ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 20 de febreiro de 2004

En solidariedade cos traballadores condenados en Lugo
Varios miles de persoas concentráronse en defensa das liberdades

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Distintos momentos das concentracións de Vigo, A Coruña e Santiago, respectivamente.
 
Nas concentracións que convocou para o xoves 19 de febreiro a Plataforma en Defensa das Liberdades, axuntáronse unhas dúas mil persoas. As mobilizacións fixéronse fronte aos Xulgados das sete cidades galegas, dende as 12 ate as 13 horas da mañá.

Aínda que unha boa parte eran delegados e delegadas sindicais, foron tamén moitos os traballadores, estudantes e cidadáns de todo tipo que se solidarizaron cos tres traballadores afiliados á CIG, condenados a un total de 14 anos de prisión polo Xulgado do Penal nº2 de Lugo por participar nun piquete informativo na folga xeral do 20 de xuño do ano 2002.

O número de concentrados foi de 500 en Lugo e outros tantos en Vigo, 300 en Ourense, e de 200 tanto en A Coruña como en Compostela, e 150 nas cidades de Pontevedra e Ferrol. En total dous mil manifestantes a prol das liberdades, opóndose a unha sentenza inxusta e desproporcionada.

Nas concentracións leuse un comunicado, berráronse consignas contra a política represiva do Partido Popular. Esixiuse unha xustiza igual para todos, e que remate a represión contra os movementos sociais, dada ao abeiro do endurecemento do Código Penal e do sector máis conservador da xudicatura.

Ao final convocouse aos presentes para que acudan o vindeiro 29 de febreiro á cidade de Lugo para se manifestar a prol dos condenados, esixir xustiza, defender as liberdades. A manifestación do día 29 partirá ás 12 da mañá da Ronda da Muralla, fronte ao edificio dos sindicatos.


A continuación, transcribimos o texto do Comunicado da Plataforma para a Defensa das Liberdades que se leu en todas as concentracións:


 Clic para aumentar
Unha cuartilla co texto do Comunicado da Plataforma en Defensa das Liberdades, lido en todas as concentracións, foi repartida entre os transeúntes.
 
En defensa das liberdades
Solidariedade cos traballadores condenados

Unha recente sentenza do Xulgado do Penal nº 2 de Lugo acaba de establecer unha tan dura como inxusta condena a tres traballadores lugueses por participaren nun piquete informativo na pasada Folga Xeral de xuño de 2002. As penas a que foron condenados os traballadores suman preto de 15 anos de cadea e multas superiores ao 11.000 euros. Así mesmo, na devandita sentenza pídese a apertura de dilixencias ás testemuñas, co único "delito" de formaren parte do piquete.

Nese sentido, resulta máis que paradoxal que se cualifique como "delito contra os dereitos dos traballadores" -como se fai na sentenza- a actuación normal dun piquete informativo, en exercicio do dereito fundamental de folga. Isto contrasta coa flagrante impunidade con que actúa a patronal galega á hora de impor condicións de traballo abusivas, precarizar o emprego mediante a fraude na contratación, infrinxir a normativa legal sobre seguranza e saúde laboral (136 traballadores/as morreron no noso país en accidentes de traballo no último ano) e mesmo exercendo coaccións para evitar que os traballadores e traballadoras participen na actividade sindical ou secunden folgas.

A diversidade de organizacións e colectivos que conformamos a Plataforma EN DEFENSA DAS LIBERDADES entendemos que a devandita sentenza vén a significar un intento de recorte do dereito de folga da clase traballadora e atende máis a criterios políticos que a fundamentos legais. Ademais, esta dáse nun contexto xeral de regresión das liberdades públicas, deterioración das condicións de traballo e acoso aos movementos sociais, que responde aos intereses que representa o Partido Popular e o seu Goberno.

 Clic para aumentar
Ao final convocouse aos presentes para que acudan o vindeiro 29 de febreiro á cidade de Lugo para se manifestar a prol dos condenados, esixir xustiza, defender as liberdades. A manifestación do día 29 partirá ás 12 da mañá da Ronda da Muralla, fronte ao edificio dos sindicatos.
 
Tampouco se pode esquecer que esta sentenza vén a coincidir no tempo con diferentes actuacións xudiciais, claramente regresivas, como a forte condena de cárcere e multa contra varios veciños do compostelán barrio do Eixo, por participaren dunha protesta veciñal; ou as condenas que están a recibir mozos e mozas na capital de Galiza polo simple feito de pegaren carteis ou faceren murais nas paredes, así como a petición de cadea por ter participado en actos de protesta organizados por 'Nunca Máis', como no caso de Lugo, no que se solicita 1 ano e 6 meses de cadea.

Por último, desde a Plataforma EN DEFENSA DAS LIBERDADES, queremos amosar a nosa solidariedade cos traballadores afectados pola sentenza, no convencemento de que nos feitos polos que se viron xulgados só estaban a exercer un dereito legalmente recoñecido e regulamentado, como é o dereito á folga. Ao mesmo tempo, facemos un chamamento ao conxunto da clase traballadora e á cidadanía da nosa nación en xeral a que fagan público o seu rexeitamento ao recorte de dereitos fundamentais e ao intento de atar e amordazar os movimentos sociais que se opoñen ás políticas reaccionarias do Partido Popular. Facemos un chamamento a participar activamente das mobilizacións convocadas e da manifestación nacional do día 29 do mesmo mes na cidade de Lugo, ás 12 h. na Ronda da Muralla (diante dos locais sindicais).

Galiza, febreiro de 2004.

Plataforma EN DEFENSA DAS LIBERDADES.

Clic para aumentar Clic para aumentar
Clic para aumentar Clic para aumentar
Concentración en Vigo. Concentración en Santiago.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2004
cig.informatica