Actualidade CIG-Comunicación-
Diante das eleccións do 24 de marzo, e os efectos que estas terán para os traballadores e traballadoras galegos, unha central sindical nacionalista de clase, como a CIG, non pode permanecer indiferente ante a ameaza de novas reformas laborais, de novos recortes no sistema público de prestacións sociais, de novas medidas centralizadoras, de maiores niveis de precariedade nas condicións de traballo ou de novos recortes nas liberdades públicas, que foi o que padecimos nos últimos catro anos de maioría absoluta do PP.
Cando falamos de reformas laborais preocúpanos o anuncio recente do Partido Popular para revisar de xeito definitivo o período de cálculo, contabilizando para estes efectos toda a vida laboral do traballador/a. Esta medida pretende empobrecer sobremaneira as Pensións de todos aqueles e aquelas menores de 50 anos e fundamentalmente as da mocidade, polas continxencias de precariedade, fraude nas cotizacións, contratacións a tempo parcial, etc. Lembremos que nestas dúas anteriores lexislaturas o PP xa reduciu as pensións e que, mentres se acumula un importante superávit da Seguridade Social, diminúen as prestacións públicas e se alimentan os fondos privados para negocio dos bancos e entidades financieiras, que é a finalidade última destas medidas.
O actual ministro de traballo xa manifestou a intención de reformar a Lei para a Negociación Colectiva se gañan novamente as eleccións. Esta medida tan prexudicial para a nosa clase, contenta as reclamacións da gran patronal centralista española. Con esta reforma, preténdese destruír o principal ámbito de defensa lexislativo que temos os traballadores e traballadoras permitindo unha caída libre nos dereitos, xa que en cada empresa se poderían pactar condicións de traballo e de salario inferiores ás dos convenios superiores. Na actualidade unha empresa non pode pagar menos salario ou traballar máis horas que as pactadas no convenio provincial; con esta reforma xa sería posíbel. A maiores, centralízanse en Madrid moitas das materias dispoñíbeis hoxe nos nosos convenios, e instrúese a posibilidade do pacto individual no momento do asinamento do contrato, polo que este traballador/a podería ter diferentes horarios ou diferentes funcións ás recollidas colectivamente. Imponse aquí a indefensión absoluta e un espazo ilimitado á precariedade e o abuso por parte das empresas.
Dende o Goberno do Partido Popular a traveso do endurecemento do Código Penal e utilizando as Fiscalías, estase a perseguir e criminalizar os movementos sociais que plantan cara e responden organizadamente contra as agresións a dereitos cidadáns, colectivos e da clase traballadora, no ánimo de inmobilizalos Nesta represión enténdese a recente e inxusta sentenza que condena a case 15 anos a tres traballadores afiliados á CIG en Lugo por participaren nun piquete na pasada Folga Xeral do 2002 e a apertura de dilixencias ás testemuñas por admitir que estaban no piquete. Na mesma liña está a sentenza contra os tres dirixentes veciñais do barrio compostelán do Eixo, condenados a 21 anos por suposta resistencia ao desaloxo da policía nun corte de tráfico, no que reclamaban un paso elevado. Esta orde política de represión pretende neutralizar as Folgas da clase traballadora para materializar comodamente as súas reformas laborais, e noutra orde, calquera contestación cidadá que se opoña á especulación urbanística e ás políticas antisociais. Contrariamente, non coñecemos ningunha dilixencia da Fiscalía contra empresarios por violación dos dereitos fundamentais recollidos no Código Penal, substantivados na discriminación e represión sindical, acoso, fraude, limitación ou coacción do dereito de folga, etc. A lei do PP pode penar os inocentes e silenciar impunemente os delitos dos ricos. Para a clase traballadora galega, o Partido Popular representa o neoliberalismo que nega a Galiza os seus dereitos como nación, a posibilidade de lexislar e defender os nosos intereses, de ter un Marco galego para as nosas relacións laborais, en definitiva de crecer como Pobo. Nestas eleccións desde a CIG, polas razóns examinadas aquí, pedimos que ningún traballador ou traballadora galega, colabore en lles dar poder aos autores do despotismo do Prestige, da Guerra, das Reformas Laborais e vote polo nacionalismo galego de esquerda, no que reside necesariamente o noso futuro. | |||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2004 |