Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 26 de xaneiro de 2004

O exilio basco na Venezuela
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


 Clic para aumentar
O Caracas'Ko Eusko Etxea de Caracas, hoxe. Obra de Miguel Salvador, foi inaugurado en 1950.
 
Co gallo da entrega dos documentos históricos pola CIG-Migración á Fundación Sabino Arana, Xurxo Martínez fai unha pequena síntese do máis resaltante da presenza basca neste país do Caribe tan intimante vencellado a Euskal Herria.


Da Terra de Graza á “Pequena Venecia”

Verbo as oríxes da palabra Venezuela moito se dixera. Dende o lingüista arxentino-venezuelano nado na Polónia Ángel Rosenblat sabemos que non é tan sinxelo o remitir a palabra Venezuela á de “pequena Venecia” en referénza aos palafitos nos que habitaban os indíxenas na lagoa de Sinamaica.

Dende as orixes da conquista da Venezuela estiveron bascos na Venezuela. Primeiro individual e esporádicamente entre os séculos XVI, XVII e XVIII.

Foi conquistada Navarra en 1512, inda que a anexión se realice baixo a fórmula xurídica de que os navarros conservaban as suas Leis e Foros cos que se governaban antes da sua unión.

Juan de Solorzano, xurista das Indias con sona entendia que “aos navarros debemolos contar na clase de estranxeiros, coma aos portugueses, italianos, flamencos e outros(1)”.

Foi dende o ano de 1553 que os bascos tiveron o dereito de ir ás Indias. Pontoalmente foron chegando algún que outro basco e asi pasaron os anos até chegar ao 4 de setembro de 1730 cando chegan a Porto Cabelo os tres primeiros navios da Compañia Guipuscoana. “A compañia crea un novo estilo en la vida política e económica de Venezuela. Contribúe a dar fisonomia ás clases sociais que se moven no território. Adquiren unha clara conciéncia das suas funcións e as sela co espirito da solidariedade. Apresura o proceso da evolución que até ese instánte seguia leis normais(2)”.


 Clic para aumentar
O vapor Cuba que saiu de Le Havre en 1939 foi o primeiro cun continxente de 1.000 cidadáns bascos que chegaron a Venezuela.
 
Chegan os bascos dende Franza

Foron os bascos os primeiros en solicitar, e en chegar, a Venezuela coma exiliados. A admisión de exiliados españois chocou cunha barreira inquebrantábel na Venezuela coa oposición da opinión católica conservadora maioritária, que apoiaba ao réxime de Franco.

As entradas a Venezuela axustábanse á Lei de Imigración e colonización que o congreso venezuelano sancionara o 11 de xullo de 1936.

En liñas xerais a lei dicia que Venezuela fomentaria a imigración con caráter agrícola. Os requisitos para ser aceptado eran ter boa conduta, oficio coñecido, ser de raza branca e non profesar ideas contrárias á constitución ou á forma de governo.

Promulgou o governo, en 1937, unha lei de estranxeiros, que concedia os mesmos dereitos que aos venezuelanos aos imigrantes e refuxiados.

As primeiras solicitudes individuais chegaron dos bascos refuxiados no Estado francés, despois da caida de Euskadi baixo a gadoupa feixista de Franco. Estas solicitudes foron denegadas ou adiadas, inda que moitas delas viñan con recomendacións do delegado do governo autónomo en París.

A medida que ía avanzando a guerra, centenares de milleiros de refuxiados ocupaban os campos de concentración no Estado francés. O governo deste país solicitaba aos países latinoamericanos a acollida destes refuxiados, inspirándose nas tradicións de hospitalidade íntimamente unidas a doutrina do Novo Mundo.

Porén, as capacidades de recepción da República de Venezuela eran moi limitadas. Debian ter en conta ao recentemente creado organismo de colonización. Escoller os elementos de integración dos chegados co meio ambiente venezuelano, ademáis do equilibrio racial xunto á paz na que vivían os venezuelanos que non debía ser alterada pola admisión sen reservas de elementos que profesasen “ideoloxías extremas”.

O governo venezuelano dá instruccións aos seus representantes na Europa, especialmente na Franza ao cónsul J. Picón Febres e ao representánte no Estado español franquista.

O historiador venezuelano Caracciolo Parra Pérez era representante en Madrid e biógrafo do prócer da indepéndencia e fillo de galegos Santiago Mariño e da sua irmá Concepción Mariño.

A sua misión era “separar o gran da palla” e buscar persoal cualificado para as empresas siderúrxicas da Goïana, e tratando de que non chegasen á Venezuela “extremistas roxos”.


 Clic para aumentar
Arturo Uslar Pietri dende o Instituto Técnico de Inmigración y Colonización permitiu en 1939 a chegada dos primeiros bascos a Venezuela.
 
O ITIC (instituto Técnico de Inmigración y Colonización)

O ITIC fora creado por decreto o 26 de agosto de 1938, e o 15 de setembro sustitúe á Oficina de Inmigración, Colonización e Repatriación que viña funcionando dende agosto de 1936. Nun informe de 1938 dicíase que con teima se pedia “o aproveitamento dun importante número de familias bascas asiladas en Franza” , entendendo que constituían un aporte desexábel e importánte polas “coñecidas excelentes cualidades do povo basco”.

Ista foi unha das razóns polas que se solicitou ao comisionado de imigración para que negociara coa delegación basca na Franza a contratación dun selecto número de familias de labregos; mais non foi posíbel concretar o propósito porque a maioria dos bascos refuxiados na Franza non eran labregos senón obreiros metalurxicos ou posuían outras profisións. Baixo a dirección de Arturo Uslar Pietri o ITIC anunciou á prénsa a chegada de labregos, artesáns e obreiros especializados bascos, convidando ás persoas e empresas interesadas a que achegaran ao Instituto as súas posibilidades e condicións de traballo.

En xullo empezaran a chegar “co resultado máis esperanzador” e a sua chegada xestionarase por ser “excelentes obreiros de moi diversas especialidades e pertencentes a unha raza laboriosa e aforrativa” ademáis de estar históricamente vencellada a Venezuela. Este país suavizou as normas con os bascos e abriu as portas ás mulleres, para as cales, igual que na Franza onde eran as máis solicitadas, habia moitas ofertas de emprego coma cociñeiras e camareiras.

O ministro de Asuntos Estranxeiros de Franco, o xeneral Jordana, advertiu ao representante diplomático venezuelano, Parra Pérez, do perigo que representaria para a Republica de Venezuela unha chegada masiva de refuxiados republicanos dende Franza cara ao seu país. Parra Pérez tranquilizou a Jordana, asegurándolle que tratábase só de receber algúns especialistas bascos que non profesaban ideas “roxas”.

O xeneral dixolle a Parra Pérez que moitos dos bascos que marchaban tiñan a disposición de volver tan pronto como se atenuaran as medidas que foron “necesárias tomar para castigar os crimes de dereito comun perpetrados nas provincias do Norte durante a dominación marxista e ao abeiro da administración separatista”. Porén a Parra Pérez non lle pareceu importante esta confesión de Jordana. Dous anos despois desta conversa, as “medidas que foron necesárias tomar... “ aínda seguían, e mandou un informe ao ministerio de Relacións Exteriores de Venezuela onde dicia que el estaba de acordo co que a delegación basca dixera aos axentes venezuelanos en París(3).

 Clic para aumentar
Caracciolo Parra Pérez, por José Antonio de Aranaz (óleo sobre tea). Parra foi embaixador ante o Governo de Franco.
 
Os primeiros dias de setembro de 1939 envía Parra Pérez uha nota ao ITIC, verbo a ameaza que tiña a emigración basca refuxiada no Estado francés, pois empezaba unha “forte corrente de repatriación” engadida á dificuldade para conseguir pasaportes, estando estas persoas indefensas na diatriba de volver cara Euskadi e ser detidos ou loitar no exército francés nunha guerra que non era deles, despois de tres anos de guerra e do exilio.

A delegación basca na Franza solicita á República de Venezuela a aceptación de mil bascos, 750 labregos e os outros con outras profisións, nun buque neutral a un custe de 750.000 dólares norteamericanos, que teria a posibilidade de facer a viaxe da volta cun cargamento de café, e a hospedaxe no hotel Jardín da capital do Estado Aragua, Maracay, por tres bolívares diários(4).

Arturo Uslar Pietri informa o 7 de agosto de 1940 que o vapor “Cuba” ía cara Venezuela con numeorosos refuxiados bascos. Que tiveran problemas en na illa de Santo Domingos e que por esa razón algúns deles desembarcaran en Ciudad Trujillo e outros marcharan cara a México dende onde pedían poder chegar a Venezuela.

Era o embaixador de Venezuela na República Dominicana, Horacio Blanco Fombona, tío de Rufino Blanco Fombona, o venezuelano que fora governador civil republicano no Estado español, tío que permitiu que moitos exiliados españois, galegos e bascos fuxisen da ditadura de Trujillo e marcharan cara a Venezuela.

A guerra mundial remata e os bascos ven que non poden retornar a Euskadi. Jose Antonio Agirre escrebe en 1945 ao ministro de Exteriores venezuelano dende a cidade de Nova Iorque, o 9 de marzo. Dicialle que nunha xuntanza de membros do governo basco no exilio, destacárase polo seu singular relevo, a xenerosa e humanitária protección dispensada aos seus compatriotas polo Governo e povo venezuelanos.

“O governo basco non esquecerá xamáis, que nos momentos de maior aflicción, foi o governo venezuelano o primeiro que se decatou da condición dos refuxiados bascos na Franza, para convidalos a refacer as suas vidas no território da sua xurisdicción e que, na pátria do noso ilustre devanceiro, Bolivar o Libertador, atoparon outra vez moitos dos nosos compatriotas a liberdade, a paz e o afecto que ilusionaban. Con vivísima complacénza cumprimento o acordo de trasladar a V.E. este modesto anticipo da nosa gratitude que, se Deus quiser, algún dia terá as solenes expresións formais, coas que todo o povo bascio desexa exteriorizar o seu secular e inalterábel vontade co povo venezuelano(5)”.


18 de outubo de 1945

É precisamente este ano cando a Junta Revolucionária dá un golpe de Estado ao xeneral Medina Angarita en Venezuela. A Junta o 8 de novembro recoñece ao governo republicano no exilio. Rómulo Betancourt, presidente da Junta califica ao Governo exiliado coma “xenuino representante dos ideais democráticos do gran povo español(6). O 31 de decembro de 1945 é recebido no pazo de Miraflores Manuel Martínez Pedroso, embaixador da República española e o galego Jesús Vázquez Gayoso coma cónsul e poco máis tarde coma único representante.


 Primeira expedición, 1939
Primeira expedición, 1939.
 
Xuntos e revoltos

Foron os primeiros en chegar e os primeiros en organizarse. Xa en 1939, ao pouco de chegar solicitan ao ITIC autorización para celebrar, o 24 de outubro, o seu dia nacional. A solicitude foi elevada ao ministério de Relacións Interiores, quen rexeitou a solicitude alegando que a convocatória publicada en El Universal, tiña claramente un carácter político(7).

Un ano despois, 1940, coincidindo co dia de san Inácio de Loiola, os bascos organizan unha celebración. Oferenda floral ante o monumento a Bolívar, un festival esportivo e a doazón do recadado á Cruz Vermella venezuelana(8).

Non caeu a adverténza en saco roto e empezaron a maxinar para a creación do primeiro centro basco. A idea partiu de xente coma Ángel Aznar, Blas Gárate, Llari Ariño, Bitor Elgezabal e Triki Azpiritxaga.

A idea non logrou plasmarse imediatamente. Foi o 8 de maio de 1941 cando foi autorizado o centro polo ministério de Relacións Interiores e ratificado en 1942.

O seu primeiro presidente foi José María de Echezarreta. Tamén foi autorizada a creación dos Socorros Mutuos para aqueles ou aquelas imposibilitados de gañar o seu sustento.

A pesares da aprobación, o embaixador franquista en Caracas, logrou que o superior da igrexa das Mercedes non permitira a celebración da misa do Centro basco de Caracas, e inda que se apelou a negativa, so se conseguiu que se lles comunicara o sábado de Glória.

 Clic para aumentar
Echezarreta, o máis alto de traxe negro, foi o primeiro presidente do Centro Basco. Aqui na inauguración oficial en 1942.
 
O que non puderon impedir foi a inauguración do Centro que foi o 7 de abril de 1942. O dia de san Inácio se inaugurou o frontón e en agosto a publicación mensual Euzkadi.

Neste primeiro número anunciábanse os actos co gallo da visita da visita do lehendakari Agirre os dias do 26 ao 29 de setembro. A visita tivo unha grande repercusión na prensa venezuelana, incluíndo unha homenaxe que lle fixera a Asociación Venezolana de Periodistas; incluso o representante do Governo Basco na Venezuela, José M. Gárate, conseguira o recoñecemento da válidez do carné de identidade emitido polas autoridades bascas, através dunha solicitude formulada o 9 de xullo e grazas aos bos oficios da chancelaria venezuelana(9).

O ano de 1943 e 1944 houbo unha maior toleráncia por parte do Governo do presidente Isaias Medina Angarita. Celebraron o seu primeiro Aberri eguna, e o de 1945 tivo repercusións especiais pois asistiu, de regreso de Bos Aires, despois dunha xuntanza en México e Nova Iorque, o conselleiro do Governo basco Ramón María Aldasoro quen declarara en relación a diversos temas políticos, verbo as xestións conciliadoras dos bascos para superar as discordias entre Martínez Barrios e Negrín, ademáis da situación internacional do réxime de Franco. Co gallo desta visita tentaron nomear un parque de Caracas co nome de Gernika(10).

En agosto da unha conferéncia no Centro Basco o embaixador na Unión Soviética por Venezuela. En xaneiro de 1946 convocan un concurso de escritores bacos residentes na América Latina. En marzo aberri eguna, todos os sócios doan un dia de traballo. Conferéncias de Agusto Pi Sunyer, José de Ibargen e Luis Jiménez de Asua. Xuño comeza coa rehabilitación dunha ikastola. Euskadi de abril dá a noticia da confraternidade basco-catalana dando Marc Aureli Vila un concerto no Centro Basco cos colaboración de Juan de Irujo, irmán do ex ministro, indultado por mediación do Governo venezuelano.

En setembro de 1944 fundase o Deportivo Vasco, sendo o seu primeiro presidente Julián de Lezarralde.

Por último en El Heraldo, na sección Semáforo escribía un basco que asinaba Rojo y Verde, e facia frecuentes comentários verbo a loita dos bascos esforzándose por xustificar ao Vaticano.

Outros bascos escribiron con el en El Heraldo. Un foi Antonio Borde Tar, construtor do monumento a Bolívar en La Puebla, destruido polos franquistas desoíndo as súplicas do párroco.


Xurxo Martínez Crespo.

 
 

 

Notas:

(
1) “Política Indiana”, Libro IV, capítulo XIX.

(2) A. Arellano Moreno “Orígenes de la economía venezolana”, páxinas 291-292.

(3) Ministerio de Relacións Exteriores da Venezuela, Polítca Internacional, España, 1939, volume 298 exp 269 nota do 7 de xuño.

(4) Arquivo Histórico do Pazo Presidencial de Miraflores (AHPPM), 1288 C.

(5) Ministerio de Relacións Exteriores da Venezuela, P.I., España, 1945, exp 73/P-13.

(6) EL universal, 30 de marzo.

(7) Memória do ministério de Relacións Interiores, 1939, p. CXXV.

(8) Crítica 6 de agosto de 1940, páxina 5, “Cosas del día-Los Vascos”.

(9) Memória do ministério de Relacións Interiores, 1942, p. LXXI.

(10) Últimas Noticias, 30 de maio, páxina 15, e verbo o parque a edición do 3 de xuño, páxina 5.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2004