ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 11 de marzo de 2004

A CIG celebra o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
Mobilización de seiscentos delegados e delegadas en Vigo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
A CIG da comarca de Vigo fixo unha asembleia e posteriormente unha marcha ate a Inspección de Traballo co gallo do Día da Clase Obreira Galega. (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
Ao remate da proxección do vídeo interveu Manuel Mera, secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG, sobre “Globalización e precariedade”; a continuación Adao Mendes, coordinador dos Sindicatos de Braga CGTP-IN, analizou a situación laboral actual en Portugal e as propostas do seu sindicato; e finalmente Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG-Vigo, que fixo referencia á campaña da CIG contra o desemprego e a precariedade laboral, ás sentenzas inxustas de Lugo contra tres compañeiros, e á necesidade de mobilizarse para impedir que a dereita siga no Governo central, así como ás razóns para votar nacionalismo galego de esquerdas. (Ver reportaxe gráfica).
 
En todas as cidades do País a CIG convocou actos para conmemorar o 32 aniversario dos tráxicos acontecementos de Ferrol, nos que a clase obreira galega deu o mellor de si, e para loitar “Contra a precariedade, o desemprego e a represión”. En Vigo, Pontevedra, Lugo e A Coruña os actos realizáronse pola mañá, mentres que en Ferrol, Compostela e Ourense fixéronse polo serán.

A CIG da comarca de Vigo fixo unha asembleia e posteriormente unha marcha ate a Inspección de Traballo co gallo do Día da Clase Obreira Galega. As dez da mañá proxectouse un vídeo sobre as folgas de 1972, en Ferrol e Vigo, e o posterior nacemento do sindicalismo nacionalista organizado.

Ao remate da proxección do vídeo interveu Manuel Mera, secretario confederal de Formación Sindical e Migración da CIG, sobre “Globalización e precariedade”; a continuación Adao Mendes, coordinador dos Sindicatos de Braga CGTP-IN, analizou a situación laboral actual en Portugal e as propostas do seu sindicato; e finalmente Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG-Vigo, que fixo referencia á campaña da CIG contra o desemprego e a precariedade laboral, ás sentenzas inxustas de Lugo contra tres compañeiros, e á necesidade de mobilizarse para impedir que a dereita siga no Governo central, así como ás razóns para votar nacionalismo galego de esquerdas.

A partires das 12 horas os seiscentos delegados e delegadas presentes na asembleia percorreron varias rúas céntricas de Vigo en manifestación, concentrándose ao remate fronte á Inspección de Traballo onde se fixo entrega dun escrito, que reproducimos a continuación:


 Clic para aumentar
Os seiscentos delegados e delegadas presentes na asembleia percorreron varias rúas céntricas de Vigo en manifestación, concentrándose ao remate fronte á Inspección de Traballo onde se fixo entrega dun escrito. (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
 
A asemblea de delegados e delegadas da CIG-Vigo, reunida hoxe, 10 de marzo de 2004, Día da Clase Obreira Galega, perante esa Inspección de Traballo, quere manifesta-lo seguinte:

  • Esta asemblea considera que a precariedade laboral –paro, traballadores sen contrato, con “xornada parcial”, eventualidade, etc.– constitúe neste momento o máis grave problema que sofre a clase traballadora, tanto polas súas consecuencias (pobreza, exclusión, baixa natalidade, sinistralidade laboral, etc.), como polo número de persoas afectadas (máis do 50% da poboación activa).

  • Entendemos que a Inspección de Traballo é o organismo oficial que máis competencias e maior responsabilidade ten na vixilancia, inspección, sanción e corrección destas situacións de precariedade.

  • Fronte a iso, atopámonos cunha realidade ben distinta: a Inspección ten falta de medios; non actúa de forma eficaz pola súa lentitude, e nalgúns casos concretos por desidia, e mesmo ás veces polas malas prácticas, de todos e todas coñecidas, de determinadas persoas que, entendemos, polo momento non é necesario explicitar. Pero existe unha causa máis grave: desde o goberno do Partido Popular estanse dictando criterios de actuación da Inspección puramente economicistas, baseados na recadación pura e dura, esquecendo outros ámbitos de actuación importantísimos.

  • Doutra banda estamos constatando que, cada vez en maior número, existen empresas, e inclusive sectores económicos enteiros, que semellan “intocables” para a Inspección de Traballo: sectores que incumpren frecuentemente a legalidade e que dificilmente son sancionados e obrigados a cumpri-la Lei.

  • Non queremos esquece-lo noso recoñecemento ao labor que desde a Inspección están desenvolvendo determinadas persoas sque con altos criterios éticos e profesionais están levando a cabo un traballo serio e eficaz.

Por todo o dito, e cunha clara oferta de colaboración, a nosa máis enérxica e firme petición a esa Inspección para que este estado de cousas mude, para que se actúe con rapidez, eficacia e contundencia contra quen incumpre a Lei, e mais para que, facendo facultade de tódalas súas competencias, a Inspección de Traballo se convirta nunha poderosa arma na loita contra a precariedade: nese camiño contará coa axuda e o apoio da Confederación Intersindical Galega.

Vigo, 10 de marzo de 2004, Día da Clase Obreira Galega.

En nome da Asemblea,
Xerardo Abraldes Fernández, secretario comarcal da CIG-Vigo.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/03/2004
cig.informatica