Actualidade / Artigo 24 de marzo: Dia Contra a Impunidade Lois Pérez Leira- Dias pasados co atentado perpetuado polo grupo terrorista Al Quaeda en Madrid, os peritos en temas de terrorismo, falaban sobre os efectos psicolóxicos dunha acción desas características. Sinalaban sobre a repercusión na saúde psicolóxica dos afectados, pero tamén a multiplicación dos efectos traumáticos sobre os seus familiares, veciños e o conxunto da sociedade. A ditadura arxentina cando deseñou a sua acción de xenocidio e terrorismo de Estado, programou baixo a supervisión da CIA e o governo norteamericano, a estratéxia para sementar o terror en toda unha sociedade, co fin de que repercutise por varias xerazóns. O método era simple, habia que secuestrar e facer desaparecer a 30.000 persoas. A maioria delas representativas do conxunto da sociedade: delegados sindicais, estudantes, loitadores sociais, sacerdotes comprometidos coas causas do pobo etc. En cada bairro, en cada escola, nas faculdades, en cada município ou província tiña que haber desaparecidos. Persoas representativas que eran buscadas polos sanguinários Grupo de Tarefas, compostos polas forzas armadas ou a policia. Na maioria dos casos os secuestrados estaban indefensos, non formaban parte de grupos armados, saían do seu traballo ou estudo, ou simplesmente estaban na sua casa coa família. Asi foi como a ditadura planificou o exterminio de 30.000 persoas. A sociedade quedou inmobilizada, a acción psicolóxica cometida contra toda a povoazón, paralizou calquera posibilidade de resposta. As vítimas despois de ser torturadas, vexadas, violadas, eran tiradas ao mar, moitas delas vivas, ou incineradas, para que non ficasen pegadas dos seus corpos, para que os familiares non pudesen darlles sepultura, para que non pudesen facer o dó necesário ante a morte dun ser querido. Asi querian que a dor perdurase na conciencia e nos sentimentos de todo un povo. Estes métodos de terror foran utilizados polos nazis. Posteriormente implementáronse en países como Guatemala, Chile, Uruguai etc. Pero nunca con tal saña e planificación como naquela Arxentina de 1976. Naquel golpe de Estado habia un obxectivo estratéxico, preparar o camiño para a imposición do modelo económico neo liberal. Coa "paz dos cemiterios" chegaron as medidas do Fondo Monetário Internacional: Privatizacións, entrega do patrimonio nacional, desguace do Estado, desemprego, miséria e fame. O Estado español através das suas empresas "modélicas" participaron do festín e o reparto da tarta: Telefónica, REPSOL, e os bancos privados son claros exemplos diso. Cando o traballo suxo foi completado se pasou do terror represivo ao terror económico. Da desaparición de persoas por asasinatos á desaparición de nenos por mortandade infantil e ao rapto dos fillos dos desaparecidos e a sua posterior adopción ilegal por parte dos torturadores que ocultaban aos seus “fillos” que eles eran os asasinos dos seus pais naturais. Hoxe despois de 28 anos daqueles tráxicos acontecimentos os arxentinos comezan a realizar o dó necesário coas suas vítimas através da memória e a xustiza. Durante todos estes anos deronse pasos moi importantes para perseguir os delictos de xenocidio e terrorismo de Estado. Os xuízos de Madrid que instruiu o xuiz Baltasar Garzón contra os responsábeis dos delictos de lesa humanidade cometidos na Arxentina e Chile xeraron unha nova situación xurídica internacional. Os mesmos alentaron aos xuices e políticos arxentinos para que desen os pasos necesários para que se declarasen anticonstitucionais as leis de Ponto Final e Obediéncia Debida. Este 24 de marzo Dia da Loita Contra a Impunidade, debemos lembrar tamén aos nosos compatriotas galegos e galegas desaparecidos na Arxentina: Inés Ollero, Elsa Martínez Mesejo, José Caamaño Uzal, José Nicasio Fernández Álvarez, Ramón garcía Ulloa, Maria Seoane Toimil, Manuel Ramón Souto Lestón, Antonio Adolfo Díaz, Rubén Castro, Juan Carlos Casariego de Bel, Urbano López Fernández, Manuel Gómez Aguirre, Salvador Barbeito. O dereito á memoria debe ser un dos dereitos humanos fundamental, para que barbaridades como esta non se volvan a repetir e a Humanidade aprenda e poda recoñecer aos culpábeis, xulgalos e facer que paguen polos seus delictos.
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/03/2004 |