Actualidade CIG-Comunicación- Para os traballadores e traballadoras galegas por razóns de dependencia, esta acción política sistemática contra a nosa clase, cáusanos un dano desproporcionado na realidade social e laboral de Galiza. As taxas xa endémicas e maiores ás do Estado en desemprego, precariedade na contratación e menores en salarios, provocan un escenario preocupante ao que necesariamente deberemos contestar e mellorar. A precariedade é hoxe un investimento rendíbel para as empresas da que voluntariamente non pensan prescindir. O feito de que en Galiza, o 90% das novas contratacións realizadas no último ano son modalidades temporais e eventuais, delata unha situación desfavorábel para a clase traballadora no cumprimento dos dereitos, da xornada laboral, dos salarios e en xeral dos convenios colectivos. Sabemos que a vocación política do neoliberalismo en todos os países do mundo, indistintamente de seren gobernados por partidos de dereita ou socialdemócratas, estandariza un mesmo modelo social, recortando o gasto público en coberturas sociais (desemprego, pensións, sanidade), privatizando empresas e servizos públicos para negocio privado, reformando as leis protectoras no traballo, reducindo as garantías ante o despedimento e favorecendo a precariedade, todo para beneficio e ganancia do capital e na que resultan especialmente damnificados as mulleres e a mocidade. Por esta razón alégranos a derrota do Partido Popular como principal executor desta política, pero mantemos as nosas reservas sobre un cambio significativo deste novo Goberno do PSOE, que no seu día inaugurou as reformas de máis impacto nas pensións, creación das ETT, contratos lixo e facilidades no despedimento, pero favorécenos á clase traballadora e aos galegos e galegas en particular a ausencia dunha maioría absoluta e a necesaria conciliación e pactos nas políticas de Goberno. Consideramos, así mesmo, que este novo escenario político debe producir unha recuperación das liberdades e dereitos democráticos, atacados e diminuídos durante o mandato do Partido Popular con énfase en criminalizar precisamente os principais valedores destes dereitos, os movementos sociais e o sindicalismo nacionalista. Os casos dos dirixentes veciñais do barrio compostelán do Eixo, condenados a 21 anos por suposta resistencia ao desaloxo da policía e a sentenza a máis de 14 anos de cadea a tres afiliados da CIG en Lugo pola participación nun piquete da Folga xeral do 2002, destacan a belixerancia da dereita española contra as organizacións da clase traballadora e dos cidadáns. Por todas estas razóns, os traballadores e traballadoras galegas temos a urxencia por conquerir espazos de soberanía política para un Marco Galego de Relacións Laborais e a defensa dos nosos sectores produtivos, para promover a creación de máis e mellor emprego eliminando a precariedade. Deberá ser así, porque a política do neoliberalismo e do capital é especialmente dura contra a clase traballadora, pero aínda máis extrema nos territorios sen soberanía, como no noso caso. Neste 1º de Maio, Día do Internacionalismo proletario, debemos anovar a nosa confianza nos antecedentes da historia, demostrándonos que na conquista dos dereitos universais e na evolución dos mesmos, a clase traballadora foi sempre actor central e neste momento non será unha excepción. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/04/2004 |