados polas empresas adversarias, como ocorreu, por exemplo, coa empresa trasnacional de computadoras Hewlett Packard, onde, paralelamente á “innovación” constante do seu sistema computacional, o tempo de vida útil dos produtos tamén se reduciu enormemente(4).

Como o capital ten unha tendencia expansionista intrínseca ao seu sistema produtivo de acumulación, a “calidade total” débese volver enteiramente compatíbel coa lóxica da produción superflua e destrctiva. Por iso, no seu sentido e tendencias máis xerais, o capitalismo, ao mesmo tempo que reitera a súa suposta capacidade de elevación da “calidade total”, convértese, de feito, en inimigo da durabilidade dos produtos, desalentando e ao mesmo tempo inviabilizando prácticas produtivas orientadas a satisfacer as necesidades reais, sociais e humanas(5). Así reafirma a súa vocación antihumana e o seu carácter restritivo para satisfacer as necesidades básicas das grandes maiorías da povoación en materia de saúde, vivenda, transporte, alimentación, recreación, etc., que se opoñen frontalmente, desta maneira, á lonxevidade dos produtos. A “calidade total” transfórmase na negación da durabilidade das mercadorías. Canto máis “calidade” aparentan as mercadorías (e aquí novamente como a aparencia fai a diferenza), efectivamente, estas deben conter menor tempo de duración. Desperdicio, superfluidade e destrutividade acaban sendo as súas características determinantes e que promoven masivamente os medios de comunicación.

Claro que aquí non se está cuestionando o que sería un efectivo avance técnico-científico, enmarcado nos imperativos reais, sociais e humanos –o que non está na lóxica contemporánea–, senón a engranaxe dun sistema de metabolismo social do capital, que converte en desbotátel todo o que podería ser preservado e reorientado, tanto para atender os valores de uso sociais, como para evitar unha destrución incontrolábel e degradante do medio ambiente, da relación metabólica entre homes e natureza.

Porén, no capitalismo a lóxica do capital apunta noutra dirección, que implica a conversión da ciencia e a tecnoloxía en mercadorías para que se subordinen ao mecanismo da lei do valor e, desta forma, queden suxeitas ás leis da ganancia empresarial, xa que estas constitúen procesos indispensábeis da produción e valorización do capital(6). Tan importante é esta disposición mercantil das tecnoloxías informáticas, que se calcula que na actualidade o conxunto das actividades económicas que dependen da informática, das telecomunicacións e do audiovisual, representan entre 8% e 10% do produto bruto mundial, o que supera mesmo á industria automobilística(7).

A informática e os sistemas de comunicación ordenan, sistematizan, homoxeneizan e codifican en ordenadores, datos e información relativa á formación de valores e prezos das mercadorías, co obxectivo de recabar os elementos de orde económica, organizacional, cultural, contábel, de calidade e de mercado, dos que depende o éxito ou o fracaso dunha mercadoría que aspira a desprazar a outras no mercado mundial (automóbiles, electrodomésticos, software, ordenadores, autopartes, servizos, etcétera).

Mentres que a tecnoloxía e a ciencia sigan subordinadas ao mecanismo básico do metabolismo social do capital, estas constituirán forzas produtivas ao servizo do proceso de destrución da sociedade e da natureza.

Un proceso similar ocorre no universo do traballo en tanto mercadoría, pero que de ningún xeito pode ser entendido como a “fin do traballo”, como se quere interpretar por distintas correntes do pensamento articuladas na vertente posmodernista.


A fin do traballo?

No pensamento contemporáneo volveuse (case) lugar común falar de “desaparición do traballo” (Dominique Méda), en substitución da esfera do traballo pola “esfera comunicacional” (Habermas), de “perda de centralidade da categoría traballo” (Off), ou incluso da “fin do traballo” (como Jeremy Rifkin, ou mesmo a versión máis crítica á orde do capital, como en Kurz), para citar as formulacións máis expresivas desa concepción ideolóxica.

En tanto se opera no plano gnoseolóxico a desconstrución do traballo, paralelamente, no mundo real (plano ontolóxico), este convértese (novamente) nunha das máis explosivas cuestións da contemporaneidade. Traballo e desemprego, traballo e precarización, traballo e xénero, traballo e etnia, traballo e nacionalidade, traballo e loita xeracional, traballo e (des)cualificación, traballo e inmaterialidade, moitos son os exemplos de transversalidade e de vixencia da forma traballo que son interpretados como perda de centralidade ou, peor aínda, como “desaparición do traballo”, en particular do traballo asalariado en tanto antípoda do capital.

Que pasa, daquela, co mundo real do traballo? Da General Motors á Microsoft, da Bennetton á Ford, da Toyota ao McDonald’s, será que o mundo produtivo e de servizos de feito carece de traballo vivo? Este convértese en mera virtualidade? É ficción que a Nike utiliza case 100.000 traballadores e traballadoras, esparexidos en moitas partes do mundo, recibindo salarios degradantes?

Problematicemos algunhas destas teses que propoñen a fin do traballo.

Cando concibimos a forma contemporánea do traballo, en tanto expresión do traballo social que é máis complexo, heteroxéneo e, aínda, máis intenso nos seus ritmos e procesos, non podemos concordar coas teses que desconsideran o proceso de interacción entre traballo vivo e traballo morto. En verdade, o sistema de metabolismo social do capital cada vez necesita menos do traballo estábel e cada vez máis de diversificadas formas de traballo parcial ou 'part-time', terceirizado, dos traballadores “hifenizados” de que falou Huw Beynon e que están en explosiva expansión en todo o mundo produtivo e de servizos.

Como o capital non pode eliminar o traballo vivo do proceso de mercadorías (materiais ou inmateriais), porque cesaría a produción de valor, de plusvalía e, por conseguinte, de riqueza social de acordo con Marx(8), este debe, ademais de incrementar sen límites o traballo morto materializado na maquinaria técnico-científica, co fin de aumentar a produtividade do traballo e a intensificación das formas de extracción de sobretraballo nun tempo cada vez máis reducido. Tempo e espazo de produción e explotación transfórmanse, así, nesta nova fase dos capitais. A redución do proletariado taylorizado, a ampliación do traballo intelectual abstracto nas plantas produtivas de punta e a xeneralización dos novos proletarios precarizados e terceirizados da “era da empresa enxoita”, son exemplos do que dicimos.

A nova estruturación do mundo do traballo con fortes expresións no sector dos servizos e no do coñecemento, onde se aloxa o “analista simbólico”, non fai máis que confirmar a expresión fenoménica dese proceso que denominamos “liofilización” e que se incorpora ao sistema do metabolismo social do capital na actual etapa de mundialización.

A síntese de Tosel explica a necesidade que ten o capital do desperdicio e a exclusión: é a propia “centralidade do traballo abstracto a que produce a non centralidade do traballo, presente na masa dos excluídos do traballo vivo” que, unha vez (des)socializados e (des)individualizados pola exclusión do traballo, “procuran desesperadamente atopar formas de individualización e socialización nas esferas illadas do non traballo (actividades de formación, de beneficencia e de servizos)”(9). O que quere dicir que máis que unha “anulación” do traballo, como postulan os pensadores posmodernistas, o que temos en realidade é unha nova configuración do mundo do traballo, onde o traballo asalariado, estábel, con dereitos xurídicos recoñecidos nas lexislacións laborais, mantén unha forte tendencia á súa redución cuantitativa en función da extensión de “novos proletarios” que traballan a tempo parcial, terceirizados e precarizados. Novas povoacións humanas de obreiros desempregados e subempregados que resgardan non soamente as fábricas, senón tamén as cidades tugurizadas, nutrindo as fileiras das correntes migratorias por todo o mundo.

Aquí aflora o límite maior da tese habermasiana da transformación da ciencia en “principal forza produtiva” en substitución do valor-traballo. Esta formulación, ao converter a ciencia en principal forza produtiva, non considera as interaccións existentes entre traballo vivo e avance técnico-científico sobre as condicións de desenvolvemento capitalista. De feito, esta tese xa foi considerada por Marx nos Grundrisse, cando estuda a relación dialéctica entre traballo vivo e traballo morto e a tendencia inmanente da produción capitalista e do maquinismo a proxectar o 'general intellect' como o reitor do proceso de reprodución do metabolismo social do capital, aínda que subordinado á lóxica do capital. Di Marx: “A natureza non constrúe máquinas, nin locomotoras, telégrafos eléctricos, fiadoras automáticas, etc. Son estes produtos da industria humana; material natural, transformado en órganos da vontade humana sobre a natureza e da súa actuación na natureza. Son órganos do cerebro humano creados pola man humana; forza obxectivada do coñecemento. O desenvolvemento do capital fixo revela até que punto o coñecemento ou 'knowlegde' social xeral se converteu en forza produtiva inmediata e, polo tanto, até que punto as condicións do proceso da vida social mesma entraron baixo os controis do 'general intellect' e se remodelaron conforme a este. Até que punto as forzas produtivas sociais son producidas non só na forma do coñecemento, senón como órganos inmediatos da práctica social do proceso vital real”(10).

Non se trata, polo tanto , de dicir que a teoría do valor-traballo non recoñece o papel crecente da ciencia e do coñecemento, senón de que estes están apreixados no seu desenvolvemento pola base material das relacións entre o capital e o traballo, que non pode superar. E é por esta restrición estrutural polo que a ciencia non se pode converter na principal forza produtiva dotada de autonomía. Prisioneira desta base material, menos que por unha cientificización da tecnoloxía hai, de acordo con Mészáros, un proceso de tecnoloxización da ciencia ao servizo da reprodución do capital.

Ontoloxicamente prisioneira da base material estruturada polo capital, o saber científico e o empírico mestúranse máis directamente no mundo contemporáneo. Varios experimentos, do cal o proxecto Saturno, da General Motors, foi exemplar, fracasaron cando procuraron automatizar o proceso produtivo sen considerar os traballadores. As máquinas intelixentes non poden extinguir o traballo vivo. Ao contrario, para a súa introducción utilízase o traballo intelectual do obreiro que, ao interactuar coa máquina informatizada, acaba tamén por transferir parte dos seus novos atributos intelectuais á nova máquina que resulta deste proceso. Establece, entón, un complexo proceso interactivo entre traballo e ciencia produtiva, que non conduce á extinción do traballo, senón a un proceso de retroalimentación que xera a necesidade de atopar algunha forza de traballo aínda máis complexa, multifuncional, que debe ser explotada de maneira máis intensa e sofisticada, polo menos nos ramos produtivos dotados de maior incremento tecnolóxico. Coa conversión do traballo vivo en traballo morto, a partir do momento en que, polo desenvolvemento dos softwares, a máquina informacional pasa a desempeñar actividades propias da intelixencia humana, o que se pode presenciar é un proceso que Lojkine denominou como obxectivación das actividades cerebrais xunto á maquinaria, de transferencia do saber intelectual e cognoscitivo da clase traballadora para a maquinaria informatizada. Esta transferencia, que se converte en linguaxe da máquina propia da fase informacional, a través dos ordenadores, acentúa a transformación do traballo vivo en traballo morto. Pero non pode eliminalo. Na imposibilidade estrutural e ontolóxica para eliminar a forza humana de traballo por parte do capital radica a fonte das contradicións e crises estruturais do capitalismo: valor de uso e valor de cambio, traballo abstracto e traballo concreto, insatisfacción de necesidades humanas e afirmación da sociedade da exclusión superflua e mortífera. Estes pares dialécticos, cuxas contradicións só se revelan no plano da loita de clases e das contradicións do capitalismo, impóñense como forzas obxectivas, pero nunca no plano da “autonomía” da ciencia e da tecnoloxía.

Hai en curso na sociedade contemporánea outra tendencia dada pola crecente interacción entre traballo material e inmaterial, unha vez que se presencia no mundo contemporáneo, ademais da monumental precarización do traballo arriba sinalada, unha significativa expansión do traballo dotado de maior dimensión intelectual, tanto nas actividades industriais máis informatizadas, como nas esferas comprendidas nos servizos ou nas comunicacións, entre tantas outras. A expansión do traballo e os servizos en esferas non directamente produtivas, pero que moitas veces desempeñan actividades imbricadas co traballo produtivo, amósase como outra característica importante da noción ampliada de traballo, cando se quere comprender o seu significado no mundo contemporáneo.

Por todo o anterior, o desenvolvemento da sociedade informática, con todas as súas categorías e conceptos expresados na posmodernidade, non xustifica a tese que postula que cando o traballo asalariado diminúe relativamente no sector industrial, xunto co xurdimento de novos sectores como os servizos, xa non é o eixo central do conflito social e da reprodución do sistema. Pola contra, o que é unha realidade palpábel é que este ensancha a súa esfera de acción á calor da expansión do capital por todo o planeta e as “novas formas” de traballo que xeralmente se poñen como exemplo para “comprobar” a suposta perda de centralidade do traballo (como o traballo a domicilio, a obra feita, os servizos, o traballo por conta propia, o traballo intelectual nas industrias da computación e de microchips, etc.), socialmente corresponden á lóxica do capital global, mentres que o comercio, a informalidade e a marxinalidade non se subtraen ás determinacións do ciclo do capital, particularmente á dinámica capitalista dos prezos: salarios, taxas de xuros, moeda, tipo de cambio, etc., por conduto do mercado capitalista.

Nin sequera os emporios selectos do “analista simbólico” do capitalismo informático escapan a esas contradicións. Referímonos en concreto ao mercado de traballo de Silicon Valley (Val do Silicio) en California, Estados Unidos, onde, ademais das longas xornadas de traballo, de 60 horas á semana de media, que privan para grandes continxentes de traballadores, o aumento da categoría destes é moi intenso na forma de contratación como “traballadores temporais” e “por conta propia”(11).

Deste xeito, o traballo inmaterial expresa a vixencia da esfera informacional da forma-mercadoría: succionando as mutacións do traballo obreiro no interior das grandes empresas e dos servizos, onde o traballo manual directo é substituído crecentemente polo traballo dotado de maior dimensión intelectual. Traballo material e inmaterial, na imbricación crecente que existe entre ambos están, por conseguinte, centralmente subordinados á lóxica da produción de mercadorías e do capital.

Captando a tendencia da expansión da actividade intelectual dentro da producción, di J. M. Vincent: “a propia forma valor do traballo metamorfoséase. Esta asume crecentemente a forma valor do traballo intelectual-abstracto. A forza de traballo intelectual producida dentro ou fóra da produción é absorbida como mercadoría polo capital que se lle incorpora para lle dar novas calidades ao traballo morto (…) A produción material e a produción de servizos necesitan crecentemente de inovacións, volvéndose por iso cada vez máis subordinados a unha produción crecente de coñecemento que se converten en mercadorías e capital”(12).

A nova fase do capital, polo tanto, transfire o 'savoir faire' ao traballo, pero faino apropiándose crecentemente da súa dimensión intelectual, das capacidades cognoscitivas, procurando integrar máis forte e intensamente a subxectividade obreira. Mais o proceso non se restrinxe a esta dimensión, porque unha vez que parte do saber intelectual é transferido cara ás máquinas informatizadas, que por iso se volven máis “intelixentes”, reproducindo parte das actividades humanas a estas transferidas polo saber intelectual do traballo. Como a máquina non pode suprimir o traballo humano, esta necesita dunha maior interacción entre a subxectividade que traballa e a nova máquina intelixente. E, neste proceso, o involucramento interactivo aumenta aínda máis o estrañamento e a alienación do traballo, amplía as formas modernas da reedificación, distanciando aínda máis a subxectividade do exercicio dunha vida auténtica e autodeterminada. Os chamados Círculos de Control de Calidade (CCC) non son, polo tanto, o espazo que revela a unificación do saber-facer ('know how') do obreiro; pola contra, neles esa separación reafírmase e opera soamente para atender os problemas práctico-concretos que no proceso de traballo suscita a produción de mercadorías, reafirmando así o proceso de fetichización propio do capitalismo.

Polo tanto, ao revés da substitución do traballo pola ciencia, ou, mesmo, da substitución da produción pola información, ao que se asiste no mundo contemporáneo é a unha maior interrelación, unha maior interpenetración entre as actividades produtivas e as non produtivas, entre as actividades fabrís e de servizos, entre actividades laborais e as de concepción que se expanden no contexto da reestruturación produtiva do capital. O que remite ao desenvolvemento dunha concepción ampliada para entender a forma de ser do traballo no capitalismo e as súas accións. Non é posíbel alicerzar esta concepción sobre a base de prexuízos indemostrábeis da suposta invalidez da forza de traballo en tanto principal forza produtiva na sociedade actual. É preciso retomar o mellor da reflexión marxista sobre a centralidade do traballo (forza de traballo) dentro do modo de produción capitalista, para a proxectar con forza e entender a nova configuración do mundo do traballo, que emerxe da reestruturación e mundialización do capital no curso das décadas dos 80 e 90 do século pasado. E esta configuración, no contexto dos novos paradigmas produtivos (reenxeñería, onhismo, posfordismo, fundismo, kalmaranismo, etc)(13), non pode responder senón á profunda crise que o capitalismo experimentou e experimenta na actualidade.

Estamos en presenza do xurdimento dun destes momentos de rebeldía, das loitas e accións que emerxen nas forzas sociais do traballo e das vítimas máis penalizadas dese sistema destrutivo e excluínte. Os traballadores Sem Terra, en Brasil; os zapatistas e as comunidades indíxenas de México e de América Latina; os piqueteiros e desocupados de Arxentina, son mostra diso. Movimentos sociais e clasistas, nutridos polas clases traballadoras que se manifestan con forza ante os frenéticos embates do capital e das represións do Estado, que nos últimos anos suscitaron un profundo debate(14).

O sensíbel filme, 'Bread and Roses' (Pan e Rosas), de Ken Loach, é unha feliz expresión, no plano estético, dese momento de rebeldía onde os setenta e os oitenta poidan ser vistos como anos que mesturaron (contraditoriamente) fascinación, resignación e desencanto. As décadas seguintes, a dos noventa e a que agora se inicia, por certo, serán moi diferentes. O que pode posibilitar retomar o que Goethe, en 'Os anos de aprendizaxe', de Wilhelm Meister, así sintetizou: “Tan propenso é o home a dedicarse ao que hai de máis vulgar, con tanta facilidade dan en embotárselle o espírito e os sentidos para as impresións do belo e do perfecto, que por todos os medios deberíamos conservar en nós esa facultade de sentir. Pois non hai quen poida pasar completamente sen un pracer coma ese, e só a falta de costume para disfrutar algo de bo é a causa de que moitos homes atopen pracer no frívolo e na inxuria… Deberíamos diariamente ouvir polo menos unha pequena canción, ler un belo poema, admirar un cadro magnífico e, se é posíbel, pronunciar algunhas palabras sensatas”.

O que parece ser o sentido da sociedade excluínte co seu perfil empresarial e a súa “calidade total”.


[Artigo tirado da revista mexicana 'Trabajadores', núm. 39,
novembro-decembro 2003]

 
 

 

Notas:

(1) J. J. Castilo, 'Sociología del Trabajo', Centro de Investigacións Sociolóxicas, Siglo XXI Editores, Madrid, 1996, p. 68.

(2) Ricardo Antunes, 'Os sentidos do traballo'.

(3) Cf. Jeremy Rifkin, 'El fin del trabajo', Paidós, Madrid, 1997, p. 127.

(4) Martin Kenney, “Value Creation in the Late Twentieth Century: The Rise of the Knowledge Worker”, en Davis, Hirschl e Stack, 'Cutting Edge', Verso, Londres/Nova York, 1997, p. 92.

(5) Véxase István Mészáros, 'Beyond Capital', Merlin Press, Londres, 1995, cc. 15 e 16.

(6) Para a historia da información e o seu significado actual, véxase o libro de Armand Mattelart, 'Historia de la sociedad de la información', Paidós, Barcelona, 2002.

(7) Cf. Samir Amin, 'Crítica de nuestro tiempo, a los cientocincuenta años del Manifesto Comunista', México, Siglo XXI, 2001, p. 130. Segundo a International Standard Industrial Classification (ISIC), as ramas produtivas que integran ao sector das tecnoloxías da comunicación e a información, son as seguintes:

  • ISIC 30: Manufacturas de oficina e maquinaria de computación.
  • ISIC 32: Manufacturas de radio, televisión, equipos e aparellos de comunicación.
  • ISIC 321: Manufacturas de válvulas electrónicas, tubos e outros compoñentes electrónicos.
  • ISIC 322: Manufacturas de televisión, aparellos de radio e transmisores, aparellos para liñas telefónicas e telegráficas.
  • ISIC 323: Manufacturas de televisión e de radio receptores, son, gravadoras de vídeo, aparellos reprodutores e artigos asociados.
  • ISIC 64: Correo e telecomunicacións.
  • ISIC 72: Computadoras e actividades asociadas. Cit. en OIT, 'World Employment Report 2001, Life at Work in the Information Economy', Xenebra, 2002, cadro n. 4, p. 33.

(8) Cf. Carlos Marx, 'O Capital', c. 1, onde Marx demostra que é o tempo de traballo socialmente necesario para a produción das mercadorías e, en especial, da forza de traballo, a lei fundamental que explica a produción de valor e de riqueza social no capitalismo.

(9) Ver Tosel, “Centralité e Non-Centralité du Travail ou La Passion des Hommes Superflus”, 'La Crise du Travail'; J. Bidet e J. Texier (org.), 'Actuel Marx', PUF, 1995, p. 210.

(10) Carlos Marx, 'Elementos fundamentais para a crítica da economía política', 1857-1858.

(11) Cf. International Labour Office, 'World Employment Report 2001, Life at Work in the Information Economy', Xenebra, 2002. Véxase tamén, Adrián Sotelo (2003).

(12) Vincent, J. M. (1993), “Les Automatismes Sociaux et le 'General Intellect'”, en 'Paradigmes du Travail [2], Futur Antérieur', L’Harmattan, n. 16, París, p. 121.

(13) Sobre o tema dos paradigmas produtivos, véxase o suxestivo, aínda que polémico libro de Robert Boyer e Michel Freyssenet, 'Los modelos productivos', Grupo Editorial Lumen, Bos Aires, 2001.

(14) Como mostra véxanse as seguintes obras: James Petras, 'La izquierda contraataca, conflicto de clases en América Latina en la era del neoliberalismo', AKAL, Madrid, 2000; Michael Hardt e Antonio Negri, 'Imperio', Paidós, Bos Aires, 2002, e John Holloway, 'Cambiar el mundo sin tomar el poder', Herramienta-Universidad Autónoma de Puebla, Bos Aires, 2002. Obras polémicas que, porén, son expresión dos cambios “teóricos” que estamos a vivir.

Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2004
cig.informatica