ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 1 de marzo de 2004

10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
Mobilicémonos contra a precariedade laboral, o desemprego e a represión

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
10 de marzo, mobilicémonos contra a precariedade, o desemprego e a represión.
 
O vindeiro 10 de marzo os galegos conmemoramos o Día da Clase Obreira Galega en lembranza dos dous traballadores da Bazan asasinados pola ditadura franquista en 1972, das ducias de feridos, dos despedidos. Da solidariedade que atinxiu toda Galiza, xa que as protestas se estenderon a A Coruña, Vigo, ao movemento estudantil en Compostela.

O 10 de marzo é unha data na que está ademais presente a folga xeral de 15 días de setembro en Vigo. Foron loitas que amosaron o grao de combatividade e solidariedade da clase obreira galega... que construíron democracia e liberdades... que aínda deben continuar porque non son completas, porque dende hai unha década están en constante recuar.

Desmantelamento dos sectores produtivos (véxase a situación do estaleiro naval de Izar, do sector lácteo e pesqueiro), precariedade, desemprego, contratos en negro, baixos salarios e xornadas de sol a sol, están plenamente vinculados coa recentralización do Estado, cunha lexislación laboral que flexibiliza e desregula o mercado laboral, un endurecemento do Código Penal que se aplica aos conflitos sociais e laborais, coas arbitrariedades das mutuas, a falta de control da Inspección de Traballo... O primeiro non sería posíbel sen o segundo.


Cada día máis paro e precariedade

Un 13,45% de desemprego –171.000 persoas!– unha das cifras máis altas do Estado español, o 35% de contratos eventuais, un 11% de traballadores/as por conta allea sen contrato, sen prestacións sociais de ningún tipo, 17.000 mozos e mozas que emigran cada ano. Son cifras que, analizadas detidamente, salientan a mala situación laboral que existe no noso País. Está atinxida por esta agresión a gran maioría da clase obreira, e moi especialmente a mocidade, as mulleres, os maiores de 45 anos que perderon o emprego, os inmigrantes, as áreas semi-rurais.


A responsabilidade do Partido Popular

A responsabilidade do Goberno central e da Xunta de Galiza, ou sexa do Partido Popular, é máis que evidente. Un postura que ademais ten pretensión de se perpetuar. Un exemplo: a proposta de Rajoy de rebaixa do IRPF no tope máximo en cinco puntos, favorecendo os máis ricos, e en tres puntos ás rendas máis baixas. Claro que, ademais, existe trampa; como a presión fiscal non baixa, substitúense os impostos directos por indirectos afectando ao consumo e sobre todo aos produtos básicos, e polo tanto agravando a situación económica dos que teñen menos ingresos. A isto podemos engadir un reparto máis inxusto dos orzamentos: reducindo as prestacións públicas esenciais (saúde, ensino, seguros laborais, pensións, etc.) e aumentando ou mantendo as subvencións ás empresas. A última destas medidas coa transferencia da formación continua.

Evidentemente estas accións negativas para as maiorías non se poderían aplicar se o conxunto do sindicalismo respóndese con coherencia e contundencia. Non é así; hai unha postura nos grandes sindicatos estatais de evitar a confrontación, de procurar en calquera contexto o pacto. E o acordo en debilidade sempre favorece á patronal, e polo tanto permite exclusivamente negociar o retroceso. Isto foi o que aconteceu nos últimos anos, e nada indica que se modifique a curto prazo.


Medre das loitas sociais

Neste marco, tan complexo, porén ao mesmo tempo de pulo das loitas sociais (lembremos Nunca Máis, a oposición á guerra contra Iraq, a LOU, as dúas folgas xerais, o conflito de La Unión, etc), o único camiño é consolidar unha ampla resposta e a mobilización, obrigando o Goberno e a patronal a negociar, a modificar a lexislación con medidas progresistas, redistributivas, e garantir que despois se cumpran.

A CIG, o sindicalismo nacionalista, dende o seu nacemento loitou contra a emigración, pola industrialización do País e a defensa dos sectores produtivos básicos, pola xeración de emprego e unhas condicións laborais dignas. Estes obxectivos teñen hoxe máis validez que nunca. Por este motivo estamos centrados na loita contra a precariedade, nunha campaña que pretende chegar a todos os centros de traballo, sensibilizar, mobilizar e acadar medidas prácticas, tanto do Goberno central, que ten a maioría das competencias, como da Xunta de Galiza, que ten a responsabilidade política fronte ao pobo galego.


A defensa das liberdades democráticas

Agora ben, neste intre, a defensa dos dereitos básicos está unida á loita a prol das liberdades democráticas, contra a represión do movemento social. As recentes sentenzas de Lugo condenando a tres compañeiros por participaren nun piquete, a un total de case 15 anos de cadea e 11.000 euros, por feitos que non pasan dun altercado menor coa policía, son graves e inxustas. Estas penas indican que a xustiza e a súa interpretación son cada vez máis favorecedoras dos sectores económicos máis poderosos, da patronal, dun réxime neoliberal e globalizador disposto a todo por garantir beneficios para uns poucos. Cantos patróns se condenan con penas tan duras mesmo por feitos moito máis graves?... A CIG vai recorrer estas sentenzas, ímonos mobilizar contra elas, xa que non poden ir adiante.


Por un salario de inserción laboral para os desempregados/as sen ingresos !!!

Medidas para reducir ao mínimo a contratación eventual e o desemprego, eliminación das ETTs !!!

Na defensa dos sectores produtivos !!!

Contra a represión do movemento sindical e social !!!

Viva o Día da Clase Obreira Galega !!!

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2004
cig.informatica