Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 21 de abril de 2004

Iraq: as raíces da resistencia
 

Noam Chomsky-

La Jornada


O goberno de George W. Bush, entre os seus numerosos pretextos para a invasión a Iraq, patrocinou a visión dunha revolución democrática a través do mundo árabe. Pero a mais plausíbel razón para a invasión foi eludida: o emprazamento de seguras bases militares nun estado cliente situado no centro dos maiores recursos enerxéticos do mundo (...) Máis alá dos temas de control militar, os iraquís tamén entenden que as medidas impostas tentan reducir a soberanía económica, incluíndo unha serie de ordes para abrir as industrias e os bancos ao efectivo control de Estados Unidos.



 Resistencia iraquí
Non resulta abraiante que os plans estadounidenses fosen criticados por empresarios iraquís que denunciaron que iso destruirá a industria local. En canto aos obreiros iraquís, o sindicalista David Bacon di que as forzas ocupantes violaron oficinas de sindicatos, arrestaron dirixentes, están a facer cumprir as leis antilaborais de Hussein e entregaron concesións a empresarios estadounidenses coñecidos pola súa inquina cara aos sindicatos.
 
Moito antes dos novos estouridos de violencia en Iraq, as avaliacións de intelixencia de axencias estadounidenses admitían que "o máis formidábel inimigo (de Washington) en Iraq nos próximos meses podería ser a carraxe dos iraquís que se mostran cada vez máis hostís ante a ocupación militar estadounidense", sinalaron Douglas Jehl e David E. Sanger en setembro en 'The New York Times'.

O fracaso en entender as raíces desa hostilidade (non só da resistencia armada que atrae os titulares e as secuencias filmadas en televisión) pode só conducir a máis vertido de sangue e a un impasse.

O prolongado conflito, incluídas as horríbeis demostracións en Fallujah e outras partes, se cadra non acontecería se a ocupación encabezada por Estados Unidos fose menos arrogante, ignorante e incompetente.

Conquistadores dispostos a transferir unha soberanía auténtica, como exixen os iraquís, escollerían un curso diferente.

O goberno de George W. Bush, entre os seus numerosos pretextos para a invasión a Iraq, patrocinou a visión dunha revolución democrática a través do mundo árabe. Pero a mais plausíbel razón para a invasión foi eludida: o emprazamento de seguras bases militares nun estado cliente situado no centro dos maiores recursos enerxéticos do mundo.

Os iraquís non esquivan este tema crucial. Nunha enquisa de Gallup realizada en Bagdad e divulgada en outubro, cando se preguntou a un grupo de persoas por que Estados Unidos invadira Iraq, o un por cento dixo que era para establecer unha democracia, e o cinco por cento, que era para axudar os iraquís. O resto sinalou que o motivo de Washington era controlar os recursos de Iraq e reorganizar o Medio Oriente para satisfacer os intereses estadounidenses.

Outra enquisa de opinión en Iraq divulgada en decembro pola firma de enquisas Oxford Research International tamén é reveladora: cando se formulou a pregunta sobre o que era o que necesitaba Iraq, máis de 70 por cento dixo "democracia". Outro 10 por cento mencionou á Autoridade Provisional de Ocupación, e o 15 por cento, ao Consello de Goberno Interino iraquí. Por "democracia" os iraquís querían dicir democracia, non a soberanía nominal que o goberno de Bush estivo a propor.

En xeral, "a xente non ten confianza nas forzas de Estados Unidos e Gran Bretaña (79 por cento) ou na autoridade provisional (73 por cento)", segundo a enquisa. O favorito do Pentágono, Ahmed Chalabi, non tiña apoio ningún.

O conflito entre os estadounidenses e os iraquís en materia de soberanía foi altamente visíbel no primeiro aniversario da invasión. Paul Wolfowitz e o seu persoal no Pentágono sinalaron que "estaban a prol dunha estábel e prolongada presenza de soldados estadunidenses e dun exército iraquí relativamente débil como a mellor forma de alimentar a democracia", escribiu Stephen Glain en 'The Boston Globe'.

Esa non é democracia, tal como a entenden os iraquís. Ou como a entenderían os estadounidenses, se estivesen sometidos a unha ocupación estranxeira.

Non tiña sentido invadir Iraq se iso non conducía a estábeis bases militares nun estado dependente do tipo tradicional.

A Organización de Nacións Unidas pode ser convocada, pero Washington está a pedir que "apoie un futuro goberno iraquí de soberanía só nominal e de dubidosa lexitimidade, baixo o convite do cal as potencias ocupantes poderán quedar no lugar", comentou 'The Financial Times' en xaneiro.

Máis alá dos temas de control militar, os iraquís tamén entenden que as medidas impostas tentan reducir a soberanía económica, incluíndo unha serie de ordes para abrir as industrias e os bancos ao efectivo control de Estados Unidos.

Non resulta abraiante que os plans estadounidenses fosen criticados por empresarios iraquís que denunciaron que iso destruirá a industria local.

En canto aos obreiros iraquís, o sindicalista David Bacon di que as forzas ocupantes violaron oficinas de sindicatos, arrestaron dirixentes, están a facer cumprir as leis antilaborais de Hussein e entregaron concesións a empresarios estadounidenses coñecidos pola súa inquina cara aos sindicatos.

O resentimento iraquí e o fracaso da ocupación militar fixeron que Washington tivese que dar marcha atrás de certa maneira nas súas medidas máis extremas.

As propostas para abrir a economía ao capital estranxeiro excluíron o petróleo. Seica iso sería demasiado ousado. Porén, os iraquís non necesitan ler 'The Wall Street Journal' para descubriren que "o coñecemento polo miúdo da destruída industria petroleira de Iraq", grazas a lucrativos contratos proporcionados por contribuíntes estadounidenses, "eventualmente podería axudar a Halliburton a obter grandes contratos de enerxía" na nación árabe, xunto con outras corporacións multinacionais apoiadas por gobernos.

Falta aínda saber se os iraquís poden ser obrigados a aceptar a soberanía nominal que lles foi ofrecida polas potencias ocupantes.

Outra pregunta é aínda máis importante para os privilexiados occidentais: permitirán os seus gobernos "alimentar a democracia" e favorecer os intereses deses estreitos sectores do poder aos que serven esas administracións, malia a vigorosa oposición iraquí?


[Artigo tirado do xornal mexicano 'La Jornada', 16 de abril de 2004]

 
Volver
 

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/04/2004
cig.informatica