Actualidade CIG-Comunicación-
Na comarca de Vigo, a xornada deu comezo ás 11:30 da mañá, hora prevista na convocatoria para a asemblea de delegadas da Central Sindical que tivo lugar no Salón de Actos do local da CIG, e que contou cunha asistencia masiva. Na asemblea, que foi presidida por Cristina Fojo, secretaria comarcal, María Reza, integrante da Executiva Comarcal e Sefi Romero, integrante da Executiva Nacional, presentouse a campaña nacional da Secretaría da Muller para o presente ano 2004, que se está a desenvolver baixo o lema “Combate a precariedade laboral coa negociación colectiva”. Dicha campaña se presenta nun díptico elaborado polo departamento da Muller da CIG, no que se expoñen nove medidas concretas para combater a precariedade e a marxinación a través da negociación colectiva, así como seis das melloras a introducir na Lei de conciliación da vida laboral e familiar.
Continuou a asemblea coa exposición pormenorizada do informe “A muller galega no Mercado Laboral”, elaborado polo Gabinete Técnico Confederal da CIG, no que se detallan os dados máis significativos relacionados con esta problemática, como son taxa de paro feminino, contratación parcial e temporal, salarios, etc. Xa pasadas as 12:00 do mediodía, as mulleres da CIG partiron do local do Sindicato cara á zona peonil do Calvario, concentrándose diante do Mercado. Encabezaba a marcha unha pancarta co mesmo lema da campaña, “Combate a precariedade laboral coa negociación colectiva”. Moitas das mulleres portaban carteis colgados dos ombros con lendas alusivas á precariedade laboral, tales como: “=Traballo =Salario”, “Salario social @s parad@s en xeral”, “Non á precariedade”, “Traballo temporal, terrorismo patronal”, “A Inspección apoia ao patrón”, “Postos de traballo, non ás horas extras”, “Tempo parcial, fraude patronal” e “Eliminacións das ETT’s”. Repartíronse dípticos da campaña, tanto entre as xentes da rúa como no interior dos comercios da zona e coreáronse consignas e cánticos. Xa pola noite, participouse na manifestación que saíu ás 20:00 horas da Praza de Portugal xunto con tódalas asociacións de mulleres de Vigo.
Na comarca de Santiago, este 8 de marzo, ás 11 da mañá concentrábanse fronte a Xunta de Galiza en Santiago, en San Caetano, máis de 100 delegadas e delegados sindicais da CIG baixo o lema “A precariedade laboral tamén é violencia de xénero”, dentro da campaña contra a precariedade laboral está a desenvolver a CIG, e desde a que se aportan distintas medidas para combater a marxinación e a precariedade á que se ven sometidas as mulleres galegas. No Día Internacional da Muller Traballadora, as mulleres e homes da central sindical nacionalista tornaban saír as rúas de Compostela para defenderen os dereitos das traballadoras, os de todas as mulleres, e para facerse escoitar.
Neste 8 de marzo, a través de todos os actos celebrados nas distintas comarcas galegas, visibilizamos a problemática da precariedade social que atravesa a vida das mulleres. Neste día reivindicamos tamén a necesidade da acción feminista no cotián para non permitiren que invisibilicen as loitas sociais das mulleres galegas. A Secretaría da Muller da CIG avalía moi positivamente a numerosa participación das traballadoras nesta convocatoria, e tamén a súa motivación para reivindicar, unha vez máis, a situación de igualdade que lles corresponde ás mulleres na sociedade. | ||||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/03/2004 |