Actualidade Vigo, 27 de febreiro de 2004
8 de Marzo, Día da Muller Traballadora Combate a precariedade laboral coa negociación colectiva
| |  | | Cartaz da campaña do 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora, cuio lema para o 2004 é: “Combate a precariedade laboral coa negociación colectiva”. | | | Nos últimos trinta anos producíronse importantes transformacións económicas e culturais que determinaron unha gran mudanza na mentalidade e actitude das mulleres. Hoxe non atendemos á disxuntiva entre traballar e termos descendencia, nin alternarmos no tempo a nosa actividade laboral coa maternidade, senón que acumulamos ámbalas dúas facetas: inserímonos profesionalmente e constituímos unha familia.Se o século XX se caracterizou pola entrada masiva da muller no mundo do traballo, nos inicios do XXI aínda nos atopamos con multitude de atrancos para que a nosa presencia neste ámbito se desenvolva en condicións de igualdade. A pesar dos importantes avances sociais e mudanzas lexislativas que se teñen producido, as mulleres continuamos en situación de inferioridade no mundo do traballo por razóns históricas, culturais e socioeconómicas. A feminización do mercado de traballo non se viu acompañada por unha equiparación do poder de homes e mulleres, senón que se observa a persistencia da segregación, tanto horizontal (concentración do emprego feminino nunha serie de sectores de actividade e profesións) como vertical (os empregos femininos áchanse situados na parte baixa das táboas de categorías profesionais). As mulleres sofren taxas máis altas de paro, eventualidade, traballo a tempo parcial e traballo en negro, e menores salarios medios. Perciben unha remuneración menor por traballos de igual valor que os dos homes, ou ben teñen a mesma remuneración cando o seu traballo é de maior valor, ou ben existe unha desproporción entre a valoración dos traballos que realizan mulleres e homes. As retribucións deben ser iguais para traballos iguais, integrando no concepto de retribución toda prestación salarial, rachando así coas diferencias salariais que se producen entre os traballos chamados “feminizados” e o resto, dado que existe unha situación de desigualdade laboral de xénero coa que cómpre rematar. Esta situación de discriminación, desemprego e precariedade que sofre a muller vese acentuada pola falla de medidas reais que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar. Medidas para combater a precariedade e a marxinación
- Extensión das prestacións económicas a todos os parados/as galegos ou que leven residindo en Galiza máis de 3 anos, maiores de 21 anos. Cun salario igual ao salario mínimo interprofesional.
- Actuación das Inspeccións de Traballo ante as fraudes na contratación, extensión da xornada laboral sen pagala, infracotización, economía somerxida. Seguimento especial das empresas con traballadores/as en prácticas e bolseiros/as, para evitar a fraude que se comete con estes colectivos.
- Supresión radical das horas extras.
- Eliminación das empresas de traballo temporal (ETT’s) e das axencias privadas de colocación.
- Derrogación de toda a normativa que non coloque a contratación temporal nas estreitas marxes da máis ríxida causalidade.
- Penalización na contratación temporal, maior aportación na cota empresarial para o desemprego.
- Fixación, por parte da Xunta de Galiza, en tódolos pregos de condicións dos concursos administrativos, dunha taxa mínima de persoal con contrato estable a todas aquelas empresas que queiran concorrer, valorando especificamente o grao de eventualidade para a decisión final. Nos procedementos de libre designación non será posible a concesión a aquelas empresas que non teñan unha taxa de estabilidade igual ou superior á media de Galiza.
- Inclusión da cláusula de subrogación do persoal en tódolos pregos de condicións para contratas de servizos.
- Reforzo das políticas encamiñadas a aumentar o número de prazas públicas en garderías, centros de atención á terceira idade e persoas minusválidas, con horarios amplos e compatibles coa xornada laboral. Por outra banda, este tipo de medidas contribuirían á creación dun número importante de postos de traballo.
Melloras na Lei de conciliación da vida laboral e familiar
- Aumentar o permiso de maternidade retribuído ata un ano.
- Crear un permiso de paternidade.
- Ampliar o número de días por permisos retribuídos por nacemento de fillo, morte, hospitalización...
- Mellorar o disposto para a reducción da xornada, optando por acumular o total de horas do permiso de lactación para poder escoller entre unha acumulación semanal ou mensual, ou disfrutándoas de forma ininterrompida tras a baixa por maternidade.
- Ampliar o dereito de reserva do posto de traballo durante todo o tempo que se permaneza en excedencia por coidado de fillos ou familiares, garantindo que este período de excedencia compute para todos os efectos, antigüidade, complementos salariais...
- Fomentar que os homes exerzan os dereitos de conciliación que a Lei concede indistintamente a mulleres e homes.
Participa nos actos convocados para o 8 de Marzo na túa comarca.
Faite escoitar !!!
|