Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 27 de febreiro de 2004 (Publicado en La Opinión o 25/02/2004)

Sentenza polémica
 

Manuel Mera-

cig.form-sindical@galizacig.com


Catorce anos de prisión e once mil euros de indemnización a tres membros dun piquete informativo, por feitos acontecidos durante a folga do 20 de xuño de 2002 en Lugo, son condenas moi duras, desproporcionadas, inaceptábeis. Non se pode asimilar con delincuentes ás persoas que participan en acións que teñen un ámbito laboral ou social, aínda sendo graves, e moito menos cando é por turrar pola manga a un policía, guindar varias bolsas de lixo nas portas dun pub e insultos cruzados co dono.

En toda folga xeral, na que participan centos de miles de persoas, os ánimos están quentes, xa que as presións dentro das empresas pola patronal e encargados pra evitar os paros son fortes, as veces encubertas, porén en moitos casos diretas, como ameazando con renovar os contratos. Neste escenario é normal que existan algúns excesos, tensións, sempre os houbo, mesmo máis graves que os de Lugo. Estas penas, aínda que o fiscal asegure o contrario, na practica poñen en entredito aos piquetes informativos e polo tanto limitan o direito de folga, xa que moitos traballadores-as no futuro vencellaran piquete coa cárcere ¿supoño que non será esto o que se pretende coas sentenzas de Lugo?

Sobre o piquete e o direito de folga di nun recente artigo un avogado laboralista “O Tribunal Constitucional ten reiterado que o dereito a traballar durante unha folga non ten a consideración de dereito fundamental. É un dereito de inferior rango ao proprio dereito a folga, que si ten esta consideración de dereito fundamental. Xamais se perseguiu penalmente a un empresario que coaccionase ao seu persoal pra non participar nunha convocatoria de folga, o que resulta ben frecuente, mediante a coacción que supón a mesma precariedade nas relacións laborais (“abuso de situación de necesidade”, di o Código), e que se contrarrestan ou equilibran minimamente mediante a actuación dos piquetes informativos, na medida en que amparan aos traballadores no exercizo deste dereito”.

A propia condena e o desproporcionado da pena fica evidente na ampla solidariedade cos tres afiliados da CIG, e que mesmo haxa patróns que manifestaran publicamente a sua oposición a este tipo de sentenzas. Saben estes empresarios que os conflitos laborais e sociais non se solucionan por meio da prisión, das multas ou evitando a divulgación das reivindicacións e loitas dos afectados. A historia, mesmo a máis recente, amosa como estes procedementos serven de moi pouco a medio prazo, alén de aumentar os enfrontamentos.

A regresión do Código Penal, co endurecemento de penas e a aplicación en casos de conflito social, así como a desregulación laboral, a rebaixa de direitos sindicais e a privatización de servizos públicos esenciais, son feitos que coinciden no tempo e que todo indica están asociados, ligados. Non penso que esmagar ao mensaxeiro evite a oposición social a medidas que centralizan e concentran a riqueza, que impiden unha racional e xusta redistribución do traballo e dos bens producidos. Por eso é moi positivo que, pra botar abaixo estas condenas inxustas, pra loitar polas liberdades ameazadas, máis de cincuenta organizacións convoquen pra o vindeiro día 29 de febreiro en Lugo unha manifestación. Deberamos estar todos e todas.


Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/02/2004