ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 20 de febreiro de 2004

A xornada estivo marcada por concentracións diante dos Xulgados das sete cidades galegas
A terceira quenda entrou na folga de fame rotatoria

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
A terceira quenda de folguistas entrou hoxe na caravana: Carme Antas, Rosa Garrido e Fernando Leiro (con disfrace de reclusos).
Clic para aumentar
Os tres folguistas da segunda quenda, Anxo Louzo, Inaki García e Antonio González, recibiron a visita dos concelleiros nacionalistas de Compostela, Néstor Rego e Elvira Cienfuegos.
Clic para aumentar
O secretario comarcal de CIG-Lugo, Xosé Ferreiro, diríxese ás persoas concentradas ante os Xulgados da capital luguesa.
 
A nova –e novena– xornada da folga de fame rotatoria promovida pola CIG viu o xoves 19 ao mediodía a entrada da terceira quenda de sindicalistas: as compañeiras da Executiva Confederal, Carme Antas e Rosa Garrido, xunto co compañeiro Fernando Leiro (comité empresa CETSSA) colleron o relevo para proseguiren con esta medida de protesta.

Entre as múltiples visitas de solidariedade que están a chegar á caravana, cómpre salientar a do 1º tenente alcalde da Corporación de Santiago de Compostela, o nacionalista Néstor Rego, xuntamente coa súa compañeira de Goberno, a concelleira Elvira Cienfuegos. Ademais, na xornada do xoves acompañaron os/as folguistas diversos compañeiros e compañeiras das comarcas de Santiago e A Mariña.

Esta xeira estivo marcada pola celebración diante de diferentes sedes xudiciais das sete cidades de concentracións, convocadas pola Plataforma EN DEFENSA DAS LIBERDADES, que integra diferentes organizacións e colectivos dos máis diversos ámbitos sociais. Estas concentracións, que se realizaron en torno ao mediodía, xuntaron no país a case 2.000 persoas. A maior convocatoria tivo lugar na cidade de Vigo, coa participación de 500 persoas; en torno ás 450 se concentraron en Lugo -cidade onde permanece a caravana-, en A Coruña, en Santiago de Compostela e en Ourense participaron en torno ás 200 persoas en cada unha, na cidade de Ferrol déronse cita unhas 150 persoas, as mesmas que na cidade de Pontevedra.

Polo demais, hoxe tamén foron múltiplas as adhesións solidarias que están a chegar á Central Sindical, das que cómpre salientar a da Plataforma Cidadá Nunca Máis, a de cargos institucionais como os alcaldes nacionalistas de Rois, X. Manuel Pena Patiño, e de O Porriño, Raúl Francés, ou a nivel internacional a central maioritaria vasca, ELA-STV, que enviou por medio do seu secretario xeral, Jose Elorrieta, un comunicado de apoio. Así mesmo, son de salientar as mensaxes dunha chea de comités de empresa, como os de Aspronaga e Ricardo Baró, Comité Calvo Conservas SA, Astillero Valiña, cadro persoal empresa Galicia Color, Sestico SA, Coruñesa de Composites SL, Comité do Ministerio de Medio Ambiente de A Coruña, Comité de Dayfer, Comité de Star, Comité de SDE, Conservas Antonio Alonso, Conservas Avigan, Conservas Bernardo Alfageme, Selmark, Larsa, Eulen SA, Comité da Consellería de Asuntos Sociais de A Coruña, Comité da Consellería de Educación de A Coruña, Comité de empresa de Repsol...

Tamén as Xuntas de Persoal Docente non Universitario das catro provincias galegas (que agrupan a 32.000 docentes) remitiron o seu apoio e solidariedade aos folguistas e aos sindicalistas condenados inxustamente. A estas hai que sumar o apoio de ducias de seccións sindicais e de traballarores en xeral, que seguen a manifestar a súa solidariedade con esta campaña e a súa denuncia co intento de recorte de liberdades que se promove desde o Partido Popular, mesmo utilizando instancias xudicias.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2004.


A continuación reproducimos algunhas das mensaxes recibidas no transcurso desta novena xornada de loita:


  

Mensaxe de solidariedade de Adolfo Pérez Esquivel


Interiorizado da grave sentenza ditada polo Xulgado do Penal nº 2 de Lugo, sobre tres traballadores lugueses por participaren en piquetes informativos reclamando os dereitos cercenados dos traballadores, estase cercenando o dereito ás liberdades civís contempladas pola lei e atenta contra a democracia e as liberdades púbilicas.

Quero sumar a miña voz ao xusto reclamo dos traballadores, respecto aos dereitos e liberdades públicas.

Estamos a vivir unha etapa en que a imposición do autoritarismos e perdas das liberdades públicas están en aumento e cómpre reestablecer o dereito e vixencia democrática hoxe seriamente ameazadas.

Quero expresarlles a miña solidariedade e apoio cos traballadores.

Reciban a aperta solidaria de Paz e Ben.

Adolfo Pérez Esquivel (Premio Nobel da Paz).

Bos Aires, 18 de febreiro de 2004.

   
   
  

ELA-STV


Estimados compañeiros e compañeiras.

No nome dos traballadores e traballadoras de ELA quero expresar todo o noso apoio e solidariedade aos tres traballadores, membros da CIG, que foron condenados pola súa participación nun piquete informativo na Folga Xeral de Galiza no mes de xuño de 2002. Hai xa algún tempo que vimos asistindo a un sistemático recorte dos dereitos dos traballadores e traballadoras en todas as súas formas, tamén en forma de persecución da actividade sindical, ao tempo que se produce unha marcada deterioración das condicións de traballo. O exercicio dos dereitos máis elementais de folga e de manifestación estase a ver recortado de maneira xeneralizada e progresiva, e boa proba diso é a referida sentenza, cunhas desproporcionadas condenas que nos chaman poderosamente a atención e nos causan preocupación.

Por todo iso, reiteramos o noso apoio e solidariedade cos compañeiros condenados e por extensión con todos os compañeiros e compañeiras da CIG cos que compartimos obxectivos e loitas pola mellora das condicións de vida e de traballo da clase traballadora en Galiza e en Euskal Herria.

Saúdos solidarios.

Bilbao, 18 febreiro de 2004.

Jose ELORRIETA, secretario xeral ELA-STV.

   
   
  

CGTD (Confederación General de Trabajadores Democráticos, Colombia)


Moi aprezados compañeiros.

A Confederación General de Trabajadores Democráticos CGTD de Colombia, condena a penalización da actividade sindical en Galiza, materializada segundo informacións da súa Central Sindical que o pasado 3 de febreiro o Xulgado Penal Nº 2 de Lugo, Galiza, ditou sentenza de condena contra tres traballadores membros da CIG, tras ter participado nun piquete informativo na Folga Xeral de Galiza no mes de xuño de 2002 a quen se lles xudicializa e se lles priva da liberdade desde tres anos e medio até catorce anos de cadea ademais de impór-se-lles multas superiores a 11.000 euros, sumándolle a esta situación a xudicialización contra as testemuñas da defensa polo delito de teren participado no piquete informativo.

Expresamos a nosa máis profunda solidariedade e apoio á loita dos traballadores integrados na Confederación Intersindical Galega. Estamos a exixir ás autoridades dese país, eliminar as condenas impostas, que se respecte o exercicio da liberdade sindical, que é: dereito de libre asociación, de negociación colectiva e folga. Exiximos igualmente que as actitudes represivas contra indefensos traballadores, se mude pola do diálogo e a concertación, en beneficio dos traballadores.

Aperta fraternal.

Bogotá, 17 de febreiro de 2003.

Comité Ejecutivo CGTD.

Julio Roberto Gómez Esguerra, secretario xeral.

Cervulo Bautista Matoma, secretario xeral adxunto de Fiscalización e Auditoría, responsábel Dereitos Humanos.

   
   
  

Secretariado da FSM (Federación Sindical Mundial)


Profunda preocupación causou no movemento sindical internacional a inxusta condena por parte do Xulgado Penal N° 2 de Lugo –Galiza- contra tres traballadores sindicalistas integrantes da Confederación Intersindical Galega CIG (no Estado español) soamente por teren participado nunha folga decretada pola CIG no mes de xuño do ano 2002.

Esta sentenza penal contra os tres sindicalistas de Galiza constitúe un flagrante atentado e violación aos dereitos sindicais amparados polos convenios da Organización Internacional do Traballo OIT. A sentenza penal ditada contra os tres irmáns sindicalistas suman máis de 14 anos de cadea.

Polo tanto: a Federación Sindical Mundial (FSM), expresa condena enérxica a esta agresión contra os tres sindicalistas de Galiza e insta ás autoridades correspondentes a reconsiderar a súa actitude antisindical. Pensábamos de que este tipo de represalias contra os traballadores soamente se cometen nos países do terceiro mundo. Pero non nun país pertencente á Unión Europea.

A FSM fai un chamado a todas as organizacións afiliadas e amigas a desenvolver campaña de solidariedade cos compañeiros da CIG.

A solidariedade internacional entre os traballadores do mundo está máis vixente ca nunca.

Praga, 16 de febreiro 2004.

O Secretariado da Federación Sindical Mundial (FSM).

   
   
  

Secretaría América da FSM (Federación Sindical Mundial)


Compañeiros dirixentes e traballadores da CIG.

Estimados compañeiros e compañeiras.

Reciban o saúdo fraterno solidario e clasista da Secretaría América da Federación Sindical Mundial (FSM), extensivo a todos os compañeiros afiliados e amigos das vosas organizacións.

Recibimos con profunda consternación a nova que nos fixo chegar un compañeiro do voso país, quen daba conta da brutal represión por parte dos órganos represivos do Goberno, cando o día 3 de febreiro, o Xulgado Penal nº2 de Lugo (Galiza), ditou unha sentenza tan dura como inxusta condena contra tres traballadores, membros da CIG, tras teren participado nun piquete informativo na Folga Xeral de Galiza no mes de xuño do 2002. As penas a que foron condenados estes compañeiros suman máis de catorce anos de cadea (seis anos e un mes de cadea o maior deles, tres anos e medio a menor) e multas superiores a 11.000 euros. Así mesmo, na mesma sentenza se pide se a apertura de dilixencias xudiciais contra as testemuñas da defensa, polo “delito” de teren participado no piquete informativo.

De igual maneira resulta máis que paradoxal que se cualifique como "delito contra os intereses dos traballadores" -como se fai na sentenza- a actuación normal dun piquete informativo, en exercicio do direito fundamental de folga. Isto contrasta coa flagrante impunidade con que actua a patronal galega á hora de impor condicións de traballo abusivas, precarizar o emprego mediante a fraude na contratación, infrinxir a normativa legal sobre seguranza e saúde laboral (136 traballadores/as morreron en acidentes de traballo durante o ano 2003) e mesmo exercendo coaccións para evitar que os traballadores e traballadoras participen na actividade sindical ou secunden folgas.

Compañeiros, informámolos de que, recén recibida esta nova, se fixo de inmediato un chamado urxente ao movemento sindical internacional, co obxectivo de que se solidaricen coa vosa xusta causa. Consideramos como un acto de lexítima defensa, e en contraposición cos Convenios Internacionais tanto da Organización internacional do Traballo como das Nacións Unidas en materia de dereitos humanos e liberdade sindical.

A Secretaría América da Federación Sindical Mundial (FSM), unímonos ao clamor pola liberación dos traballadores inxustamente condenados e chamamos ás organizacións sindicais afiliadas e amigas a apoiar a campaña.

A Habana (Cuba), 16 de febreiro de 2004.

Solidariamente.

José Ortiz Arcos, secretario para América Federación Sindical Mundial).

   
   
  

POZ (Sindicato Eslovaco do Gas - Plynárenský Odborový Zväz - Slovák Gas Trade Union)


Compañeiros sindicalistas.

En nome do Sindicato Eslovaco do Gas, queremos expresarvos onoso apoio no rexeitamento pola inxusta condena dos vosos compañeiros.

Acodicia polos beneficios das novas e vellas patronais, fan baixar os salarios e explotan aos traballadores; e para adefensa das leis e os intereses dos traballadores só ficamos os sindicatos.

Estamos con vós.

Robert Kulifaj v.r.

President POZ.

Bratislava, 17/02/2004.

   
   

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2004
cig.informatica