Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 27 de febreiro de 2004

Unión Europea, o outro imperialismo
 

François Vercammen-

La Gauche


A Unión Europea (UE) é un xigante económico e financeiro, unha estrutura imperialista densa herdada dos máis vellos países colonizadores (Países Baixos, Inglaterra, España, Francia, Bélxica), cunha tradición militarista milenaria (...) Desde o punto de vista do capital, a UE é un grande éxito. Desde o punto de vista do traballo, un desastre. A UE é un verdadeiro perigo.



 Unión Europea
No momento en que a superpotencia estadounidense alcanza a súa postura "global", Europa despréndese do seu dominio cincuentenario (desde 1945). A multiplicación a todos os niveis das friccións "transatlánticas" toma hoxe unha dimensión política forte: a nova estratexia supremacista dos Estados Unidos (que data de antes da presidencia de Georges W. Bush) confróntase a unha Europa que ten como obxectivo precisamente o paso dunha economía forte a un proto-estado supranacional (europeo).
 
Na crise que as opón aos Estados Unidos, as burguesías europeas buscan a lexitimidade perdida dunha Europa antisocial na imaxe dunha Unión Europea "alternativa", que fai contrapeso de "América".

Lembramos as semanas que precederon á invasión polo exército estadounidense de Iraq: Francia e Alemaña lograban construír unha coalición con Rusia (e cunha China máis reticente), illaban e batían no goberno dos Estados Unidos no Consello de Seguridade da ONU, ante unha opinión pública mundial estupefacta. Na mesma onda bloqueaban, na OTAN, o compromiso militar de Turquía. Se Bush gañou a guerra en Iraq, política e "amoralmente", foi para el un desastre. Até o de hoxe, e a pesar do arresto de Saddam Hussein, a correlación de forzas políticas e ideolóxicas segue a serlle desfavorábel.

O que, ao principio, era oportunismo electoral (Schroeder) ou político-cultural (Chirac) tivo un impacto considerábel e duradoiro. Había certamente unha aposta política. Non estando garantido de antemán o resultado, só a acción podía revelar as evolucións latentes e contraditorias actuantes no dispositivo imperialista global.


Friccións transatlánticas

Pero aí está a proba: no momento en que a superpotencia estadounidense alcanza a súa postura "global", Europa despréndese do seu dominio cincuentenario (desde 1945). A multiplicación a todos os niveis das friccións "transatlánticas" toma hoxe unha dimensión política forte: a nova estratexia supremacista dos Estados Unidos (que data de antes da presidencia de Georges W. Bush) confróntase a unha Europa que ten como obxectivo precisamente o paso dunha economía forte a un proto-estado supranacional (europeo).

Este novo aspecto da situación mundial non é, ou o é pouco, percibido e aínda menos descrito ou analizado, na súa dobre dimensión: os límites e as contradicións da superpotencia estadounidense; a emerxencia do outro imperialismo, europeo, que se dota dun aparato de estado supranacional á medida da súa forza económica.

A análise marxista revolucionaria ten unha longa e rica tradición a propósito do imperialismo, desde fins do século XIX: Parvus, Hilferding, Kautsky, Bukharin, Luxemburg, Lenin, Trotsky... Este último sentira de forma notábel, desde 1920, a nova configuración das contradicións interimperialistas saídas da guerra de 1914-1918: o cara a cara Estados Unidos-Europa, e, no continente europeo, as rivalidades entre Alemaña, Inglaterra e Francia(1). O estourido dunha nova guerra mundial entre as grandes potencias parecía inevitábel a curto prazo, a menos que o proletariado se adiantase. Para resistir á forza crecente do "xove" capitalismo estadounidense, era preciso de todas formas unha unificación de Europa. O dominio das contradicións no continente europeo non se podía realizar máis que pola guerra e a ditadura fascista ou pola revolución socialista en Europa; estando excluída calquera outra variante.

Desde comezos dos anos 70, Ernest Mandel renovaba substancialmente a análise: "a fusión dos capitais gaña a nivel continental, pero a competencia imperialista intercontinental estaba por iso tanto máis agudizada"(2). "Os concorrentes europeos e xaponeses non teñen unha oportunidade de sobrevivir como formacións independentes máis que (...) se poñen en pé, polo menos en Europa do Oeste, un estado federal que contrabalancee política e militarmente aos Estados Unidos"(3).

Hai que lembrar que a Unión Europea (UE) é un xigante económico e financeiro, unha estrutura imperialista densa herdada dos máis vellos países colonizadores (Países Baixos, Inglaterra, España, Francia, Bélxica), cunha tradición militarista milenaria. Sobre esta base económica ampliada e reforzada, os grandes grupos europeos (reagrupados na ERT, a mesa redonda dos industriais) puxéronse de acordo, a mediados dos anos 80, para avanzar cara a un mercado único e, na mesma onda, crear unha moeda única (o euro). A partir de aí, a formación dun estado europeo comezou, paso a paso, non sen dificultades, pero conscientemente. A pesar dos discursos dos "euro-euforistas", o proceso non ten nada de automático. Todo progreso substancial implica unha transferencia de prerrogativas nacionais. As clases dominantes e os seus aparatos estatais teñen unha longa historia de enfrontamentos tras de si. A UE permanece atravesada por contradicións de todo tipo. Isto non está compensado por unha consciencia europea de masas ou unha base sólida nunha burguesía europea unificada. As políticas neoliberais antisociais dos vinte últimos anos minaron toda lexitimidade popular "moderna".

Hai dous malentendidos. En primeiro lugar, o estado supranacional non sairá de golpe, dun "gran desbaraxuste" ou dun repentino acordo xeral entre os estados. O seu modo de avance desenvólvese ante os nosos ollos: é un proceso accidentado, no que a súa panca é a crise. O aparato de estado supranacional que se pon en pé non é e non será a copia da estrutura do estado nacional que coñecemos. Esperar a súa chegada ou esperar a próxima crise que levaría ao afundimento ou ao estourido, é enganar-se. O desenvolvemento da UE consiste nunha serie de batallas por obxectivos determinados na que a relación de forzas, a xerarquización dos países membros, as oportunidades tácticas ou grandes acontecementos xogan un papel determinante. O mecanismo mantense porque hai grandes intereses en xogo. Porque cada país encontra vantaxes mercé ao reforzo da UE. Alemaña xoga de novo un papel na política mundial, o que seria inimaxinábel doutra forma. Irlanda, Polonia, o Estado español "progresan" mediante o maná dos subsidios, etc. A pequena Bélxica paraliza a OTAN co seu veto (no asunto turco).

É esta "gobernanza", feita a medida, a que permite á UE actual imporse na area mundial, por primeira vez, desde hai cincuenta anos. E, no interior, posuír unha mecánica institucional que rompe, por arriba, as conquistas sociais de cen anos de loita de clases gañados en cada país membro. A adopción da Constitución dos Giscard, Schroeder, Blair e Prodi tenta consolidar esta armadura institucional, saída desta correlación de forzas. A crise actual -pero sen dúbida, recorrente- no seo do bloque "transatlántico" é pan bendito para a UE. Por primeira vez desde hai decenios, as opinións públicas europeas distáncianse masivamente dos Estados Unidos. As altas esferas en Europa non deixarán de explotar a imaxe dunha UE "alternativa", facendo contrapeso a "América".

Desde o punto de vista do capital, a UE é un grande éxito. Desde o punto de vista do traballo, un desastre. A UE é un verdadeiro perigo. Infelizmente, case non é percibido, nin tomado en conta; é subestimado. Sen mudar totalmente esta tendencia, non se tomará a medida da situación e do esforzo político que hai que emprender.


[Artigo tirado do sitio web 'La Gauche', 19 de xaneiro de 2004]

 
 

 

Notas:

(1) León Trotsky, 'Europa e América, A onde vai Inglaterra?'.

(2) Ernest Mandel, 'A terceira idade do capitalismo'.

(3) Ibidem.

 
Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/02/2004
cig.informatica